31/10/08
Contos de fantasmas
"O Relato Fantástico. De Poe a Lovecraft"
Esa é a recopilación de contos que estou a degustar
Trátase dunha antoloxía de relatos de carácter sobrenatural
Narracións, sobre todo do século XIX, que hoxe son clásicos
Editada por Ir Indo, a escolma é de Gonzalo Navaza
Comeza con "A caída da casa de Usher", de Poe
E remata con "O estraño", de Lovecraft
Xa coñecía ámbalas dúas obras, pero non o resto
Impresionoume en gran medida "O pacto de sir Dominick"
Un conto do irlandés Sheridan le Fanu sobre un pacto co diaño
Outro relato, de Amelia B. Edwards, adéntrase no 'ghost story'
Trátase de "A carruaxe fantasma", un dos pioneiros no xénero
-Estreitamente relacionado ademais coa lenda da Santa Compaña-
En "Quen sabe?, de Guy de Maupassant, os mobles cobran vida
O mesmo que lle ocorre a unha estatua en "A Venus de Ille"
-Relato de Prosper de Mérimée ambientado no Rosellón-
Outra narración de interés é "A liteira de arriba"
Nela, F.M. Crawford xoga cun monstro morto que cheira a mar
Así, confírmase a importancia literaria dos contos de fantasmas
Posto que constitúen a base de toda literatura actual 'de terror'
-Ademais dunha importante fonte de inspiración para a fantasía-
27/10/08
As sereas
A serea é un ser mariño que abunda nas lendas atlánticas
Trátase dunha caste de ninfa que axuda aos mariñeiros
Nada ten que ver coa serea grega, metade muller metade ave
A serea galega ten rabo de peixe e é de natureza benigna
Este ser mitolóxico está presente en toda a Europa Atlántica
E está representado dende as costas galegas ate as escandinavas
-Chegue lembrar a estatua referente á sereíña de Andersen-
No caso do noso país, hai un banco de sereas na ría da Arousa
As representacións destes seres nos escudos son aquí moi numerosas
Como ser mariño, foi adoptado como símbolo dos Mariño
Así que a serea vén advertirnos da presenza desta familia nobre
-Ou ben das relacións consanguíneas cos seus membros-
Isto ocorreu na época baixomedieval, coa chegada da heráldica
Un ser que era mitolóxico pasou a ser a marca dunha casa
Cos anos, os escudos pasaron a ser cada vez máis complexos
Pero algo tan sinxelo como unha serea a termar del puido manterse
As sereas multiplicáronse coa eclosión dos pazos dende o século XVI
Daquel tempo datan os escudos cambadeses fotografados aquí
A primeira das sereas é para min a serea por antonomasia
Encóntrase no pazo de Fefiñáns, iniciado no século XVII
En concreto, este escudo está á beira do único arco que se conserva
É unha serea rica en detalles, coma a melena ou as escamas da cola
Non é a única serea do pazo, pero si a máis salientable
No mesmo conxunto arquitectónico figuran outros escudos con sereas
Onde máis abundan, curiosamente, é nunha igrexa, na de San Bieito
As paredes leste e sur teñen cadansúa serea, coas mesmas armas
A faciana da serea do sur ten case tanta expresividade coma a do arco
Dentro do templo, rematado no século XVIII, cóntanse outras dúas
Unha delas figura no punto máis alto da bóveda, e a outra na á norte
Non lonxe, hai outra serea noutro escudo, aínda que con distintas armas
Dá a benvida ao pazo de Torrado, actual museo dos viños do mundo
O escudo encóntrase subindo polo patín cara ao interior do museo
A última das sereas das que vou dar conta está na rúa do Hospital
Na fachada dunha antiga casa señorial do centro mesmo de Cambados
Este escudo ten varias particularidades, como a súa expresiva cara
Ademais, comparte armas con tódolos escudos xa mencionados
Actualmente, a serea dos Mariño vive unha nova idade dourada
O responsable é un artista e intelectual rianxeiro do século XX
