23/06/17

A fin do mandilón


Hoxe mesmo miña filla, de cinco anos, remata o ciclo de educación infantil
Acábase así para ela a 'era do mandilón', pois xa non o volverá ter que poñer de novo
Durante case a metade da súa vida, que logo se di, vestiu esa peza de roupa cada día de clase



Ao longo destes tres anos de infantil, a rapariga fixo bos amigos nas aulas
Algúns mesmo a convidaron á súa casa, e nós respondemos con reciprocidade
Pero non só adquiriu a base dos seus coñecementos académicos no colexio ao que vai
Noutros lugares, como nas bibliotecas ou en Preescolar na Casa, tamén puido aprender moito



No último curso Selma asistiu tamén a actividades extraescolares en Semente Lugo
Alí pasouno estupendamente, celebrando tanto o magosto coma o entroido ou os maios
O mesmo podemos falar de Espazo Artístico 10,  a súa academia de teatro e mais de danza




Agora que deixa atrás esta etapa da súa vida, sabe tanto como para ensinar ela mesma
-Encántalle xogar a ser a profesora, tanto cos bonecos como con outros nenos ou cos adultos-
Todas estas lembranzas da idade dourada da infancia ficarán para sempre no xardín da súa memoria


Paisaxes de Lugo (IX)

  Cunha mañá neboenta de finais do inverno no parque de Rosalía dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses Foi captada ao carón ...