26/04/26

Lugayazo



Nos case 27 anos que levo en Lugo, nunca antes a cidade caera en mans da dereitalla
Ata agora, tras o tamayazo que vén de presenciar, atónito, o conxunto da cidadanía galega
Só a desesperación por se facer co poder quen o ansía a calquera prezo pode explicar o acontecido
As enquisas negábanlles os populares lucenses o bastón de mando por, cando menos, outros cinco anos máis
Nin sequera coa posible aparición no taboleiro da partido máis rancio, galegófobo e fascista darían asaltado a praza Maior
Ante este panorama, optaron por adiantar pola ultradereita e perpetrar o lugayazo a só un ano dos comicios locais, co apoio dunha traidora


Utilizo este termo porque o de tránsfuga é algo que lle queda bastante curto a quen traizoou os seus compañeiros finados no mandato
En concreto a partir de marzo de 2025, cando morreu a anterior alcaldesa, seguida doutros dous edís que foron en listas con ela
Seis meses despois do pasamento de Paula Alvarellos deixábanos Pablo Permuy, e pasado outro medio ano, Olga López
Dos oito concelleiros socialistas electos, faleceron tres, o que dá unha mortalidade de 375 óbitos por cada mil
A fatalidade cebouse de xeito disparatado con quen compartiu filas durante décadas con esa mazá podre
Evidentemente, na sede do PP lucense coñecen as regras non escritas máis elementais da política
Saben que esta xogada non é nin ortodoxa nin ética nin aceptable para ninguén con conciencia
-Por moito que se agarren como a un cravo ardendo ao caso de Noia, sen defunto ningún-
Pero unha vez sopesados os pros e os contras, decidiron realizar unha aposta arriscada
A esperanza dos de Cabanillas 14 radica na desmemoria colectiva pasado xa un ano
Nas municipais, aspiran a partir dunha posición de vantaxe ostentando a alcaldía
Será en maio de 2027, cando moitos esquezan este asalto preeiro á praza Maior
Porque, no fondo, o que fan é permitir que muden as furnas o elixido nas urnas


Ata daquela, non cabe dúbida de que a Xunta tenderá unha alfombra vermella
Todos os proxectos bloqueados ata agora terán luz verde dende San Caetano
E dos que non sexa posible, hanse preocupar de botarlle a culpa ao bipartito
O malo é todo canto isto implica, canto poden chegar a desfacer do xa feito
Cando cheguei, en 1999, Lugo era unha cidade sucia, rota e abandonada
En poucos anos, progresou ata brillar con luz propia a urbe que é hoxe
Agora, esperemos que non lle dea tempo a causar danos irreparables
Que non suceda como en 2015, cando Candia presidiu a Deputación
Durante anos, houbera actuacións para todas as idades nos xardíns
E en só tres meses, foi quen de desterrar a cultura alí onde florecera
E todo legal, en virtude dun estudo asinado por un ex edil popular
Coa excusa dun aparcadoiro soterrado, foron reducindo a cabida
Ata que chegou un punto en que case ninguén podía ter acceso
Así foi como se portaron con aquilo que eles non presupostaran
E neste 2026 seguro que van reproducir esa maneira de actuar
Como se botar sal na nosa terra figurase no ADN da pepeirada

Pero non todo vai ser triste arredor desta moción rastreira
A cidadanía luguesa respondeu con firmeza e ante a gravedade dos feitos
O pobo soubo estar á altura, apoidando masivamente unha concentración multitudinaria
Máis de 6.000 persoas amosaron o seu descontento, mesmo superando as expectativas da convocatoria
E isto é precisamente o que preocupa entre os guionistas do culebrón Candia Candia: que o electorado lembre e que non perdoe


Ademais da creación da plataforma Democracia si transfuguismo non, o lugayazo tamén nos deixou imaxes hilarantes memorables
É o caso, por exemplo, da montaxe que encabeza este post, que foi ideada por Chan das Bocas, ou esta outra do sempre xenial Cascarelo

Lugayazo

Nos case 27 anos que levo en Lugo, nunca antes a cidade caera en mans da dereitalla Ata agora, tras o tamayazo que vén de presenciar, atóni...