07/04/11

Zappa: ratas e pexegos



O ano anterior a Weassels Ripped My Flesh fora prolífico para Zappa
Un dos mellores álbumes de 1969, e da súa carreira, foi este, Hot Rats
-A cuberta tamén ten o seu aquel, con ese sombreireiro tolo sen chapeu-
O disco fora gravado en 16 pistas, algo que nin os Beatles facían entón
Comeza con Peaches En Regalia, hoxe convertido en standard de jazz


Outro tema con sona desta gravación mítica é a canción Willie The Pimp
O cantante é Captain Beefheart, un colaborador habitual de Frank Zappa
A estes dous primeiros hai que engadir outros catro temas máis, redondos
Ademais de pexegos e de ratas, o disco fálanos de paraugas e de camelos
-E contén unha suite, The Gumbo Variations, cuns ventos extraordinarios-



01/04/11

As denociñas de Zappa



Había moitos anos que dera con esta portada nas tendas de discos
Sempre me pareceu que a imaxe posuía unha gran forza expresiva
Pero non me decidira a escoitar o álbum ate hai ben pouco tempo
Esta carátula ten a súa historia, como non podía ser doutra forma
Fóralle encargada polo propio Frank Zappa ao artista Neon Park
Propuxéralle partir da base dunha cuberta do magazine Man's Life
-Unha publicación de aventuras para os moi machos dos anos 50-


A outra idea que derivou na ilustración final foi un anuncio de 1953
-Saía no número de setembro da revista Saturday Evening Post-


 O resultado foi unha imaxe das que quedan gravadas na retina
A pintura pop dun home que se esgaza a cara cunha denociña
-Que á súa vez ten a forma dunha máquina de rasurar eléctrica-
Toda unha icona, un referente, fácil de atopar en moitos lugares



A música que contén este disco do ano 1970 non é menos xenial
Salientaría, de entre os seus cortes, o Toads of the short forest
E, sobre todo, o estupendo The Orange County Lumber Truck
Versioneado por Fudge nun disco homenaxe de bandas surfeiras
-Entre outras moitas versións deste temazo composto por Zappa-


24/03/11

O curioso caso do neno suicida



Un filme que si me fascinou foi este: O curioso caso de Benjamin Button
Non só pola película en si, que é fantástica -aínda que longuísima de máis-
Senón porque me recordaba un relato de Rafael Dieste que lera moi novo
O conto en cuestión, de apenas catro páxinas, chamábase O neno suicida
-Que fora publicado por Galaxia no libro Dos arquivos do trasno, de 1926-
Consiste na narración da súa historia nunha tasca por parte dun vagabundo
O argumento era moi semellante ao da obra de F. Scott Fitzgerald, de 1921
Pero no caso de Dieste o protagonista non saía avellentado do ventre da nai
Era aínda máis gótico, posto que o vello nacía nunha tumba dun cemiterio:

"-Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo viu saír do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. ¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea. ¿Por que non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E na carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo, a terra-nai pariu. Pariu un vello en coiro."

17/03/11

O filme dos pitufos



Este ano vou ter un agasallo de aniversario ben curioso
Xusto ese día estréase por aquí un filme sobre os pitufos
Deste xeito, os seres creados por Peyo recobrarán sona
De entrada, Sony xa comezou a campaña de promoción
O tráiler di moito sobre o espírito americano da película
-Que está ambientada, sorpresa, no plató da Gran Mazá-
Así e todo, seguro que irei, lentes sobre lentes, polo cine
Posto que o verán vai ser longo e as salas están frescas


11/03/11

Cando fai sol



Se hai unha semana chovía, dende aquela fixo sol
A uns días do cambio de estación, xa é primavera
Publiquei en diversas ocasións fotos da nosa rúa
-Imaxes con neve, co arco da vella ou ao amencer-
Pero nunca antes colgara aquí fotos con bo tempo
Así que me parece de xustiza facelo hoxe mesmo
Para poder así amosar tamén o seu rostro amable



Son instantáneas captadas ao mediodía, a plena luz
Xusto cando o sol está no máis alto e loce de cheo



04/03/11

As augas de marzo



Seguimos con máis música, coa propia deste mes que iniciamos
Escollín unha canción de António Carlos Jobim para pórlle faciana
As "Águas de março", do álbum "Matita Perê", publicado no 1973
Moi apropiado, por outra parte, xa que acaba de empezar a chover:

                                                   "São as águas de março fechando o verão
                                                    É a promessa de vida no teu coração
                                                    É pau, é pedra
                                                    É o fim do caminho"


Ademais do tema que abre este disco, deixo aquí o que lle dá nome
É unha versión en concerto do tamén brasileiro Milton Nascimento
Data do 2002, anos despois do falecemento do autor destes versos




25/02/11

Humor Negro



Do branco das nevadas pasamos ao negro do humor afroamericano
Blacula e o Dr Funkenstein enfróntanse á Criatura do Lago Branco
-Un monstro desovado pola CIA que realmente é unha serea negra-
O sketch está baseado en varias películas, coma no caso de Blacula


Outro referente, do mesmo tempo, é o filme do Frankenstein negro
-Outra produción de baixo presuposto de principios dos anos 70-


Blackenstein serviu tamén de inspiración musical por aquela época
Había un grupo chamado "The Brides of Funkenstein", por exemplo
E un tema dos míticos Parliament levaba por nome Dr. Funkenstein

O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...