28/10/24

O parque de Marcos Cela

 

Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo
Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co chan alfombrado de ourizos e de castañas
Tamén de abelás e de noces, de choupíns, de boletos e doutros cogomelos vistosos de peor fama




Visitar pola mañá cedo este espazo nas costas do sur da urbe supón todo un espectáculo
Coma nunha toma digna de Terrence Malick, os feixes de luz non deixan de se filtrar entre a follaxe




Son as raiolas do sol nacente a se precipitaren grávidas cara ao río
O parque está encravado nas costas entre a avenida de Magoi e a estrada N-VI
Á súa vez, a vía separa este espazo verde do paseo do Miño á altura das termas romanas




O parque, rico en carballos e castiñeiros centenarios, conecta o de Rosalía coas carballeiras da Estrada da Granxa, ao pé do campus
É, por tanto, un pulmón verde de importancia estratéxica que se salvou do urbanismo salvaxe que asolou a zona grazas ao seu desnivel




Unha senda atravesa os xardíns dun extremo a outro, dende Acea de Olga ata A Volta da Viña




Neste último extremo do parque hai un miradoiro cunhas fantásticas vistas do río e da ponte romana
Tamén hai unha pérgola aínda por aproveitar, coas arañeiras propias deste tempo tecidas nos ángulos baleiros




Por sorte, puiden coñecer en persoa a figura que lle dá nome a este espazo verde




Marcos Cela fora concelleiro, nacionalista, no primeiro goberno bipartito deste século
Ocupara o cargo de tenente de alcaldesa e fora responsable da área de Medio Ambiente
Falecido hai dúas décadas, a lembranza máis entrañable que atesouro del fora polo Entroido
De complexión forte, ía disfrazado do meu querido Obélix, quen sempre me acompaña no chaveiro

Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...