Falo, como non, de Castelao, que inmortalizou a serea nun novo escudo
Desta volta, a serea non facía alusión só a familia dos Mariño
O escudo tiña unha estrela, unha fouce e mais unha frase
A lenda dicía "Denantes mortos que escravos", referíndose aos galegos
Este escudo, xa que logo, naceu para representar a todo un país
Algo co que segue a cumprir, aínda que non sexa o escudo oficial
Posteriormente, a serea tamén se incorporou ao escudo oficial galego
Neste caso, co fin de representar o Consello da Cultura Galega
Na miña humilde opinión, este emblema é o que mellor nos representa
Contén tanto o escudo oficial coma o oficioso, e resulta máis estético
Xa postos, coido que non estaría de máis revisar isto xunto co Estatuto
A fin de contas, as sereas xa estaban aí con nós moito antes có cáliz
Moito antes có Santo Graal do Cebreiro ou o Santísimo Sacramento
24/10/08
Epílogo: Visións dende a Torre
Cíclope menor testemuño dos tempos
Un día erguícheste coma un xigante de pedra
Sobre o mar e sobre a terra, disposto a andar
Naciches nunha illa cos alicerces nos cons
E sen repouso vixías co teu ollo rectangular
Fuches cheminea nos teus comezos
Faro de guerra, escudo da ría
O azoute dos remeiros do norte
-Cando berrabas co bafo nos beizos-
Logo postrácheste de costado, coma unha serea
Esfinxe enigmática que sobre as augas velas
Mais seguiches sendo guía das traíñas e dos barcos
Atalaia eterna que resistes tantos ventos bravos
Hoxe amósaste firme e rexa
De perfil sereno e de figura egrexia
Coma unha deusa que nunca morre
Coma unha raíña, así é a Torre
22/10/08
A Torre e mais nós
Adoita supor un agradable paseo as fins de semana
E máis tendo en conta os días de sol deste microclima
-'Que solaz', que dirían os finos no lugar do sol que fai-
En pouco sitios como neste podemos colocarnos coma lagartos
Así que convén non desperdiciarmos ocasión ningunha
Na ponte sempre sopra a brisa polo verán e o vento no inverno
Non é raro ver rabaños prateados de muxes coa suba da marea
-Cruzan baixo os arcos dunha beira á outra da ponte-
Na illa soe medrar o fiuncho, que neste tempo arrecende a anís
Á outra beira da Canle, tralo Sarrido, albíscanse as Toxas
Primeiro a pequena e logo a grande, co balneario e o 'green'
A distancia ate a Toxa será duns tres quilómetros en liña recta
No medio encóntrase o Sarrido, a maior chaira do litoral galego
E todo un tesouro de especies coma o berberecho ou a ameixa
Aquí desemboca o Umia, trala chaira que tamén é o Salnés
A Canle é a continuación do río cara á ría, coa auga salobre
Coa baixamar, pódese ir a andar ate a Toxa Pequena
Pero máis vale ter en conta a Canle cando sobe a marea
Xa que se converte nunha perigosa, mesmo mortal, corrente
Entre a desembocadura do río e a Toxa Pequena hai máis illiñas
Coma a Coelleira, moi preto da fermosísima punta de Espiñeiro
E ao fondo pode ollarse o Bao, antes do istmo que é a Lanzada
Todos estes lugares conforman un espazo natural protexido
Trátase do complexo intermareal Umia-O Grove
-Unha 'zona de especial protección das aves' de primeira orde-
Máis preto da illa está Mar de Frades, o anaco de costa ate o río
Da outra beira da ponte encóntrase o peirao do barrio de San Tomé
E no medio sobresaen as estreitas rúas de casiñas mariñeiras
-Cubertas por riba de tella roxa e polos lados de cunchas de vieira-
A visión periférica deste mirador ben fai que mereza a pena ir
Pois todo isto se pode ver dende a illa da Torre, a tan só un paso
19/10/08
A ponte da torre
Cumpriría facer un par de matizacións sobre a Torre
A ponte que une a illa ao continente data do ano 95
