01/05/25

Tenerife (II): Loro Parque e Siam Park

 

Ademais de subir ata o Teide e de percorrer as praias, en Tenerife tamén tivemos tempo para ir a varios lugares de visita obrigada
O primeiro que pisamos foi o Siam Park, sito en Costa Adeje, que é un dos maiores e mellores parques acuáticos en funcionamento
Posúe, por exemplo, o récord da piscina coa maior onda artificial do mundo, con catro metros de altura, na denominada Siam Beach




O parque conta cunha vintena de atraccións, a metade delas consistentes en tobogáns de auga
No máis alto, Tower of Power, descéndese dende case 30 metros de altura e atravésase un acuario




Pola súa parte, o tobogán máis longo de todos, Singha, ten case un cuarto de quilómetro de lonxitude
Outra atracción que marca récords é Mai Thai River, que é o río lento máis longo e con maior desnivel que existe




O parque acuático encóntrase na avenida Siam, unha nación con vínculos históricos con Tenerife
A comezos do século XX a illa fora visitada polo príncipe tailandés Mahidol, que quedara impresionado
Hoxe unnha escultura súa adorna o lugar, coa maior colección de edificios de estilo tailandés fóra do país asiático




O Siam Park non só destaca pola arquitectura tradicional tailandesa que lle amosa ao público
Unha exuberante vexetación formada por especies tropicais cobre o parque cun dosel bastante tupido




Outro tanto ocorre no Loro Parque, a matriz do grupo que engloba o Siam Park
Fora creado a inicios dos anos 70 en Puerto de la Cruz por unha familia alemá con máis de 150 papagaios
Dende aquela, multiplicou por dez a súa extensión ata chegar ás 14 hectáreas actuais, onde conviven máis de 400 especies animais




É, xa que logo, un parque zoolóxico moi singular, que naceu especializado nas aves tropicais
Baixo estas liñas, vemos un grupo de grúas coroadas semiocultas entre os troncos dun palmeiral




No corazón do parque encóntrase o edificio que acolle o Loro Show
Trátase dun espectáculo herdeiro daquel co que iniciara a súa andaina hai máis de medio século
Por el desfilan exemplares de distintas especies de cacatúas ou de guacamaios, adestrados ata adquirir certas habilidades





No parque tamén se poden ollar de preto algúns psitácidos
É o caso destes coloridos lóridos, os loriquitos arco da vella




Ao igual que no Siam Park, aquí tamén abundan os tanques con especies acuícolas
De feito, o terceiro e máis novo parque do mesmo grupo é o acuario Poema del Mar, en Gran Canaria
Como novidade, vimos o chamado Coral Kingdom, co maior coral fóra do mar, cuns 8.000 corais e 10.000 peixes




E aquí tamén había aves, con distintas especies de pingüíns a conviviren nun espazo que recordaba o triste comezo de Happy Feet




En contraposición, os tanques con distintos tipos de medusas parecéronnos do máis admirable




Outros espectáculos que gozan dunha gran popularidade, malia seren controvertidos, son os dos mamíferos mariños
Neste senso, o documental Blackfish trata o cativerio das candorcas e, entre outros, conta o caso dun coidador finado no Loro Parque




Pero a controversia que rodea o parque non se limita aos animais mariños
Outros mamíferos, como grandes simios ou felinos, tamén conviven nas súas instalacións
O que comezara como un destino turístico centrado nos papagaios acabou convertido nun zoolóxico en toda regra
Con todo, cabe recoñecer a enorme importancia do labor do Loro Parque na recuperación dalgunhas aves en perigo de extinción

23/04/25

Tenerife (I): do mar ao volcán



Vimos de pasar a Semana Santa nun paraíso terreal
Percorremos a meirande das Illas Afortunadas, Tenerife
Rodeámola enteira e fomos dende o Teide ata a beira do mar
Aló contemplanos solpores incribles en praias de sonoros pelouros




Estabamos establecidos na babilónica Costa Adeje, xunto á praia de Troya 
Dende alí camiñamos decenas de quilómetros polo paseo marítimo ata Las Américas e outros areais




Ao igual ca nas Rías Baixas, nesa costa o sol ponse no océano
Puidemos así gozar de crepúsculos abraiantes a unha temperatura moi agradable




Ambos concellos, Arona e Adeje, forman un continuum turístico duns 130.000 habitantes fixos que atrae ríos de xentes de todo o mundo




Sobre estas liñas, vemos a escultura dun artista no areal de Troya
Abaixo, as rochas negras de Playa Paraíso, a unha ducia de quilómetros ao norte




O mesmo paseo que une Costa Adeje e Las Américas tamén conduce ata o final de Los Cristianos
Esta é a vila máis importante, co centro neurálxico nunha praia con forma de media lúa abrigada tras o porto




Ademais de percorrer parte da costa a pé, tamén circulamos pola illa en coche
Ao longo de varias xornadas albiscamos o punto máis alto dende diferentes miradoiros
A medida que se sobe, muda a paisaxe, cos piñeiros cada vez máis pequenos e co arume amarelo





O punto máis turístico é, sen dúbida, o Roque Cinchado, situado ao pé do Teide
Baixo estas liñas, vemos esa impresionante roca ergueita que figuraba nos billetes de 1.000 pesetas





Cuns 7.000 metros sobre o leito mariño, o Teide é a maior estrutura volcánica do mundo fóra de Hawaii
Ademais do sendeiro de Roques de García, con restos do antigo cráter, destacan as paisaxes marcianas das Minas de San José




De volta ao nivel do mar, quédannos aínda visitas por contar
Son as que máis lle interesaban a Selma, e o principal motivo polo que nos hospedamos entre Arona e Adeje




No seguinte episodio deste miniserie falaremos dos parques máis famosos e visitados desta illa despois do Teide

Tenerife (II): Loro Parque e Siam Park

  Ademais de subir ata o Teide e de percorrer as praias, en Tenerife tamén tivemos tempo para ir a varios lugares de visita obrigada O prim...