12/12/07

Xmas


Vexo que xa se nos bota o Nadal enriba
-Témome que no sentido máis literal da expresión-
Así que vos deixo unha postal atípica
Trátase do lugués Paseo do Rato completamente nevado
Resulta curioso que mesmo o tempo se conxela nestas datas
Hoxe padecín os catro graos baixo cero non lonxe desta paraxe
Os amantes do esquí seica van esquiar
Os amantes da boa mesa fan o seu agosto
Os amantes a secas saben que fai frío fóra
O Nadal éche o que ten
Non deixa a ninguén indiferente

06/12/07

Sobre a Constitución

Vou mollarme un chisco
Para ben ou para mal, nacín en territorio rexido polo Estado Español
Ninguén me preguntou nunca que me parece a Constitución Española
Se me parece ben, se me parece mal, ou sinxelamente que me parece
E iso ós meus xa máis de trinta anos
Simplemente, é unha constitución que me impuxeron dende que nacín
A min ninguén me consultou nun referendo se a aceptaba ou non
Ninguén me deu aínda esa oportunidade
Así que sigo agardando
A este paso, se cadra ate que morra
E digo eu, acaso é unha biblia inamovible, como a constitución norteamericana?
Esa que é intocable dende hai 230 anos?
Acaso o mundo non cambia?
Acaso non cambiaron as circunstancias dende a Transición nos anos 70?
Acaso non é unha carta magna creada nun contexto moi particular?
Acaso non é froito das concesións dos demócratas ós fascistas?
Acaso non require modificacións para ser adaptada ós tempos que vivimos?
Acaso a xefatura do Estado a través dun monarca non é unha anacronía?
Acaso a figura medieval dun rei non hai ben tempo que quedou anticuada?
-E iso por moito que me digan que serve para codearse cos VIPs polo mundo adiante-
Por non falar da fluidez e normalización nas relacións Igrexa-Estado?
E tantas e tantas outras cuestións completamente anacrónicas?
Entón por que non me consultan como cidadán nun referendo?
Tan pouco importa o que eu pense ó respecto?
Ou é que acaso ó poder establecido non lle interesa coñecer a miña opinión?
E digo eu, que tipo de democracia é esa?
A quen pretenden tomarlle o pelo estes señores?
Dende logo a min non

05/12/07

Entremurallas




Como na boneca rusa, dentro dun monumento hai outros
E así, dentro das murallas luguesas agóchanse xoias
Espazos nos que "la notte" cobra valor
Nos que a negra baixa suave e a crema gaña enteiros
A rúa das casiñas coloridas é a de Campo Castelo
Na esquina inferior esquerda vense pedras da muralla
A barra é dun pub no outro extremo do recinto histórico
En concreto á beira da porta Miñá ou do Carme
En troques Campo Castelo limita coa porta de San Pedro
Cantas noites de amables conversas en cálidos ambientes
Cantos viños degustados no padal...

04/12/07

A muralla romana












É Patrimonio da Humanidade, coma o Todaiji de Nara
Pero non está tan lonxe
Trátase da muralla romana de Lugo
Foi construída en tempos dos césares para defende-la cidade
Pero os bárbaros acabaron por invadila de tódolos xeitos
Disque é a única muralla romana que se conserva enteira
Cuns dous quilómetros e medio de perímetro
Pódese percorrer a pé o adarve
O que adoita ser un grato paseo
Faga sol ou neve, como se pode ollar nunha das fotos
A torre que conserva ventás é coñecida como a Mosqueira
A foto nevada corresponde á porta de Bispo Odoario
Que é unha das dez portas actuais da muralla
O treito no que se ve a catedral coñézoo moi ben
Non en van, percórroo catro veces ó día
A UNESCO nomeouna Patrimonio da Humanidade no 2000
Hai agora sete anos


28/11/07

Viaxes a Oriente (II)


Outra viaxe a Oriente que realicei foi a Xapón
O país dos bonsais e do delicioso ramen
-Ámbolos dous de orixe chinesa, pero mellorados-
O templo que sae na foto é o Todaiji de Nara
A cidade que fora durante séculos capital nipona
Trátase dunha colosal construción de madeira
Máis ou menos un cubo de 50x50x50 metros
É, xunto co Fuji Sama, do máis impresionante do país
Puiden ollalo co gallo dunha visita ó meu colega Fer
Quen xa leva máis de catro anos naquelas terras
Fora na compaña de Beni -si, si, o do robot Robby-
Polo inesquecible, un queda con ganas de volver
Para deixarse abraiar polo barrio tokyota de Shibuya
Ou para degustar máis ramen da mellor calidade
Un prato tan sinxelo -sopa de fideos- e tan sabroso
Aínda que imposible de atopar por estes lares

27/11/07

Viaxes a Oriente

Quero hoxe lembrar a miña última viaxe a Oriente
Na que puiden percorrer os catro puntos cardinais da China
A foto é das pagodas xemelgas de Guilin, no sur do país
Están no centro dun lago e iluminanas ata as once da noite
A dourada é a do sol, e a prateada a da lúa
Trátase dun dos puntos turísticos máis atractivos
Tanto para os estranxeiros como para os propios chineses
Non só polas pagodas, senón polas paisaxes que rodean a cidade
Polos altos e alongados outeiros á beira do río Li, o río de Cristal
Polas covas, tamén iluminadas, como a da Frauta de Cana
Polos nativos que pescan con cormoráns nas súas barquiñas
Polos búfalos de auga que se alimentan das algas do río
A etnia maioritaria nesta rexión non é a Han
-A do noventa por cento dos chineses-
Senón a Chuang, a segunda máis numerosa do país
Cantas pinturas chinesas retrataron estas paraxes...

23/11/07

Bundles

Que disco! Que-disco!
Feito por músicos en estado de graza divina
Os de Soft Machine, os magos de Canterbury
"Bundles", do 75, é ó meu ver o seu mellor álbum
Que xa é moito dicir, deste grupo de xigantes
Os Soft Machine naceran en plena psicodelia
De feito foron os primeiros en usar luces de cores
Na mesma sala dos comezos de Pink Floyd
Falo de alá polo ano 67, cando todo era posible
Daquela estaba todo por inventar nos concertos
Máis tarde evolucionaron cara ó Jazz
"Bundles" é unha fusión sublime de rock e de jazz
Está composto por Mike Ratledge e Karl Jenkins
-Os que nos 90 serían os pais de "Adiemus"-
E conta cos riffs memorables de Allan Holdsworth
Boa proba é a 1ª parte de "Hazard Profile" -"cara A"-
Pero o cumio está na secuencia que inicia "Bundles"
Este e os temas que lle seguen son unha obra mestra
E a portada do disco é acorde coa calidade do traballo
Mágoa que non habían volver facer algo así

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...