31/01/13

Conexións



O colectivo artístico do Salnés "Habelas" está a expoñer obras dos seus 29 membros
A mostra pode ollarse na sala Rivas Briones, na rúa Alcalde Rey Daviña de Vilagarcía
Supón, de feito, a presentación en sociedade de toda unha xeración de novos talentos
Trátase de mozos, a maioría da contorna, interesados na expresión a través das artes
Decidiron agruparse no verán de 2012, e a súa asociación xa deu os primeiros froitos
Entre esta pléiade de artistas de seis disciplinas distintas figuran varios amigos meus
É o caso de Suso Gómez, un escultor cambadés de inspiración próxima ao ciberpunk
Melómano, cinéfilo e mais dotado dunha gran sensibilidade, encántalle a ciencia-ficción
Na foto está á dereita, xunto con varias pezas súas e Isi, outro colega da cuadrilla



Sobre estas liñas campa un soberbio exemplar de billafante, un ser creado por Suso
Con corpo de granito e cabeza de surtidor, deulle vida coas súas mans de demiúrgo
Como ás pedrarañas e outras criaturas que pululan pola súa mente e polo seu taller
-De onde saíron pezas tan ousadas como esta representación do mesmísimo Cthulu-
Algunhas delas poden verse neste blog do propio autor, quen xusto neste día fai anos
Vaian por diante os meus parabéns, tanto polo aniversario como polo labor feito



A colectiva tivo un éxito de público xa na súa inauguración, a pasada fin de semana
A maior parte dos integrantes de “Habelas” recorren á pintura como vía de expresión
Unha das pintoras que toman parte na mostra é Nesti, tamén do círculo dun servidor
Expón o colorido retrato de varios membros dunha mesma familia nun contexto tribal



Quen admira a obra realizada por Nesti é Beni, outro apreciado compañeiro de fatigas
E amiga tamén de todos os mencionados é a autora destas excelentes instantáneas
Refírome á fotógrafa Anabel Carrión, que conta cunha bitácora chamada Turistrazos
-E mais outro blog, cos textos redactados en alemán, que se denomina Atlantikgrün-
A exposición, Conexións, poderá visitarse na vila arousá ata o vindeiro 24 de febreiro


Paisaxes de Lugo (IX)

  Cunha mañá neboenta de finais do inverno no parque de Rosalía dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses Foi captada ao carón ...