29/04/15

Árbores ornamentais



Xa estamos no medio da primavera, a piques de celebrar a festa dos Maios ou Beltane
É nesta época do ano cando tamén florecen as árbores que ornamentan as nosas rúas
A maioría corresponden a especies exóticas, orixinarias sobre todo do Extremo Oriente
Unha das máis comúns, o abruñeiro dos xardíns, floreceu xa en Lugo no mes de marzo
Na foto vese un exemplar da variedade pissardii que se encontra no parque de Rosalía
Tras a efémera floración, as características follas de cor granate cubrirano ata o outono



Outra árbore ornamental abundante nas cidades é o kanzán (prunus serrulata 'kanzan')
Florece con profusión neste mes de abril coa mesma rapidez coa que lle caen os pétalos



Un arbusto ornamental moi común nas nosas rúas é a photinia (photinia fraseri 'red robin')
As flores, brancas, saen en mestos corimbos, mentres que as follas se volven encarnadas




Tampouco acada moita altura a chamada árbore do amor ou de Xudas (cercis siliquastrum)
As florciñas, cuxa cor varía do rosa ao morado, son comestibles, e as follas de gran tamaño
Nesta imaxe podemos ver uns cantos exemplares que adornan o barrio lugués da Milagrosa




Este soberbio exemplar de magnolio encóntrase nos xardíns do Museo Provincial de Lugo
Outras zonas da urbe, como esta das Casas Baratas, locen numerosos especimes novos



Nas mesmas rúas abundan tamén as camelias, cuxas flores a estas alturas xa están a murchar
A camellia japonica, moi corrente no noso país, conta con auténticos santuarios nalgúns pazos



Nesta época agroman algunhas árbores importadas de América para o seu uso ornamental
É o caso do carballo americano (quercus rubra), que na foto vemos na praza maior de Lugo
A follaxe desta frondosa adquire fermosas tonalidades arroibadas durante o tempo de outono
-O mesmo lle acontece ao pradairo americano, acer rubrum, tamén moi presente nos parques-
Ou o liquidámbar (liquidambar styraciflua), cuxas follas logo tornan amarelas e mais vermellas





Xa que falamos da praza Maior de Lugo, esta é coñecida polas súas sóforas (sophora japonica)
Comparten algo coa robinia (robinia psudoacacia) e coa acacia americana (gleditsia triacanthos)



Conforman o club de especies arbóreas que en terras galegas son denominadas falsas acacias
Na instantánea de abaixo avístanse os brotes dunha das robinias residentes no parque de Frigsa



Outra árbore habitual nos nosos parques e xardíns é o castiñeiro de Indias ou das bruxas
As follas desta especie (aesculus hippocastanum) brotan antes cás frondosas autóctonas



Remataremos co xingko (gingko biloba) este repaso polas principais árbores decorativas
Malia ser caducifolio, este fósil vivente figura entre as ximnospermas, coma as coníferas
As follas, cunha inconfundible forma de abano, polo outono adquiren un ton amarelo vivo
Trátase, coa súa presenza, de alegrarnos a vista e de facernos a vida algo máis levadeira


29/03/15

Lepismas



Agora que chegou a primavera, neste caixón de xastre queremos dedicarlle unhas liñas á bichería
Xa nos temos ocupado da entomoloxía en anteriores ocasións, como cando abordamos a grilotoupa
Desta volta, imos achegarnos á lepisma ou peixiño prateado, unha especie realmente extraordinaria
Trátase, literalmente, dun hexápodo de andar pola casa, pero non por iso resulta menos fascinante
Para empezar, cómpre ter en conta a súa antigüidade, posto que estamos a falar dun supervivente
Estímase que a especie ten uns 400 millóns de anos, máis cós dinosauros e tanto coma os tiburóns


Ao contrario ca outros insectos máis evolucionados e sen ás, este fósil vivente nunca chegou a voar
Cómpre destacar tamén a súa lonxevidade, xa que pode vivir ata oito anos, o dobre cá abella raíña
Nese tempo, pode mudar unhas oito veces o seu exoesqueleto, prateado a partir da terceira muda


Os seus hábitos alimentarios e mailo seu particular xeito de se reproducir non causan menor pasmo
A lepisma saccharina recibe este nome científico pola súa especial predilección polos carbohidratos
É, de feito, un dos dous únicos animais cun enzima propio, a celulasa, capaz de degradar a celulosa
De aí que poida converterse nunha praga se chega a criar nunha biblioteca e non se toman medidas
Así o ilustra nesta viñeta o ilustrador catalano-aragonés Zoel Forniés, bo coñecedor da problemática


