13/07/17

As praias da Chá



Nas últimas semanas tivemos ocasión de visitar varias praias fluviais na Terra Chá
Unha delas foi a de Begonte, situada na ribeira do Ladra, que ten un areal ben xeitoso
Neste treito o río discorre baixo e manso, polo que é óptimo para se bañaren os cativos
A nosa filla, xunto con outros raparigos, puido así refrescarse nunha tórrida tarde de verán




A praia encóntrase xunto ao parque do club fluvial begontino, preto da vila
Como era principio de temporada, o acceso ás instalacións saíunos de balde




Uns caneiros permiten o paso a pé cara á outra beira do río
Dende o medio pódese apreciar aínda mellor a riqueza natural da zona
De feito, a área está protexida, posto que forma parte do LIC Parga-Ladra-Támoga
Este lugar de interese especial está á súa vez integrado na reserva da biosfera Terras do Miño




Sen dúbida, era o mellor lugar onde pasar unha tarde a máis de 35 graos




Noutro día, non tan caloroso, dirixímonos a Santa Isabel, en Outeiro de Rei
Se en Begonte tiveramos un xantar, nesta carballeira estivemos de merenda cuns amigos 




É aquí precisamente onde desemboca o río Ladra no "Pai Miño"
A área recreativa, tamén próxima á vila, atrae numerosos visitantes




Desta volta, cadrounos presenciar unha foliada con grupos de todo o país
O 'convivio' estaba organizado, entre outros, pola Casa-Museo de Manuel María
Nel mesmo puidemos reencontrarnos cuns curmáns de Cambre que acudiron á cita
E, por suposto, os que mellor o pasaron foron os pequenos, que non pararon de enredar



Paisaxes de Lugo (IX)

  Cunha mañá neboenta de finais do inverno no parque de Rosalía dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses Foi captada ao carón ...