09/11/25

As pinturas de Noa Persán


Unha das autoras que me resultan máis suxestivas do inmenso universo artístico lucense é a pintora Noa Persán
Agora, unha exposición retrospectiva amósanos unha escolma da súa ampla e variada obra ao longo das últimas décadas
Lembro o impactado que quedaran ao ver ao vivo un dos seus cadros, co característico fondo verde e inspirado na arte xaponesa
Na mostra pódense contemplar varios exemplos, coma no caso de Sakura, revisado como Lying is fashionable, "a mentira está de moda"




Vasca de nación, Persán trasladouse aos Ancares a finais dos 80
Segundo a artista, a natureza ten unha enorme influencia na súa obra
De aí o predominio do verde e a continua presenza da flora e da fauna




As paisaxes galegas, en particular as correspondentes ás terras de Lugo, tamén gozan dun gran protagonismo
Isto é algo que queda patente en varias das súas propostas, algunhas laureadas, e tamén nalgunhas das súas encargas
Outra vertente do seu traballo céntrase en amosarnos personaxes femininas que semellan recollidas en distintos contos de fadas




A figura da muller é unha constante, xa dende os seus inicios, na obra de Noa Persán
Así o reflicten os cadros máis antigos da exposición, que datan de hai arredor de 20 anos




O onirismo e o mar sobresaían, como se pode apreciar, entre os motivos representados
Na procura dun estilo propio, as pinturas navegaban daquela por unhas augas máis frías




A retrospectiva, denominada 'Unha retratos-pectiva Noírica', dános por tanto unha idea da súa evolución estilística
Consta duns 70 cadros e poderá visitarse na sala de exposicións temporais do MIHL, no lugués parque da Milagrosa, ata o 25 de novembro

10/10/25

As cores do San Froilán

 


A gran festa do outono galego caracterízase pola intensidade e a variedade do seu cromatismo
É xusto nesta primeira quincena de outubro cando a foresta comeza a se tinguir de cores cálidas
Malia perder forza, a luz dun sol cada día máis baixo amplifica este efecto, cun resultado engaiolante




Tanto ao amencer coma á tardiña, as raiolas cobren a paisaxe dun halo dourado
No espello do Miño ese ouro vale o dobre, ao se reflectir a follaxe nas augas mansas




Pola beira dos ríos, os carreiros tórnanse cadros coloristas
O cinto verde de Lugo vólvese un grande anel áureo que envolve a urbe




O Miño, o Rato, o Mera, o Fervedoira e demais cursos fluviais corren a mesma sorte
Unha temperatura de color de escasos graos Kelvin volve as súas marxes máis acolledoras
E ao caer a noite, o noso festival da colleita continúa no recinto feiral co renovado Oktoberfest galego




As patronais luguesas non son só festíns de polbo á feira, atraccións novidosas e os mellores concertos de música tradicional
O San Froilán é toda unha oda á abundancia cumprida, unha celebración da luz no seu máis amplo espectro que convida a regalar os ollos

01/09/25

Futuroscope


Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza
Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi especial
Aproveitando a estadía no Val do Loira, achegámonos a Poitiers para visitar Futuroscope
Tras imbuírnos de cultura, divertímonos daquela coa ciencia e mais coa tecnoloxía multimedia
O que é un dos principais parques temáticos de Francia nacera nos 80 como unha especie de tecnópole
Dende entón, non deixou de medrar ata albergar máis de 30 atraccións e acoller millóns de visitantes cada ano




Unha vez aterramos no lugar, fomos de cabeza a viaxar no tempo na compaña dos Rabbids
Como toma de contacto coa tecnoloxía 4D aplicada a unha atracción interior, resultou realmente simpático




O parque ten o seu propio planetario, onde vimos a curta Cosmic Collisions, sobre a formación da lúa




Tamén fomos espectadores en varias das salas equipadas co sistema de proxección IMAX
Nelas contemplamos, en grandes pantallas, diversos documentais sobre o espazo ou o fondo do mar




Xa nas atraccións mecanizadas, tanto cazamos tornados como partimos nunha nave con base en Marte
Entre labores tan intensos, houbo tempo para o relax de múltiples formas, como un paseo en bici acuática




Dende un miradoiro xiratorio podían contemplarse vistas de todo o parque
E na típica casa do revés vimos como estaba todo patas arriba e costa abaixo




Nunha ocasión, na contorna dun fungo xigante sorprendeume polas costas un amable alien verde
Baixo estas liñas, Marta e Selma repousan na recepción do hotel onde nos hospedamos, do propio parque




Con case 40 anos de historia, Futuroscope segue ampliándose e renovándose
O espectáculo nocturno que o pecha conxuga xogos de luz e de auga con proxeccións
É o broche de ouro perfecto para unha experiencia sensorial, didáctica e, ante todo, entretida

As pinturas de Noa Persán

Unha das autoras que me resultan máis suxestivas do inmenso universo artístico lucense é a pintora Noa Persán Agora, unha exposición retrosp...