28/05/14

Máis cervexas amargas: Mikkeller e Evil Twin



Tras degustar as IPA monovarietais de Mikkeller, chegou a quenda doutras máis complexas
20 conxuga todas as variedades de lúpulo americanas empregadas previamente en solitario
O resultado é unha cervexa que reúne os sabores de cada unhas delas nun todo equilibrado
Menos amargo do que me soubo a Stateside, outra IPA do druída danés de grata lembranza


Outra aposta de Mikkeller é esta American Dream, unha pílsner lupulizada digna de mención
Trátase dunha bebida de baixa gradación, máis acorde co que nos teñen afeitos nestes lares
De feito, foi pensada para o seu consumo durante o verán, o que non quita de probala antes


A Mikkel Borg Bjergsø, o creador de Mikkeller, saíulle un serio competidor que ben coñece
Refírome a Jeppe Jarnit-Bjergsø, o seu propio irmán xemelgo e tamén un mago dos lúpulos
Seguindo os pasos de Mikkel, fundou en 2010 a súa propia cervexería, chamada Evil Twin
Dela saíron beberaxes coma a Falco, unha IPA americana e liviá, como o seu nome indica
Ou a Yang, unha Imperial IPA tamén de corpo lixeiro aínda que xa con dez graos de alcol


Para rematar, unha vez máis con produto nacional, loemos a cervexeira ourensá Keltius
As Indian Pale Ale que lles probei ata o de agora agradáronme bastante, como para repetir
A Keltius Miño é unha gran cervexa, ao meu ver a mellor das galegas despois da Kamek
Tamén puiden degustar unha edición limitada elaborada con distintos lúpulos australianos
Era a Humulus Lupulus, presentada nunha botella de 75 centilitros, con 8º e moito corpo


21/04/14

Saudarte e Beni Montero



Esta vívida pintura, “Máscara”, de Nesti Piñeiro, pódese ollar estes días en Exposalnés
Con obras doutros 44 autores, integra a mostra colectiva “Saudarte, arte contra a droga
Paralelamente, Benito Montero expón no Pazo de Torrado unha escolma do seu traballo
Ambas as exposicións, a escasos metros unha da outra, teñen en común a variedade



Na colectiva do centro comarcal tamén participa o home de Nesti, o escultor Suso Gómez
“Conexión” e “Sarcófago” foron as obras escollidas para a mostra polo artista cambadés



De entre os numerosos cadros expostos, salientaría os peixes retratados por Edu Charlín
-O meu veciño da infancia escolleu sanmartiños e salmonetes como motivos pictóricos-
Tamén me gustaría destacar as acuarelas de Alberto Sineiro, que ven na foto Ana e Nesti



En canto á mostra do meu curmán Beni Montero, recolle as súas diversas vías de expresión
Son tanto ilustracións a lapis como fotografías e montaxes dixitais baseadas en instantáneas




Dalgunha maneira, as imaxes representan iconas do imaxinario colectivo de Cambados
É o caso da torre de San Sadurniño, do mirador do monte da Pastora ou do solpor na ría




De menor tamaño ca os debuxos ou as demais fotografías, tamén se amosan “planetas”
Son os mundos que, coma o do Principiño, creou o benxamín de entre os meus primos
Como exemplos desta serie, deixo estes “Planeta San Sadurniño” e “ Planeta Fefiñáns”
Ambas as dúas mostras poderán visitarse en Cambados toda esta semana, ata o día 27


31/03/14

8MIHL



8MIHL é unha exposición colectiva que abrangue diversas disciplinas artísticas
Ao longo das últimas semanas, tomou o Museo Interactivo da Historia de Lugo
Desfilaron polas salas obras de pintores, escultores, debuxantes ou fotógrafos
Case todos son amigos ou coñecidos, polo que non nos resultaba alleo de todo
Aínda que eu non puiden acudir a inauguración ningunha, si o fixo a miña familia
-Tal como se pode observar nestas fotos da galería da propia web do proxecto-




Os primeiros en expoñer foron o fotógrafo Toño de López e mailo escultor Poy
As instantáneas son retratos das xentes da aldea de Pacios, no concello do Incio
Os fotografados que aquí figuran son Eduardo da Pradeira e Pili de Queixomarío




En canto ás esculturas, pertencen a unha colección chamada Homes, homiños...
Nelas exprésanse, con liñas básicas e sinxelas, as formas humanas de sufrimento




A seguinte arte á que se dedicou esta mostra colectiva no MIHL foi a pictórica
Así, os cadros de Jojo e mais de Quique Muruais encheron boa parte do museo
Con Jorge Alba comparto, entre outros, o gusto por pintar os lenzos coas mans
A técnica dálle moi bo resultado, tal como se pode apreciar na serie Enredos



Verbo dese artista total que tamén responde ao nome de Kimuru, évos un mestre
O nome da súa serie, Figurando e Perfilandia, evoca historias tecidas a pinceladas




Dos 8MIHL, os seguintes cumios artísticos conquistados foron os da ilustración
Como representante da novena arte, acudiu o autor barallense Miguel Fernández
O debuxante amosou os orixinais das seus cómics publicadas ata o momento





