Vimos de facer unha viaxe por unhas das rexións máis fermosas do mundo
Durante unha semana, dedicámonos a percorrer Alsacia, en Francia, e a Selva Negra, en Alemaña
Comezamos polo territorio situado entre os Vosgos e o Rin, na marxe esquerda do río máis importante de Europa Occidental
Nesa chaira admiramos o centro histórico de Colmar, unha cidade especialmente visitada polo Nadal
Un dos barrios máis pintorescos é coñecido como La Petite Venise, coas súas casiñas de conto á beira do río Lauch
Cara ao norte, dirixímonos a unha das vilas máis espectaculares de toda Francia
Refírome a Riquewihr, que reúne o mellor de Alsacia e que conserva o seu patrimonio histórico de xeito envexable
Aquí encóntrase un palacio dos Württemberg, que durante centos de anos foron os señores a ambas as dúas beiras do Rin
De feito, neste mesmo 2024 conmemóranse cunha mostra os sete séculos de historia en común entre Alsacia e o estado alemán
A poucos quilómetros, visitamos Ribeauvillé, outra vila non menos singular do Alto Rin alsaciano
Coma Riquewihr, está rodeada de viñas, e nela tamén abundan as casas típicas con tramado de madeira
Ademais, a localidade de Ribeauvillé tamén está rodeada, en parte, pola muralla medieval
Como curiosidade, a antiga Rappswhir, topónimo alemánico que se deturpou máis aínda, era lugar de xuntanza dos xograres
Xa no Baixo Rin, chegamos a Sélestat, onde nos topamos cun mercado fabuloso
Cunha gran variedade e calidade, nel degustamos, por exemplo, uns mirabeis riquísimos
Baixo estas liñas, vemos a Biblioteca Humanista, un dos principais monumentos desta vila alsaciana
Situada xusto no centro de Alsacia e con torres visibles a quilómetros de distancia, a vila tanto amosa trafego como desprende calma
Máis ao norte, chegamos a outra das vilas da Ruta dos Viños de Alsacia
Falamos de Obernai, Oberehnheim en alemán, onde descubrimos locais cheos de encanto
E aquí tivemos ocasión, ademais, de probar a deliciosa torta flamexada alsaciana, feita con crema e cebola
Concluímos o percorrido a través de Alsacia na principal cidade, unha das tres capitais da Unión Europea
Un dos recunchos máis fotoxénicos de Estrasburgo é La Petit France, que recorda a La Petite Venise de Colmar
Xunto coa catedral, no centro, a sede do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ten as súas vistas máis fermosas no río Ill
Tras percorrer Alsacia durante varios días, as seguintes xornadas dedicámolas a coñecer a Selva Negra
Unha das vilas máis pintorescas de cantas atopamos nesta área montañosa á dereita do Rin foi Schiltach, bañada polo río Kinzig
Tamén fixemos senllas paradas nas viliñas de montaña de Breitnau e de Todtnau
Moi preto desta última visitamos unhas fervenzas, as Todtnauer Wasserfälle
Dende o alto do principal salto de auga as vistas desta zona da Schwartzwald eran espectaculares
Non lonxe, cara ao leste, encóntranse varios lagos, entre os que figura o de Titisee
Entre os produtos á venda nas tendas deste importante foco turístico abundan os reloxos de cuco valorados en miles de euros
Aquí, en pleno corazón da Selva Negra, non puidemos resistir a tentación de probar a auténtica torta Selva Negra, que estaba riquísima
Durante o tempo que botamos tanto en Alsacia como en Baden-Württemberg tivemos a nosa base de operacións en Friburgo
A capital da Selva Negra é unha vibrante cidade universitaria que goza dunha das mellores calidades de vida de toda Alemaña
Arriba, podemos ver as torres dos Suabos e de San Martiño, erixidas sobre as portas homónimas das antigas murallas medievais
Esta referencia ao pobo que no século V cruzou o Rin para acabar asentándose no noso propio país fíxonos sentirnos coma na casa
Non quixemos dasaproveitar a oportunidade de subir ao Schlossberg
Fixémolo nun funicular, e no cumio do monte gozamos dun solpor memorable
Tampouco nos quixemos privar da vida nocturna desta acolledora cidade
En pleno centro, moi preto da Torre dos Suabos, hai varias terrazas á beira do Gewerbekanal
Entre elas, destaca a animada Biergarten da cervexeira Feierling, que data do século XIX e que pode atender ata 700 persoas
Pasado, presente e futuro conviven en Friburgo, a teor dos seus principais edificios
Sobre estas liñas, vemos a vangardista biblioteca da universidade, e abaixo, a torre da catedral
Na praza da catedral, a Münsterplatz, hai mercado polo día, o Münstermarkt, e mais terrazas a partir da tarde
Tamén nos chamaron a atención unha especie de regos que hai por todas as rúas do centro, a maioría con auga a correr
A xente senta neles para poñer os pés en remollo, e tamén se xuntan ao seu carón para tomar un viño ou mesmo facer un pícnic
E ata aquí chega o relato da nosa experiencia na Selva Negra, de onde partimos cara ao noso seguinte destino, na vila alemá de Rust
Ningún comentario:
Publicar un comentario