Ate daquela, só se podía acceder coa marea baixa
O cal, claro está, limitaba bastante as visitas ao monumento
De feito, foi a partir daquela cando comezou a adquirir renome
Ao principio había unhas farolas altas no medio da ponte
Pero o público nocturno fixo que axiña deixasen de funcionar
Logo puxeron focos a ras do chan, pero tampouco duraron moito
Así que hoxe é un bo lugar para ollar as estrelas pola noite
E polo día un bo reclamo para un turismo cultural non masificado
As fotos que ilustran a ponte, retocadas, son dun tal Sacahuntos
Obtívenas do Google Earth, un programa bastante útil nestes casos
As do post referido á Torre, pola contra, conseguinas en Flickr
-Son de varios autores, algunha mesmo asinada-
E a verdade é que son unha marabilla, a cada cal mellor
15/10/08
A Torre
Este é un dos principais símbolos de Cambados
Xunto co arco de Fefiñáns ou as ruínas de Santa Mariña
Trátase da torre de San Sadurniño, que data do século X
Fora levantada para facerlles fronte ás incursións normandas
E fora reformada en tempos de Xelmírez, canda as de Oeste
As centurias non foron pasando en balde polo monumento
Ate chegar ao aspecto ruinoso, decadente e romántico de hoxe
Creo que nos últimos foi gañando notoriedade como emblema
Representa hoxe por hoxe, como ningún outro, a miña vila natal
E en concreto a resistencia e permanencia do barrio de San Tomé
Mesmo coido que está a gañar ano tras ano proxección internacional
Boa proba é que figura como escenario dunha serie norteamericana
Trátase de "Spain, on the road again", que xa comezou a emitirse
No episodio adicado a Cambados, visítanos a actriz Gwyneth Paltrow
Quen observa con atención como se recollen os berberechos
E logo deléitase degustándoos na Casa Pintos, no propio San Tomé
No vídeo promocional da serie, isto queda sobre o minuto 3
A torre tamén figura ultimamente noutros vídeos promocionais
Como este de Turgalicia, no que adorna 'un marco incomparable'
A escena en cuestión vese a partir do segundo 27
Creo que no spot tamén aparecen outros lugares de Cambados
-Eu diría que son o parador e unha casa que está en fronte-
Tamén me dá a impresión de que o hórreo é de Combarro
13/10/08
A estrela roxa
Esta estrela de cinco puntas fáiseme familiar
Si, ben podería tratarse da que se encontra arriba á esquerda
Así que aquí a temos reproducida, a modo de logo con vida propia
Dei con ela na Taberna de Toxo, entre outras fotos baixo o mar
Tamén me gustaron os retratos dos ourizos
-Que coido representan boa parte do sustento das estrelas-
Hai que ver o que un pode atopar mergullándose uns metros
E sen necesidade de viaxar a illas paradisíacas
Creo que a foto foi obtida preto da boca da ría coruñesa
Esta afección pode resultar custosa e sacrificada
-Hai que madrugar os domingos e gastar varios soldos-
Pero vese que a Toxo xa lle está a dar os primeiros froitos
09/10/08
Noces novas
Coa chegada da chuvia e do vento caeron as primeiras noces
Son uns dos meus froitos secos predilectos
Pero, curiosamente, gústanme máis cando aínda non están secos
As noces novas, acabadas de caer, teñen un sabor distinto
Unha vez aberta a casca, o corpo sae enteiro
Pódeselle quitar a pelica, posto que resulta amarga
Despréndese con facilidade da carne, aínda branca
É neste tempo cando o froito se me fai máis gorentoso
Ás poucas semanas, o froito madura, volvéndose aceitoso
E o sabor será xa o dunha noz normal, durante case un ano
Logo as noces vanse volvendo rancias, ate o novo outono
Daquela chegará un novo remuíño sanfroilanesco
E as noces volverán caer ao chan, para o meu gozo
