04/09/12

Transilvania: Sighișoara




A seguinte cidade na que pernoctamos en Transilvania era un dos pratos fortes
Nela nacera nada menos ca o mesmísimo Vlad Draculea, Vlad III O Empalador
Tratábase de Sighisoara (Siguixoara), considerada Patrimonio da Humanidade
Motivos non lle faltan, pola singularidade das súas murallas e dos seus edificios
Entre eles, salientar a Torre do Reloxo ou do Consello, que data do século XIV



As vistas pagan a pena, así que subimos para ollalas e ver o museo que alberga
-Obsérvese, ao fondo desta idílica estampa, o punto máis alto do recinto histórico-
Non moi lonxe, demos con outra construción senlleira ao pé dos muros da cidade
Era a Torre dos Zapateiros, unha das torres que lles servían de sede aos gremios




Mención especial para o hotel no que nos aloxamos, Binder Bubi, tamén de conto
Recalamos nel antes de cear nun restaurante na propia casa natal de Vlad Tepes
-O edificio amarelo que se encontra ás miñas costas nesta instantánea xa noctuna-




Tras a cea, aventurámonos a visitar a parte máis elevada do recinto amurallado
Para iso, tivemos que subir os 172 chanzos dunhas escaleiras do século XVII
Era a Scara Acoperita, a escaleira cuberta que conduce á cima desta cidadela



Xa na cima, había varios templos, un cemiterio e esta casa de aspecto funesto
-A verdade é que a súa iluminación contribuía a crear unha atmosfera espectral-
Finalmente, baixamos por un camiño ás escuras que nos levaría cara ao repouso


03/09/12

A primeira festa de aniversario de Selma



A primeira festa de aniversario da nosa filla celebrouse en familia
En concreto, rodeados da familia coruñesa da cativa e mais nosa
Fixo un día moi bo, así que aproveitamos para xantar ao aire libre




Selma recibiu unha morea de agasallos dos seus tíos e dos curmáns
-Entre eles, este estupendo andador, unha tartaruga ou unha boneca-
A festa organizáronnola en Armentón, en cas dos meus tíos políticos
Por alí pululan os gatos ao seu antollo, como fai Mambrú nesta imaxe



Como os tíos de Marta son bastante mañosos, fixeron estes poleiros
Así a meniña puido coñecer moi de preto os pitos e mais as galiñas
E deste xeito tan apracible foi como transcorreu un día ben solleiro


01/09/12

Un ano con Selma



Os días discorren meteóricos e resulta que xa levamos un ano con Selma
A mulleriña faise querer cada vez máis, así que me alegro de ter que criala
Esta foto corresponde aos sete meses, logo dunha primeira corta do pelo
E a de abaixo data de cando visitamos a súa bisavoa e os tios en Madrid



Esta é unha escena da vida cotía coa nosa filla, con momentos para o relax
Ao igual ca estas outras estampas, nas que Selma quere levar todo á boca



Neste vídeo afronta con certa soltura a súa primeira experiencia nun bambán
Ocorreu hai un mes na área de xogos infantís de San Tomé, en Cambados


A pesar de tratar de retela nun parque, a nena invadiu xa todo o noso fogar
Non lle queda recuncho por explorar, aínda que erguerse lle dá outra visión




A nena hoxe cumpre un ano, amosa oito dentes e ten moitas ganas de andar
Achégase xa aos dez quilos, polo que houbo que prestarlle novos acomodos
Co seu nacemento gravado a lume, agardo que cumpra moitos máis así de sa


29/08/12

Transilvania: Sibiu



Acabamos de volver dunha viaxe moi especial por terras do leste de Europa
Pasamos de Valaquia a Transilvania atravesando os Cárpatos cara ao norte
Unha vez alí, visitamos unha cidade considerada Patrimonio da Humanidade
Tratábase de Sibiu (Sibiú), cun casco vello de marcado sabor austrohúngaro



Nada máis chegar, camiñamos pola principal rúa peonil cara á Piata Mare
Esta praza está chea de vida, cunha fonte que fai as delicias dos pequenos
Rodéana varios edificios senlleiros que semellan observarte cos seus ollos
En realidade, son respiradoiros abertos para preservar mellor os alimentos
-E é que adoitaban utilizar os faiados para gardar os produtos da matanza-



Falando de comida, axiña nos diriximos á veciña Piata Mica, onde ceamos
Na terraza tiñamos unhas excelentes vistas á Torre do Consello, do s. XIV




Ao segundo día deunos tempo a visitar un templo ortodoxo e outro luterano
Era a catedral que se ve ao fondo nesta foto, cunha torre rematada en bólas
O campanario domina Sibiu, como se pode apreciar en calquera panorámica


31/07/12

Descubrir Lugo (I)



Ao longo dos últimos meses realicei unha serie de vídeos divulgativos
Tratábase de dar a coñecer lugares que pagase a pena visitar por Lugo
No primeiro deles recomendaba achegarse ata Santa Olalla de Bóveda
Alí agárdannos uns restos romanos cuxo uso orixinal supón un enigma

                             

Descubrir Lugo (II)



Aínda que non o pareza, este e o de Bóveda foron coetáneos, no s. IV
-O edificio de Bóveda ergueuse mentres as pallozas estaban habitadas-

                             

Descubrir Lugo (III)


O último punto que aconsellei visitar xa é bastante posterior, do s. XIV
Refírome ao castelo de Pambre, o único que sobreviviu aos Irmandiños
Coma no vídeo anterior, o off remata sinalando especialidades culinarias
Dende o meu punto de vista, este dato non pega co resto da información
Pero é o que hai, posto que eran directrices que debía seguir para facelos
Por outra parte, déboo admitir, nestes non me obrigaron a saír en pantalla
Teño que agradecer tamén que me desen certa liberdade para elixir sitios
Coido que son das mellores localizacións que cabería escoller a tal efecto

                             

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...