A mellor novela galega de todos os tempos foi escrita por un ourensán
Ata aí todo o mundo está de acordo, e o resto xa é mera cuestión de gustos
Polo que a min respecta, ese literato da Atenas galega non é outro que Ferrín
A razón é este monumento literario que erixiu xa na súa madurez, a finais dos 80
Unha pena que fose daquela, posto que se trata dunha obra adiantada ao seu tempo
Falamos de Bretaña, Esmeraldina, aclamada pola crítica e, cada vez máis, polo público
O cumio do universo ferriniano contén todos os ingredientes para triunfar
En primeiro lugar, porque bebe dos grandes clásicos, comezando por Jack London
A súa derradeira novela, que Xoán Abeleira traduciu como O viaxeiro astral, inspirouna claramente
Trata dun recluso capaz de viaxar no espazo e no tempo a través do poder da mente, que logra así liberarse
Do mesmo xeito, Bretaña, Esmeraldina é unha novela carceraria, protagonizada por Amaury, un preso político bretón
No seu caso, consegue evadirse de múltiples formas, tanto en soños e delirios como mediante o maxín e os ideais que defende
Son o mito artúrico, ou Materia de Bretaña, a emancipación de Tagen Ata, trasunto do noso país, e a liberdade que encarna Esmeraldina
Bretaña, Esmeraldina foi tamén influenciada por H.P. Lovecraft
Tanto é así, que este escritor mesmo chega a ser mencionado na novela
Por momentos lembra o seu brillante ciclo de aventuras oníricas de Randolph Carter
É o caso de Na procura soñada de Kadath a descoñecida, por onirismo, orixinalidade e liberdade narrativa
Xunto cunha creatividade extraordinaria, Ferrín fai gala dun dominio lingüístico e dunha riqueza de vocabulario sen parangón
Non en van, o autor foi poeta antes ca novelista, algo que se percibe na mestría dunha prosa que por veces semella poesía en verso libre
O resultado é unha delicia de lectura, un canto á liberdade individual e colectiva
Unha obra de arte contra a opresión de toda índole exercida sobre as nacións atlánticas
Contra a violencia implícita recorrente na colonización política e cultural dos pobos asoballados
O protagonista da novela, Amaury, bota media vida encerrado nunha prisión autonómica de Tagen Ata
Trátase dunha clara alusión ao sistema autonómico do Estado Español, denominado na obra como Terra Ancha
En último termo, pódese considerar que a alegoría vai máis alá e alude a todo tipo de tiranía por parte dun réxime autoritario
Neste sentido, é unha obra de vibrante actualidade, con esta vaga de totalitarismo fascista que estamos a padecer por case todo o mundo
Esta conciencia social e de país nace no autor a moi temperá idade
De feito, con tan só 26 anos fora un dos fundadores da Unión do Povo Galego
Poucos anos despois pagara o seu compromiso coa pena de cárcere por propaganda ilegal
A novela ten, por tanto, certo carácter autobiográfico, e durante esa condena concibira varios relatos
A deshumanización e a resistencia fronte á alienación xa figuran neles, recollidos no libro Elipsis e outras sombras
Ensoñación e presidio vanse entrelazando na novela nun sorprendente xogo especular
Esa alternancia entre realidade e ficción en cada capítulo supón, de feito, a cerna principal da historia
E o creador preocúpase de entretecelas de xeito que practicamente non se perciba a transición durante a lectura
Para quen lle interese afondar na análise formal ou simbólica de canto encerra Bretaña, Esmeraldina, hai ensaios publicados
O máis completo é A espiral no espello, a tese doutoral do filólogo e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira
Como rapaz da época, valoro o carácter entrañablemente oitenteiro de certas personaxes
Sobre todo o gaio Rhiwefdell, unha ave que só lle fala a Amaury, ou o preso cigano Ludwig Mariano
Tamén o ambiguo Hrutgy Simplicíssimus, un cabo con cabeza de cocho e parche, e mais o doutor Rojet Ulmannei
Xuntos encarnan as principais pezas de toda unha galería de seres, de diversos bandos, que circulan pola Prisión do Príncipe
Á súa vez, Bretaña, Esmeraldina forma parte dun universo máis amplo inaugurado por Retorno a Tagen Ata, ao que seguiu Arnoia Arnoia
Precisamente este libro, Arnoia, Arnoia, ten para min un gran valor persoal, como recordo da nenez
Esta que figura baixo estas liñas é a portada do exemplar que gañei sendo rapaz e que aínda conservo
Entregáramo o finado de Luis Rei, bibliotecario e biógrafo de Cabanillas, tras presentarme a un concurso de debuxo
Conta con ilustracións cun deseño rompedor para o momento, mediada xa aquela década en que tamén viu a luz Bretaña, Esmeraldina










Ningún comentario:
Publicar un comentario