O ilustrador Alberto Guitián ocupou cos seus trazos a sala onde estiveran as fotos
Levou alí as láminas do seu Circo Lorza, un espectáculo de humor de (sobre)peso



Outro peso pesado do humor gráfico lugués, Leandro Barea, acudiu a expoñer no MIHL
Torpedeou coas súas sátiras a xeralizada inconsciencia da sociedade na que vivimos
Fíxoo ocupando unha parede da mesma sala na que se expoñen as esculturas de Poy



Por último, presentouse unha interesante proposta multimedia de autoría colectiva
Trátase dunha montaxe que proxecta personaxes sobre un escenario feito de cartón
Relata pasaxes recollidas na novela As meigas de Lupa, da xornalista María Solar
Antón da Infesta deseñou o proscenio, e colaboran os actores de Achádego Teatro
Esta exposición artística multidisciplinar aínda poderá verse enteira ata o 6 de abril




27/02/14

Algunhas outras cervexas amargas



Se existe un rei midas no eido das cervexas, ese é o físico danés Mikkel Borg Bjergsø
Coma os augardenteiros de antano, percorre o mundo para elaborar beberaxes de autor
Nos últimos oito anos, este gurú do lúpulo revolucionou o mundo das microcervexeiras
Mestre de instituto, fundara a marca Mikkeller xunto co xornalista Kristian Klarup Keller
Hoxe en día, o seu marchamo é garantía de calidade, sabor intenso e riqueza de matices
Bo exemplo é a amplísima gama de variedades de Indian Pale Ale que locen o seu selo
Para gran fruición do meu padal, puiden degustar unhas cantas dun tempo a esta parte
En particular, as IPA americanas monovarietais, como é o caso da Bravo ou a Amarillo
Se o nome da primeira non defrauda os siareiros, o amargor da segunda non fica curto
Ademais, o seu é ouro líquido calidoscópico, variadas sinfonías sen notas que desafinen
Se na Bravo predominan as froitas, na Warrior o seu gusto mesmo recorda o hidromel



Outras cervexas destacables son a IPA e a IPA Dry Hopping da casa española La Cibeles
Ambas as dúas beberaxes artesás son dignas de mentar pola mestría da súa elaboración
A primeira está certamente equilibrada, mentres que a segunda goza dunha maior bravura


Outra IPA peninsular de indubidable calidade é Entropía, da cervexeira asturiana Bayura
De amargor froital, é resultado da acertada mestura de ata cinco tipos distintos de lúpulo
Para rematar, gustaríame salientar o traballo da microcervexeira Bieron Agudelo, de Barro
Os artesáns que a rexentan tiveron a ben crear unha IPA dentro da súa marca Saramagal
Refírome á Stipe, de gusto moi suave, moito máis cá tamén galega Kamek, de Menduíña


29/01/14

Alcriques



 Os alcriques en conserva son unha delicatessen ao alcance de todos os petos
Trátase dun peixe azul que se captura de xeito artesanal nas costas galegas
Péscano, contra finais do verán e comezos do outono, os barcos do cerco


 De sabor intenso, supón un manxar servido con aceite de oliva virxe extra
Non debe confundirse coa agulla, posto que falamos de especies distintas
A agulla, de nome científico “Belone belone”, é de menor valor comercial
Isto débese a que ten un gusto máis forte e bravo, polo que se adoita fritir
Distínguese facilmente por lucir unha espiña dunha cor entre verde e azul


 O alcrique conta cunha denominación científica propia, “Scomberesox saurus”
E, aínda que nada ten que ver coa agulla, os envases poden levar a confusión
A pesar de tratarse de especies diferentes, as conserveiras chámanlles igual
Ata o punto de que resulta habitual atopar alcriques co nome científico erróneo


O caso é que, chámenlles como lles chamen, os alcriques están deliciosos
Con pan e un pouco de aceite, ou con cebola, son un prato san e económico


30/12/13

O ano da toddler



Existe un vocablo en inglés que define moi ben esa idade que comprende entre un e tres aniños
Trátase de toddler, que describe xusto a intensa etapa que viviu a nosa filla durante todo o 2013
De orixe incerta, a palabra refírese aos meniños que xa non collen no berce e corrican sen parar
Tal como se pode apreciar neste vídeo que editei con gravacións realizadas ao longo deste ano



Efectivamente, Selma pasou a durmir xa na súa propia cama, deixando atrás o leito de naipelo
Goza cada vez dunha maior independencia indo a pé e precisa menos o carriño para se mover
Fixo tamén grandes progresos á hora de expresarse oralmente, sobre todo nos últimos meses
Doutra banda, coñeceu novos amigos na gardería á que está a asistir, a escola infantil Maghoi
A foto está collida de Google Maps, onde se ollan -por fóra- as óptimas instalacións do centro


Alí puido recoller os froitos da horta ou ver caer as follas no xardín durante o pasado outono
Por outras banda, fíxose socia da Asociación Antonio Gandoy, a antiga Preescolar na Casa
Nas clases, impartidas no colexio A Ponte de Lugo, aprende e xoga xunto con outros cativos
E aos pais, que tamén acudimos, ensínannos a seguir aprendéndolles aos nenos no fogar
Así de completo e de frutífero foi este último ano, e agardo que o vindeiro o sexa aínda máis


A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...