01/09/18

Londres en familia



Nesta data sinalada, primeiro de setembro, a nosa filla fai sete anos
Este verán obsequiámola coa súa primeira viaxe en avión, ata Londres
Tamén botamos un día en Southampton, onde visitamos o Paultons Park
Unha das zonas do parque é o Peppa Pig World, con numerosas atraccións
Entre elas, a escola de Madame Gazelle, o 'windy castle' ou os 'muddy paddles' 




O parque encóntrase nos antigos xardíns dunha mansión xeorxiana incendiada no s.XX
Ademais do Peppa Pig World, consta doutras zonas, coma o Lost Kingdom ou o Critter Creek




Tamén ofrece actuacións musicais, en que tanto os nenos coma os maiores podemos cantar e bailar
O certo é que o pasamos moi ben e que foi unha xornada que de seguro Selma non ha esquecer na vida




Os días seguintes dedicámolos a coñecer algúns dos principais monumentos da capital inglesa




Dirixímonos ata a Torre de Londres, onde vimos os famosos sentinelas facendo garda
Ademais, escoitamos as explicacións dos non menos coñecidos gardiáns da torre, os 'beefeaters'
Tamén tivemos a oportunidade de ver de preto os célebres corvos deste castelo que é patrimonio mundial 




No interior das murallas desta fortaleza medieval puidemos retratarnos cun casco de época




Á beira deste forte, sobre o Támesis, encóntrase a icónica ponte da Torre
A través dunhas esclusas, as embarcacións de recreo acceden a unha dársena moi próxima
Alí xantamos nun florido restaurante chamado The Dickens Inn, que antigamente, no s.XVIII, era un almacén




Tamén paseamos moito e coñecemos algúns dos recunchos verdes que se agochan na City
Pola beira sur do río vimos a réplica de The Globe, o teatro onde Shakespeare estreara obras inmortais
Percorremos varias veces este paseo fluvial, coñecido como o Queen's Walk de South Bank, a zona do noso hotel




Tivemos a 'sorte' de ver a torre do Big Ben, no palacio de Westminster, en obras
Tamén pasamos en varias ocasións polo mercado de Borough, un dos máis antigos da cidade




Dende o barrio onde nos hospedamos, Southwark, tamén fomos ata St Pancras e King's Cross
Nesta estación vimos ringleiras de 'potterheads' prestos para se fotografaren nunha virtual plataforma 9 e 3/4




Tamén fixemos unha ruta guiada a pé dende Hyde Park até o centro do West End
Polo camiño, pasamos por Buckingham Palace, polo Green Park e mais polo St James Park




Na National Gallery admiramos obras dalgúns dos mellores pintores impresionistas franceses




Foi o caso de Un baño en Asnières, de Seurat, ou do Tigre na treboada tropical, de Rousseau
Tamén vimos Os Xirasoles, entre outros cadros de Van Gogh que, certamente, lle gustaron á pequena
Antes de despedirnos, xantamos no Rain Forest Café, un restaurante dirixido aos cativos e ambientado na selva


Paisaxes de Lugo (IX)

  Cunha mañá neboenta de finais do inverno no parque de Rosalía dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses Foi captada ao carón ...