Vimos de visitar na Cidade da Cultura a exposición 'Francisco Asorey, unha recuperación necesaria'
A mostra reúne algunhas das obras máis importantes do gran renovador da arte escultórica galega do século XX
É o caso de varias das súas tallas de madeira policromada máis coñecidas, traídas dende distintas entidades museísticas do país
Por exemplo, a 'Filliña' do Museo de Belas Artes da Coruña, ou o 'San Francisco' e a 'Ofrenda a San Ramón', do Museo Provincial de Lugo
Non podía faltar 'O Tesouro', unha das pezas máis prezadas do Museo Provincial de Pontevedra
Sobre estas liñas podemos velo, cara a cara, fronte ás tallas que habitualmente dan a benvida ao segundo andar no museo lucense
A cantidade de exemplares en miniatura desta escultura, de distintas tiraxes, dan idea da súa enorme popularidade
Varias das pezas foron traídas dende distintos puntos do País Vasco expresamente para esta exposición
Son a 'Nai de Dor', do Museo de Arte Sacra de Biscaia, e o 'San Xosé', da parroquia de Santa María de Gernika
Doutra igrexa parroquial foi emprestada esta Virxe do Carme que pertence a en Santa María dos Baños, no centro de Cuntis
Tamén de Euskadi, e mais de Cataluña, viñeron estoutras tallas de temática relixiosa
Son o Cristo do Perdón dos salesianos de Barakaldo e os anxos orantes de Gernika, por unha banda
E por outra, o sobrecolledor Cristo de Moià, cedido pola parroquia de Santa María de Moià, na diocese barcelonesa de Vic
Do museo pontevedrés procede tamén o 'Rezo de beatas'
Sobre estas liñas, vemos os 'Cabaleiros negros' dunha colección particular
E, entremedias, temos un un baixorrelevo cun 'San Francisco' pertencente a unha galería de arte
Na mostra pódense ollar varias máscaras mortuorias realizadas por Asorey
A primeira corresponde a Cabanillas e a segunda a Valle-Inclán, ambos veciños tamén de Cambados
Outro artista, o fotógrafo Ksado, retratou o escultor en varias ocasións, como foi o caso do Panteón do Centro Galego de Bos Aires
As imaxes aéreas das grandes esculturas de Asorey en espazos públicos tamén están presentes na exposición
Entre elas algunhas tan populares como o monumento a Curros Enríquez na Coruña ou o monumento a San Francisco en Compostela
Os bustos de numerosos persoeiros ocupan boa parte da sala do museo Gaiás dedicada á obra de Asorey
Nela non falta unha copia en bronce dunha escultura dos anos 40 que retrata a que fora a dona do artista, Jesusa Ferreiro
A mostra, con medio cento de esculturas, unha decena de escaiolas e moito máis, poderá visitarse, de balde, ata o vindeiro 5 de abril



























Ningún comentario:
Publicar un comentario