27/08/09

O Limón-Cthulu


Seguindo coas fricadas estivais, chegamos ao punto culminante
Aquí temos o auténtico Limón-Cthulu, a froita vida do máis aló
Conta coas súas innumerables patas con forma de tentaculiños
Moi grande non é, como se pode comprobar no retrato da criatura
Nin falta que lle fai para ofrecer unha grata compaña polo verán
Sobre todo nas bebidas, posto que sempre dá un toque refrescante
E contribúe tamén cunhas pinguiñas de horror cósmico e ominoso
Nada mellor que un gintonic con este limón para combater a calor
Supón o antídoto perfecto contra o tempo visguento e pegañento
A 'cousa' apareceu un bo día na ponla dun limoeiro duns tíos meus
Movido polo interese científico, sometín este ser a diversas probas
-Sen que, mal que me pese, conseguise averiguar cal é a súa orixe-
Actualmente, mantéñoo no conxelador da casa en estado latente
Poida que algún día saibamos máis sobre el e o esperte do seu sono
Entrementres, o frío conserva este exemplar único na súa especie

21/08/09

Unha de polbo e outra de luras


Hai uns días demos en Cambados cun boneco moi particular
Tratábase nada menos que dun polbo á feira de artesanía
Sobre unha luva de la artellábanse os tentáculos de esponxa
En movemento, e cunhas gargalladas de fondo, resulta arrepiante



Este último exemplar da tenda acababa de ser adquirido por Beni
-Cousas de ter sobriños aínda pequenos, que son a excusa perfecta-
Menos simpáticos foron estes outros cefalópodos que paso a mostrar
Fálovos das luras que atoparon uns mergulladores en California
Eran luras xigantes de Humboldt que apareceron por sorpresa
E que cara de poucos amigos tiñan estes entrañables 'Calamardos'
Recomendo ver o vídeo a pantalla completa para facerse unha idea

14/08/09

Silvio José, Fito e Pita


Cen páxinas de puro pracer; iso foi o que me regalou Marta
Refírome ao libro “Silvio José Emperador”, de Paco Alcázar
A obra é unha escolma das páxinas de Silvio José en 'El Jueves'
Que, xunto con Ortega e Pacheco, é un dos meus ídolos da revista
Sivio José “El Buen Parásito” aos seus 45 tacos vive co seu pai
-Un velliño xubilado que non sabe como desfacerse do seu fillo-
O seu mellor amigo está peor ca el e é escravo do seu Geyperman
Logo está Cubero, falso profesor de autoescola e poeta infantil
Berta Cortés, a nai de Silvio José, que está neurótica compulsiva
E o doutor De la Cuadra, o psiquiatra que os desatende a todos eles


O outro agasallo de Marta é "Fito & pita", de Alberto Guitián
Fito e Pita son dous xubilados que se meteron e se meten de todo
O lema destes dous vellos macarras é “Xa postos, postísimos”
Como o son tamén “Older & Bolder” ou “Old bakalas never die”
Outro dos personaxes é Senén, namorado dunha das súas vacas
Ou Benito, que viste de prusiano nos enterros para darlles caché
Don Cariote é o párroco exorcista, a quen axuda o enterrador
Que á súa vez é xenro do alcalde pedáneo, ataviado coma JR
As mulleres dos protagonistas tampouco teñen desperdicio
Son Lourdes a pulpeira, cun rabo de polbo tatuado no brazo
E mais Fátima, que vende farlopa para montar unha boutique
As súas aventuras públícanse cada mes na revista 'Retranca'


Para finalizar, agradecer tamén a Marcos o disco que me regalou
Trátase de “The Private Press”, do californiano DJ Shadow
Encantoume “Six Days”, cun sampler dunha banda de gaitas

07/08/09

Bóveda


Este é, probablemente, o arco de ferradura máis antigo de Europa
Data nada menos que do século IV e encóntrase ás aforas de Lugo
Forma parte do conxunto monumental de Santa Olalla de Bóveda
-Que é practicamente coetáneo da muralla e das termas romanas-
Fomos de excursión visitalo coa excusa de que eu cumpría anos
-Iso si, tras obsequiármonos cunha boas carnes e verduras á grella-
Non vimos ningún visitante de aquí, pero si había turistas alemáns
-Vese que teñen boas guías, están ben informados e poñen ganas-
O acceso contaba a cada lado cuns relevos un tanto misteriosos
Había non se sabe se un grupo de homes ou de mulleres gravados
Tamén había unha persoa cunha especie de guirnalda por riba dela
E víase tamén o que parecía un par de tolleitos esculpidos na pedra
En fin, que polo visto ninguén sabe exactamente de que se trataba




O monumento foi descuberto nos anos 20 por pura casualidade
Sábese aproximadamente de cando data, pero pouco máis
Ignórase se nun principio era un templo, un ninfeo ou todo á vez
Tampouco se coñece o seu uso posterior, e nin sequera se o tivo
Dentro consérvanse tres columnas arredor dun estanque de auga
Podería ser, polo tanto, que se tratase dun lugar con augas curativas




Aínda que tampouco se descarta unha función funeraria do edificio
De feito, entre as numerosas aves dos frescos figura un ganso
O cal seica simboliza o tránsito cara á outra vida, pero non sei eu
A min dáme que os motivos pictóricos tiñan unha función máxica
En concreto de maxia simpática, porque eran todas aves de caza
Había ademais faisáns, galos e perdices; é dicir, aves para papar


Europa Park

  Hoxe fai anos a nosa filla, que nestas vacacións coñeceu de primeira man un dos mellores lugares do mundo para entreterse e pasalo ben Con...