En canto á vida sexual deste singular insecto, non podería parecer menos alieníxena aos nosos ollos
O macho pendura dun fío un espermatóforo cara ao que guía a femia mediante manobras de cortexo
Unha vez collido o saco cos apéndices sensoriais do abdome, elas introdúceno na súa abertura xenital
Outra característica que distingue a lepisma é a súa fotofobia, polo que adoita actuar con nocturnidade
Como hai xente para todo, iso non impide que haxa quen se decida a adoptar o bicho como mascota
Pero o máis habitual é optar por lidar con estes primitivos amigos, que non son fáciles de exterminar


28/02/15

Cancións para nenos



A paternidade permitiume descubrir todo un movemento musical en plena efervescencia
Refírome á nova canción infantil galega, hoxe un dos motores da nosa industria cultural
O colectivo María Fumaça, capitaneado por Uxía Senlle, é un dos baluartes neste xénero
Esta versión dunha cantiga brasileira, "A formiguinha", figura entre os seus maiores éxitos


Mención especial, neste disco homónimo, para os poemas musicados de Manuel María
O seguinte álbum de María Fumaça, "Xique Xoque, Fiú Fiú!", catapultou este proxecto
Nel participan unha morea de músicos e de nenos, que enchen escenarios alí onde van
-E tamén auditorios, como tivemos oportunidade de comprobar xa en varias ocasións-
O tema "Manola" pertence a esta segunda entrega dunha banda atípica mais exitosa




Tamén "Medomedá", escrita por un dos seus maiores activos, o compositor Magín Blanco
Este artista converteuse, de feito, nun dos autores máis valorados da música infantil galega
-Tras case 25 anos de carreira no rock, en 2012 foi homenaxeado no disco "Doutor Apertas"-
E o seu primeiro álbum para raparigos, "A nena e o grilo", nun referente na súa posta ao día




Tanto é así que o disco tivo a súa continuación na obra "A nena e o grilo nun barquiño"
A acollida que recibiu foi aínda máis calorosa por parte do público ao que vai dirixida
-O último traballo, "Gatuxo", xa aposta por cativos incluso máis novos, de 0 a 3 anos-
No vídeoclip dun dos temas, "Todos somos capitáns", participan a nena e mailo grilo
-Léase os membros de Teatro Ghazafelhos que encarnan os protagonistas do libro-




A preciosa canción de berce "Soñar" é outro dos suxestivos temas deste libro de contos
Tamén o "Roncarol Dragón", cun vídeo realizado para a súa emisión no Xabarín Club
No mesmo programa emitiuse acotío este outro videoclip dun tema de Xoán Curiel
-Quen precisamente fora o primeiro en encarnar o grilo na súa primeira versión-





O espazo infantil Xabarín Club acolleu tamén vídeos como estes do grupo Migallas
O programa da canle pública foi, de feito, o precursor deste fenómeno emerxente
Aló polos 90 comezara a botar cancións feitas ex professo para os máis pequenos




Este outro vídeo, de As Maimiñas, ofreécenos outra vertente menos tradicional do xénero
Pertence ao segundo álbum da súa discografía, que se chama "Unha viaxe polo mundo"


Un dos artistas máis laureados é Pablo Díaz, gañador na última edición dos Martín Códax
O disco "Toc Toc", o segundo na súa carreira, valeulle o galardón ao mellor álbum infantil
A versión da peza "O piollo e a pulga" dá conta do traballo deste estudoso do noso folclore



Outro renovador do sector é Paco Nogueiras, responsable do supervendas "Brinca Vai!"
-O libro conta ademais con excelentes ilustracións de David Pintor, o de Pinto & Chinto-
Partindo de diferentes estilos musicais, o artista soubo entrelazalos coa tradición galega
De exemplos, temos as cancións "No Samaín", "O Apalpador" e mais "Meu o mundo é!"




