20/06/08

A meu pai

Sempre considerei que os meus mellores amigos son meus pais 
Por múltiples razóns, comezando polo trato que nos demos 
Meus irmáns sempre os trataron de vostede, ao contrario do que eu 
Son cousas de ser o benxamín e das diferenzas xeracionais 
O caso é que de pequeno pasei moito tempo co meu pai 
Tanto ou máis que cos rapaces da contorna 
Cando non estaba na escola ía co meu pai a onde queira que fose 
Se ía visitar uns amigos, alá ía con el no catro latas que tiñamos 
Se ía lles dar unha man de sulfato ás viñas, aló ía con el 
Se ía trafegar á adega, aló ía tamén 
A cuestión era botarlle unha man, e de paso facerlle compaña 
Supoño que sería un xeito de compensar unha carencia 
Refírome ao tempo que non puidera pasar cos meus irmáns 
Cando eles eran pequenos, meu pai traballaba en barcos mercantes 
-Dende finais dos anos sesenta ate principios dos setenta-
 Así que ese tempo que non puidera estar con eles pasouno comigo 
Del non só herdei este, modestia á parte, hercúleo físico que posúo 
Tamén lle debo ese, maldita sexa, estraño hábito de ser currante 
E mais, polo que xa se pode deducir, o amor pola natureza 
Ao que hai que engadir a honradez que me inculcou 
E mais a, en ocasións, brutal honestidade 
A campechanía, como non, tamén vai incluída no pack 
Cando navegaba, meu pai era o cociñeiro 
-Ademais de cortarlles o pelo aos membros da tripulación- 
Polo que, en parte, tamén lle debo a afección á cociña 
Ou o feito de estar rodeado de arte africana dende pequeno 
-Tanto tallas de caoba como cadros do Camerún- 
O que me supuxo tamén un pulo para me afeccionar ás artes 
Os seus relatos de lobo de mar espertáronme outra curiosidade 
Sempre tiven necesidade de ver mapas, por aquilo de situarme 
Para saber onde estaban Port Mobile, Antwerpen, ou Maracaibo 
Ou o estreito de Messina, ou o cabo Norte, ou o golfo de Guinea 
Tal como atestemuñan fotos con quenllas do Caribe 
Ou en cargueiros ou portacontáiners que cruzaban mares xeados 
En consecuencia, tamén lle debo o afán por coñecer a xeografía 
Tamén me contou historias de sereas na costa norte de Rusia 
Onde me dixo que atopara as mulleres máis fermosas do mundo 
Agora, meu pai xa está xubilado 
Pero garda como preciosas xemas nun cofre todas estas lembranzas

Ningún comentario:

Europa Park

  Hoxe fai anos a nosa filla, que nestas vacacións coñeceu de primeira man un dos mellores lugares do mundo para entreterse e pasalo ben Con...