22/11/07

Nils Holgersson


Que dicir de Nils Holgersson!
Ese si que é un personaxe
Foi creado pola sueca Selma Lagerlöf
Unha das primeiras Nobel de Literatura
Aló polos albores do século pasado
"A marabillosa viaxe de N. H. a través de Suecia"
Así era como se chamaba no texto orixinal sueco
Logo os xaponeses fixeron unha versión anime
"Nils -'Nirusu'- no Fushigi na Tabi", chamábase
Iso foi xa a principios dos anos 80
E así foi como puiden coñecer esta historia
Que entrañable, que recordos...
Máis tarde xa puiden ler a novela varias veces
O de Nils tamén é un personaxe subversivo
-Tanto como o de Pippi, aínda que non o pareza-
Pero á súa maneira, co seu espírito ecoloxista
Debera ser unha obra de referencia para os verdes
Para todo verde que se prece como tal
Que grandes obras, as das escritoras suecas
-Estas son as suecas das que puiden desfrutar...-
Se aínda non liches esta novela, a que esperas?
De poderes, segue tamén os pasos de Nils
Viaxa dende o sur ata o norte de Suecia
Ata a mesma Laponia, coma os gansos salvaxes
Eu, no seu momento, non perdín ocasión de facelo
E de verdade que non me arrepinto






21/11/07

Pippi Langstrump




Logo da peregrinaxe anual ó "Escorial" xa estou de volta
Con novas tan afables como esta
A do centenario do nacemento de Astrid Lindgren
A escritora sueca que escribíu Pippi Lagstrump
Ou o que é o mesmo, Pippi Mediaslongas
A que sae na foto é Inger Nilsson
A actriz que encarnou a Pippi nas pantallas
A pequena musa daquela época hippy
Tan roiba, tan penicosiña, tan riquiña ela
Coido que de pequeno estaba algo namorado dela
Como da princesiña da Historia Interminable
-Pero esa xa é outra historia-
En todo caso, que grandes escritoras deu Suecia
Como non, outro día falarei de Selma Lagerlöf
A autora de Nils Holgersson

16/11/07

A ascensión do Gran Mal


Para concluírmos esta semana pseudocultureta
-E seguindo o fío discursivo, como mandan os cánones-:
Veleiquí "A Ascensión do Gran Mal", de David Beauchard
Trata da difícil relación do autor co seu irmán epiléptico
De feito, o gran mal ó que fai referencia é a epilepsia
-Dado que é unha das denominacións que recibe en francés-
A historia comprende dende os anos 60 ate a actualidade
Consta de seis tomos -este é o cuarto-, a cada cal mellor
Obsérvase como medra, evoluciona e empeora a doenza
E como a familia protagonista loita sen tregua contra ela
Un cómic de referencia sobre os conflitos fraternais
Á vez crítica, íntima, intelixente e emotiva

15/11/07

Persépolis


Xa postos, imos comentar un chisco máis sobre Persépolis
Trátase da opera prima de Marjane Satrapi
Fálase de que é o primeiro cómic feito por unha iraniana
E de que o autor francés David Bouchard a animou a facelo
O mesmo David B. responsable de "L'ascension du haut mal"
Que á súa vez tamén é un personaxe de Persépolis
-Que pequeno é este mundo de pitufos!-
En resume, revolucións e guerras persoais e públicas
Ditaduras e liberdades, "sorrisos e bágoas" con algo de xeito
E agora vén a frase típica:
"Se che gustou a peli gustarache o libro"
Pois iso

13/11/07

Dos debuxos para maiores (II)

É outro filme (de animación?) interesante
Trátase de "De Profundis", de Miguelanxo Prado
Unha sucesión de láminas que cobran vida
Acompañadas pola música de Nani García
É dicir, unha obra integramente galega
Que bebe de fontes coma os cadros de Lugrís
O fondo mariño como fonte de inspiración
O mar como motor dun onirismo primixenio
A volta ás orixes míticas dun pobo coma o noso
Ás orixes atlánticas, ás estrelas e ós petroglifos
Había tempo que non vía algo tan pulcro
E ó mesmo tempo tan certamente noso

12/11/07

Dos debuxos para maiores


A animación estase reinventando a si mesma
A animación de toda a vida, a dos debuxos
E mesmo a partir dos clásicos máis recentes
Como é o caso desta brillante Persépolis
O cómic é unha desas obras que che axudan
No sentido máis amplo deste verbo
-A pasa-lo tempo, a entender mellor o mundo...-
O filme baseado na novela gráfica é bastante fiel
Máis resumido, como é lóxico, aínda que con novas achegas
Pero igual de cru e igual de entrañable
Con toda a inocencia da autora na súa infancia
-É autobiográfica e está narrada en primeira persoa-
Con tódolos seus desenganos na súa adolescencia
E con tódolos seus desenganos... na súa mocidade
En particular no terreo das relacións humanas
E sen esquecer o triste panorama da realidade política
A versión orixinal en francés é impecable
Coas voces de Chiara Mastroianni e de Catherine Deneuve
E, en todo caso, o cómic xa se pode conseguir nun só volume

02/11/07

Os solpores na ría


Hai que ver como corre o tempo
Xa estamos en novembro
Cos seus solpores na ría
Como o captado nesta instantánea
A ría de Arousa dende Cambados
Cando o sol se pon na boca mesmo da ría
É o que ocorre no entretempo
Tanto en abril como agora en novembro
Polo verán o sol ponse máis ó norte
Por riba dos montes da Barbanza
-A Curota, a Curotiña-
E ponse máis ó sur polo inverno
Exactamente sobre o Grove
Así que agora é cando máis locen
Eses momentos máxicos
Os crepúsculos encarnados
O sol inflamado sobre o horizonte
O lume aceso a mergullarse no mar

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...