Á parte das que levo comentado, xorden cada vez máis voces no eido da canción infantil
Son xa unha pléiade de artistas, moitos provenientes do folk, do rock ou dos contacontos
Os ex-compoñentes da banda Berrogüetto, por exemplo, colaboran en varios proxectos
É o caso de Santi Cribeiro en María Fumaça ou de Quim Farinha en "Pitusa Semifusa"


A propia autora deste último disco, Olga Brañas, procede igualmente do mundo do folk
Mención especial tamén para o ilustrador, Leandro Lamas, autor doutros traballos afins



Salientar tamén obras coma o libro-DVD "Contos en cantos", de Almudena Janeiro
-Con versións musicadas de historias tan populares como Cocorico ou Chocolata-
Ou os catro álbumes que xa sacou ao mercado o grupo Pirilampo da man da ASPG



Non debemos rematar este sucinto repaso sen mencionar os pioneiros neste fenómeno
Fálovos dun grupo con case unha ducia de álbumes ás súas costas nos últimos 15 anos
A banda liderada por Gloria Mosquera, Mamá Cabra, foi a primeira en reencher este oco
Comezaron cando aínda ninguén se centraba en compoñer en galego para os máis novos
É dicir, decatáronse da demanda que existía entre o público e mais souberon satisfacela
Foron abrindo o camiño para que outros artistas puidesen crear para as xeracións futuras



26/01/15

Dez anos de convivencia




Hai agora dez anos emprendemos unha nova andaina no terreo persoal
En xaneiro de 2005 mudámonos, Marta e mais eu, ao noso actual fogar
Ela viñera da Coruña para Lugo coa ilusión de principiar unha nova vida
Pola miña parte, trasladárame dende uns centos de metros de distancia
Ao longo do lustro anterior, convivira cun bo compañeiro e mellor amigo
Mais daquela chegara o momento de darmos o paso para emanciparnos
Fomos así dar ao noso actual domicilio, un piso a 200 metros da muralla




A vivenda ten vistas a uns chalés construídos en tempos da 2ª República
Está orientada cara ao sur, polo que recibe a luz do sol durante todo o día
Como as casas de diante son baixiñas, goza ademais dun espazo aberto




Durante a última década, tivemos ocasión de ver como mudaba a paisaxe
Fomos testemuñas da ruína dalgunhas casas e mais da súa rehabilitación





Tamén vivimos como se sucedían as estacións, unha tras outra, ano tras ano
Dende o sol do verán ata as néboas e as neves dos longos invernos lugueses




E experimentamos un cambio fundamental no interior do noso propio fogar
Vimos como o noso niño se ía adaptando de vagar para acoller a nosa filla




Ignoramos canto máis tempo habemos de seguir vivindo nesta morada
Pero unha cousa é segura: os anos que pasamos nela foron os mellores


23/12/14

Selma en 2014



Nos dous anos anteriores editara senllos vídeos coas andanzas da miña filla
Por aquilo de completar a triloxía, velaquí a produción correspondente a 2014
Se en 2012 me abraiaran os seus progresos, en 2013 fora a súa inquedanza
Pois ben, os últimos doce meses representaron o paso a unha certa madurez
A meniña viviu unha auténtica eclosión no tocante ás maneiras de expresarse
Non só oralmente, senón tamén a través de artes coma a música ou a pintura
Penso que resulta patente tralo visionado destas escenas, moitas delas cotiás
As actividades de Preescolar na Casa foron fonte de entretemento todo o ano
Varias delas figuran nas primeiras secuencias, antes das vacacións do verán
O paso ao estío supuxo a multiplicación de ofertas culturais para os raparigos
Foi o tempo dos concertos, coma o de María Fumaça no Festigal, en Santiago
Ou as actuacións de Magín Blanco na Coruña, en Palas ou en Lugo mesmo
A modo de fío condutor, escollín o Rocanrol Dragón, gravado nas tres sesións
A fins do verán, pasamos unha tarde inesquecible co meu primo Beni Montero
-Falecido hai uns días, así que queda aquí constancia como recordo especial-
As incontables horas que botamos nuns cantos parques tamén teñen un oco
Logo, co outono, a diversión seguiu da man das festas luguesas ou o magosto



Son parénteses no marco dunha rutina que chegou co inicio do curso escolar
O colexio veulle ben para afacerse a deitarse cedo e a comer con máis ansia
E tamén para desenvolverse, con maior soltura, nunha fala cada día máis rica
Por outra parte, tamén está a ir á piscina, onde a nosa sereíña o pasa bárbaro
Agardamos que o ano entrante dea aínda máis de si e que vos sexa próspero



Phantasialand

Hoxe estamos de festa na casa, posto que a rapaza xa nos fai quince anos Por adiantado, obsequiámola cunha visita a un dos parques temáticos...