26/08/14

O castelo de Malbork



A uns 60 quilómetros ao sueste de Gdansk encóntrase o castelo de Malbork
Cunha área de 21 hectáreas, trátase da meirande fortaleza gótica de Europa
Ademais, está recoñecida como a máis grande estrutura erguida con ladrillo
Foi fundada pola Orde dos Cabaleiros Teutónicos contra finais do século XIII
A súa finalidade era servir de base para conquistar e cristianizar os prusianos
Como defensas, conta con altos muros, torres, fosos e mais pontes levadizas




A construción desta cidadela prolongaríase durante máis de dous séculos
Nese período, chegou a converterse na capital dun vasto estado monástico
As distintas salas, elegantemente abovedadas, dan testemuño daquel tempo




Hoxe en día o castelo está distinguido co título de Patrimonio da Humanidade
Recibe centos de miles de visitantes, para os cales se recrea toda unha época




Tivemos a oportunidade de ollar esta magnífica fortaleza ata en dúas ocasións
Na primeira, de paso, ficamos impresionados, e logo xa entramos ata a cociña


20/08/14

Gdansk



A cidade polaca de Gdansk é unha das urbes máis fermosas que vin na miña vida
Con ela vou iniciar o relato do percorrido que fixemos por Polonia nos últimos días
O símbolo deste antigo porto hanseático é o maior guindastre medieval de Europa
Funcionaba cun sistema no que os homes movían as roldanas coma os hámsters




A capital da Pomerania Oriental asómase colorida ao esteiro do río Motława
As fachadas altas e estreitas amosan a influencia da arquitectura holandesa
Por esta cidade portuaria do Báltico pasaron tamén alemáns ou escoceses
Hoxe en día os cruceiros traen a diario milleiros de turistas de medio mundo
Ademais do dique fluvial, a praza do Mercado é outro dos atractivos do lugar




Famosa en toda Polonia, a rúa Mariacka é unha das máis senlleiras da cidade
En cada baixo hai unha xoieiría especializada nas pezas feitas co ámbar báltico




A visita a Gdansk coincidiunos coa celebración da feira de San Domingos
Dura tres semanas e amosa multitude de postos de artesanía internacional



Outro punto de interese é a ponte do Pan, tamén chamada "dos namorados"
Cruza a canle Radunia, que move o Gran Muíño, unha marabilla no seu tempo
De feito, chegou a supoñer a maior planta industrial europea na Idade Media



Para rematar a nosa estadía nesta fascinante cidade, degustamos a bebida local
Falo da Goldwasser, "a auga dourada", un licor de herbas con laminiñas de ouro


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...