31/07/12

Descubrir Lugo (I)



Ao longo dos últimos meses realicei unha serie de vídeos divulgativos
Tratábase de dar a coñecer lugares que pagase a pena visitar por Lugo
No primeiro deles recomendaba achegarse ata Santa Olalla de Bóveda
Alí agárdannos uns restos romanos cuxo uso orixinal supón un enigma

                             

Descubrir Lugo (II)



Aínda que non o pareza, este e o de Bóveda foron coetáneos, no s. IV
-O edificio de Bóveda ergueuse mentres as pallozas estaban habitadas-

                             

Descubrir Lugo (III)


O último punto que aconsellei visitar xa é bastante posterior, do s. XIV
Refírome ao castelo de Pambre, o único que sobreviviu aos Irmandiños
Coma no vídeo anterior, o off remata sinalando especialidades culinarias
Dende o meu punto de vista, este dato non pega co resto da información
Pero é o que hai, posto que eran directrices que debía seguir para facelos
Por outra parte, déboo admitir, nestes non me obrigaron a saír en pantalla
Teño que agradecer tamén que me desen certa liberdade para elixir sitios
Coido que son das mellores localizacións que cabería escoller a tal efecto

                             

01/06/12

Lucus In Noctem



Este traballo, Lucus in Noctem, de War-Sweat, foise gravando ao longo de seis meses
O autor tratou de captar o pulso da cidade tras a caída do sol, e dou fe de que o logrou
O vídeo é un fiel reflexo da trafega de xentes polas rúas, sobre todo nas máis céntricas
Paso a diario pola ronda da Muralla, polo treito que se ve entre os segundos 15 e o 20
E, de paseo ou traballando, por moitos dos lugares que figuran nas súas secuencias
O plano do 101 Viños, na praza do Campo, describe de xeito realista a vida nocturna
Ao igual ca o travelling pola rúa Nova entre os locais de copas a ambas as dúas beiras
O resultado, aínda non querendo, é un vídeo promocional dunha calidade extraordinaria
-De ser feito por encarga, de seguro que non había de saír tan bordado coma saíu este-
Tiveron que ser capturadas dez mil fotografías, das que ao final se desbotaron catro mil
Moitas das infraestruturas e edificacións que aparecen no vídeo non existían hai dez anos
Isto dá idea do impulso que tomou, e de canto mellorou, Lugo ao longo da última década

16/05/12

Fukaeri en Sarou



Velaí a portada da última novela de Antonio Lorenzo Gómez Charlín
En efecto, os botes de cristal conteñen auténticos corazóns de porco
-Realizada por Ramón Herar, anticípalle ao lector o espírito da trama-
Fiel ao seu estilo, o autor do libro non fará concesións á hora de espir
O protagonista, Amador Barrios, é de Sarou, trasunto de Cambados
E aí é onde vemos o propio escritor presentando a súa xa sexta obra


A presentación fíxose ao aire libre, nos xardíns da biblioteca municipal
Á sombra dun soutiño, acompañouno Luís Rei, biógrafo de Cabanillas
Quen suliñou a recomendación da lectura de "La leyenda de Fukaeri"
Trátase dun thriller crepuscular e existencialista, fondamente literario
Ademais de unha xeografía do mal, un mapa do horror e da vinganza
Fukaeri é tamén un personaxe de "1Q84", a novela de Haruki Murakami
A súa lenda fora precedida por "La vida soñada de las sirenas" en 2009
Obra esta outra sobre a que xa departiramos neste blog hai ano e medio
Como daquela, e máis nestas datas, insisto na mágoa pola perda sufrida
A dun autor que, ben seguro, había ser valiosísimo para as nosas letras
O libro, que se pode adquirir por 15 euros, está editado por Cultivalibros


17/04/12

EntoleARTE



A fin de semana pasada acudimos a unha exposición colectiva moi particular
Tratábase de "EntoleARTE", un proxecto de creación artística multidisciplinar
O escenario que lle daba sentido á mostra era o antigo psiquiátrico de Castro
-Un centro que, malia o seu mal estado, deixou de funcionar este mesmo ano-
Entre os máis de oitenta artistas participantes, había uns cantos amigos nosos
É o caso de Carmen Llonín, autora das fotografías que encabezan esta entrada
Ou de Jorge Alba, creador das pinturas murais que se poden ollar aquí abaixo



Un dragón verde e outro encarnado atravesaban todos os recunchos dunha sala
Simbolizaban a liberación das mulleres que permanecían recluídas no seu interior



Outra amiga nosa que colaborou neste evento foi a benquerida Carmen Porteiro
Xunto con Neru Herreros, realizou unha videocreación baseada neste manicomio
Do seu excelente traballo, este vídeo que amoso aquí é tan só un breve fragmento


13/04/12

Couturel



Couturel é o escaparate da artesanía feita por dúas amigas moi creativas
Trátase de deseños orixinais, tanto como pode ser un polbo con mostacho
E é que os seus son traballos con gancho, no dobre sentido da expresión
A especialidade da casa sono os amigurumis, os peluches tecidos a man
Esta técnica forma parte da cultura kawaii, baseada no que resulta riquiño
Con ela confeccionaron tamén este outro boneco, inspirado na serie Bleach
-Representa a Kurosaki Ichigo, o protagonista deste manga e mais anime-


As mascotas de lá ocupan un lugar importante entre estas creacións artesás
Neste apartado, destacan uns coelliños recheos de algodón sintético e tenrura



Para veres ou encargares estes ou outros traballos, pódelos ollar neste blog


O val do Mosela

  Este verán viaxamos á rexión vinícola alemá de maior produción e máis prestixiosa no ámbito internacional Dende Coblenza ata Tréveris, per...