Neste senso, teño a sorte de residir nunha noceda
E é que Lugo é a cidade galega cun maior número de nogueiras
Hainas ao pé das casas e dos camiños, dentro e fóra de murallas
E algún ano teño recollido ate un quilo de noces dunha soa árbore
Algo bo tiñan que ter os invernos setemesinos
07/10/08
Barcelona da Arousa
Este é outro blog do que tamén quería dar conta
É Barcelona da Arousa, da miña amiga Helena Domínguez
Nel dános unha visión propia dunha realidade allea
A dunha arousá de pro que reside na capital catalá
A través das súas pinceladas, descríbenos Barcelona
Distintos aspectos da cidade, coas súas luces e sombras
Dende que comezara esta experiencia, leva xa 14 entregas
Así, da súa man, puidemos saber da peor cara do Raval
Ou da reutilización dos residuos, coma os mobles vellos
Ou do lado escuro do politicamente correcto cosmopolitismo
Soubemos tamén que o 'drac' do Park Güell é un xeco
-E non unha salmántiga, como en principio podería parecer-
Xa que ela mesma adoptou sen querer un na súa propia casa
Puidemos coñecer o porqué de tanto taxista galego na cidade
E abordou xa moitos outros temas que considero de interés
Quero logo axudar a facer saber del e mais compartilo
02/10/08
Indarki
Pois si que é pequeno o noso mundiño
Dei coa primeira destas fotos vendo Capítulo 0
Aínda con lentes especiais para 3D, recoñecinos
Eran Dani e Cárol, os meus colegas vascos da Coruña
Estaban na Domus, nun encontro-proxección para blogueiros
Ao seu carón, Manolo Gago, e creo que máis xente coñecida
A segunda das fotos corresponde a Apocalipse do Porco
E seguro que hai moitas máis instantáneas por aí do evento
O blog de Dani versa sobre o mundo das enerxías
Chámase Indarki, unha palabra euskera que ten que ver coa forza
Dani -ou Indarki- leva xa catro anos dándolle voltas ao muíño
Recomendo esta bitácora aos interesados polas enerxías renovables
Que, hoxe por hoxe, é tanto como dicir a todo o mundo
01/10/08
Cumprimos un ano
.
.
Hai xa un ano que emprendín esta aínda nova aventura
Todo comezou con fotos de distintos castelos
Tanto de verdade, históricos, como ficticios
Tanto de pedra e de barro como imaxinarios
Creo que no fondo toda existencia se basea xusto niso
No equilibrio entre os castelos reais e os que facemos no aire
Pedra a pedra, bloque a bloque, vou construíndo este castelo
A outra parte desta dicotomía constitúena os pitufos
De feito, nun principio tamén lles dedicara bastante espazo
A tratar de explicar que no fondo todos somos algo pitufos
Nun mundo globalizado, somos pequenos pero únicos
Somos case insignificantes pero ao mesmo tempo importantes
Importantes dentro das nosas pequenas comunidades
Que canto máis importante se cre alguén, máis pitufo é
E viceversa, pois entre nós somos grandes na nosa humildade
Entre os nosos, construímos castelos no aire do futuro
O Castelo dos Pitufos é tamén compartir un pouco de todo
Ao longo deste tempo, dalgunha maneira intercambiamos emocións
Dende experiencias estéticas ate anacos de vida
O meu máis fondo agradecemento aos que lle dan sentido
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Providence
Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...
-
Sempre considerei que os meus mellores amigos son meus pais Por múltiples razóns, comezando polo trato que nos demos Meus irmáns sempre os...
-
Boa parte das andainas das últimas semanas dediqueinas a coñecer mellor o Fervedoira Deste río do cinto verde de Lugo unicamente percorrera ...
-
Parece que foi o outro día cando fixen vinte anos en Lugo , e resulta que xa pasaron outros cinco Hoxe mesmo, cúmprese un cuarto de século d...