O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo, é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país
Nel inda hai dende petróglifos a pedras singulares, como un altar ou unha longhouse, un dolmen, un menhir e mesmo unha roda ou henge
No último mes, en sucesivas visitas puiden coñecer tan só unha mínima parte de todo este complexo datado no II milenio antes da nosa era
O complexo é inmenso, dunhas 50 hectáreas de extensión
En toda esa superficie, o máis coñecido e accesible é o dolmen
Trátase dunha anta pequeneira, cabeza visible do conxunto de mámoas
Pero o que máis abundan son os petróglifos, posto que se conservan ducias deles
Un detalle singular é a súa ampla diacronía, posto que hai marcas feitas durante milenios
De feito, algunhas inscricións circulares crese que foron cristianizadas con cruces na Idade Media
Non lonxe do dolmen encóntrase unha das maiores xoias de todo este conxunto
Referímonos ao Corro dos Mouros, tamén coñecido como O Castrillón ou A Roda de Adai
O xacemento foi obxecto de estudos arqueolóxicos, que indicaron unha antigüidade duns 3.300 anos
Trátase dun círculo lítico case perfecto con máis de 50 metros de diámetro, cun parapeto recuberto de seixo
A súa función sería funeraria, con enterramentos en foxa e máis dun milleiro de pezas de olería como ofrendas
Non menos importante, polo seu carácter singular, único no mundo, é o Altar de Adai
Falamos dunha roca de máis de 70 metros cadrados con forma elipse e un total de dezaoito buratos
Este outro monumento é aínda máis antigo, posto que data de hai uns 4.000 anos, e foi descuberto nos anos 80
Verbo da súa funcionalidade, as recentes escavacións determinaron que se trata da base dunha longhouse, unha casa longa
É dicir, unha cabana comunal, cuxo uso ritual se prolongou durante toda a Idade de Bronce, dende o calcolítico ata a irrupción do ferro
As escavacións neste xacemento continúan na actualidade
É o caso do refuxio próximo ao altar de Adai, no que aínda están a traballar
Deste xeito, grazas ao labor dos arqueólogos, no futuro poderemos coñecer mellor o noso pasado
Ademais de admirar os monumentos creados polos nosos ancestros, a visita á zona paga a pena por máis motivos
A contorna ten un valor natural e paisaxístico innegable, con bosques de flora e fauna autóctonas na Reserva da Biosfera Terras do Miño















Ningún comentario:
Publicar un comentario