01/08/23

As termas romanas


Todo o mundo sabe que en Lugo hai unha muralla construída nos tempos de Roma
Moitos son coñecedores, ademais, de que data do século III e é a que mellor se conserva de todo o mundo
Pero, polas razóns que sexan, semella que pouca xente está ao tanto de que na cidade amurallada hai ademais unhas termas romanas



Algunhas persoas incluso se sorprenden cando se lles fai saber da existencia destes restos tan ben conservados
Máis inda cando descobren que figuran entre os máis temperáns de todo o país e mesmo de toda a antiga Gallaecia




A través dun corredor da época accédese a unha sala onde se expoñen aras votivas
Datan da primeira metade do século I da nosa era e están dedicadas ás ninfas dos ríos
Crese que foron depositadas por diferentes cidadáns en agradecemento pola súa curación




Tamén se pode visitar a sala do forno, cuxa escavación se iniciou en 2013, dous mil anos despois da súa construción
Crese que o complexo, coetáneo á fundación de Lucus Augusti polos romanos, chegou a ocupar 2.500 metros cadrados




As termas romanas de Lugo foron declaradas monumento histórico-artístico en 1931
Pódense visitar, de balde, no balneario da cidade, onde nunca deixaron de aproveitarse as augas termais


08/07/23

Pola beira do Mera

 


Poderiamos chamarlle a última fronteira do cinto verde de Lugo, e non habiamos esaxerar
Falamos do Mera, que desemboca no pai Miño río arriba na beira oposta á cidade amurallada
Parella ao curso fluvial, discorre unha ruta que percorre as parroquias rurais de Orbazai e do Veral
Completala dende o centro urbano e regresar supón unha doada andaina dunha vintena de quilómetros
E dadas as marabillas naturais que se poden atopar, paga a pena poñer un pé tras doutro sen coidar os pasos




Por motivos que explicaremos máis adiante, o camiño parte do Monte Segade, e vai pola beira dereita do rego
Unha das árbores máis recoñecibles deste primeiro treito é un castiñeiro centenario, situado aos pés das escuras augas do Mera




Entre a fauna que podemos atopar polo río figuran familias enteiras de parrulos




Tocante á flora, os carballos das ladeiras altérnanse coas especies propias da ribeira
Neste tempo, ademais, multitude de fentos e algún que outro estalote balizan o carreiro




Recentemente, as pasarelas de madeira do paseo foron renovadas
Falta lles facía, posto que levaban anos en mal estado e mesmo resultaban perigosas




Ao carón dun muíño reconvertido en vivenda hai unha presiña onde a auga permanece estancada




No sendeiro tamén se poden atopar formacións rochosas con paredes de penedos
E incluso algunha que outra praia fluvial oculta entre as cortinas de vexetación tupida




Un dos tramos máis fermosos, xa contra o final, atravesa un prado entre o arborado




O paseo remata na Mera, moi preto da aula da natureza e do centro de recuperación de fauna silvestre do Veral




Aí decidín dar media volta, posto que é onde comeza outra senda, a chamada Ruta das Chousas




Xa no retorno, volvín cruzar o claro antes de atravesar o monte xa na ruta circular do Mera
Completei, deste xeito, a chamada Ruta dos Muíños, que é algo máis curta cá que fixen posto que só chega ata Astariz




Na volta, fun río abaixo ata un valo de pedra que impide continuar pola beira das augas negras do Mera
Pertence ao Muíño do Castro, cuxo peche foi denunciado posto que se supoñía que incumpría a lei de augas
Unha vez rodeado, dirixinme á confluencia co Miño, que río abaixo baña Lugo e cruza o país ata desembocar no mar


07/06/23

Corbal no Mar de Arousa

 


Aproveitando a fin de semana, tivemos a ocasión de admirar en Cambados a exposición 'O Corbal no Mar de Arousa'
Co gallo do seu centenario, reúne un bo feixe de láminas do artista Xosé Conde Corbal, autor de máis de 1.700 gravados
A súa obra goza hoxe de gran popularidade, en gran medida grazas ao seu labor como retratista de persoeiros da Xeración Nós
Entre os intelectuais do século XX retratados polo gravador figuran Castelao, Risco ou o cambadés Cabanillas, reconvertido en icona




Na mostra figuran tamén traballos correspondentes a outras vertentes da obra do autor pontevedrés
É o caso das ilustracións referentes aos pazos de varias comarcas da zona, como por exemplo o de Fefiñáns





Expóñense ademais gravados doutro libro de Conde Corbal, 'O fardel da guerra'
A publicación recolle preto de 90 láminas dedicadas á memoria dos horrores do levantamento fascista
Pero, como o seu propio nome indica, a mostra céntrase nas obras relacionadas coa ría da Arousa, coma esta co porto de Meloxo




Tamén no Grove, unha lámina ilustra as embarcacións á beira do Corgo
A exposición convida ademais a gozar dun diaporama cunha acaída 'Sodade' de Cesária Évora de fondo




Á parte de escenas propias das actividades pesqueira e marisqueira, o mestre do gravado tamén ilustrou a fauna mariña



A homenaxe á obra de Corbal, finado en Vilagarcía en 1999, ten como escenario o pazo de Torrado
Nas salas desta galería municipal da capital do Salnés poderase contemplar a mostra, de balde, ata o vindeiro 18 de xuño

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...