29/08/18

Estonia, Letonia e Lituania (II): Riga



Deixamos atrás Tallin, atravesamos Estonia e chegamos á veciña Letonia
Alí visitamos a capital do país, Riga, comezando polo impresionante Mercado Central
Consiste nunha serie de antigos hangares de cepelíns alemáns, que albergan milleiros de tendas
No complexo, que está declarado Patrimonio da Humanidade, degustamos saborosos peixes afumados




Un dos principais atractivos desta urbe é o seu rico patrimonio modernista
De feito, está considerada a cidade con máis edificios de estilo art nouveau de todo o mundo
Entre os arquitectos daquela época que desenvolveron a súa obra en Riga destaca Michail Eisenstein




Nalgúns dos edificios deseñados polo pai do famoso cineasta soviético apréciase a influencia da arte precolombina




Á parte dun fermoso barrio modernista, a capital letoa conta cun casco vello moi animado
Nas súas rúas e prazas, decoradas profusamente con ornamentos florais, son frecuentes os concertos




O gato negro, que adorna as fachadas de varios edificios históricos, é un dos símbolos de Riga
Tan característico coma a fachada da catedral protestante ou a torre da tamén luterana igrexa de San Pedro




Actualmente, seguen a realizarse obras curiosas no centro da que é a maior cidade dos países bálticos
O certo é que Riga nos gustou aínda máis cá tamén hanseática Tallin, pero non tanto coma o noso seguinte destino


28/08/18

Estonia, Letonia e Lituania (I): Tallin



Vimos de realizar unha viaxe inesquecible a través dos Países Bálticos
Comezamos na capital estoniana, Tallin, caracterizada polo seu encanto medieval
De feito, aínda conserva algunhas das torres da muralla que rodeaba esta cidade hanseática




O centro da cidade encóntrase na Praza do Consistorio
Aquí celébranse acotío mercados onde se pode atopar artesanía local
As pezas feitas con liño son algúns dos artigos máis demandados polos visitantes





As casas dos gremios ou a vella Torre Redonda son algúns dos principais reclamos de Tallin
A cidade pode presumir tamén de ter a farmacia en activo máis antiga do mundo, aberta dende 1422
Ademais, ten un café do s. XIX, o Maiasmokk, onde se elaboran figuras artesás de mazapán pintadas a man



Ás aforas encóntrase o palacio Kadriorg, erixido por Pedro o Grande de Rusia trala conquista do país




Durante a nosa estadía puidemos tamén degustar algunhas das viandas e beberaxes locais
Tamén nos deu tempo a aprender algúns vocábulos en estoniano, da mesma familia que o finés e o saami
É dicir, nada que ver coas linguas propiamente bálticas, indoeuropeas, que habiamos escoitar nas xornadas seguintes


01/07/18

O pazo de Mariñán



Recentemente visitamos o principal conxunto histórico-artístico do concello coruñés de Bergondo
Refírome ao pazo de Mariñán, un complexo que ocupa 17 hectáreas de xardíns, bosque e mais cultivos
En primeiro lugar percorremos o paseo axardinado deste espazo, que discorre pola beira da ría de Betanzos
Ao fondo atopamos, no medio dunha fraga, esculturas de diversos autores que conseguen sorprender os paseantes




As vistas á ría constitúen un dos puntos fortes da visita
O pazo, de feito, mesmo ten o seu propio embarcadoiro




A visita foinos coincidir xusto co período de floración das maceiras, como se pode apreciar
En canto ao pazo, ten a súa orixe no s. XV, e o seu aspecto barroco data dunha reforma do XVIII
Posteriormente, unha vez pasou a súa titularidade á Deputación, converteuse nun orfanato para rapazas
Unha mágoa, o feito de que non estean permitdas as fotos no interior, posto que conta cunha interesante pinacoteca


02/06/18

Das Catedrais ao Fuciño do Porco



O outro día percorremos dous dos principais monumentos naturais do litoral da Mariña
Primeiro visitamos a praia das Catedrais e logo fomos ao Fuciño do Porco, no outro extremo da costa
No areal ribadense puidemos admirar os famosos arcos que a erosión foi conformando nos cantís de lousa e xisto




Os arcos e mais os arcobotantes que a natureza esculpiu danlle sentido á denominación turística do espazo




En días sinalados, a praia de Augas Santas semella unha romaría durante a baixamar
Outro tanto acontece no Fuciño do Porco, no Vicedo, a onde nos diriximos na mesma xornada




Situado na beira occidental da ría de Viveiro, trátase dun promontorio rochoso que se adentra no mar
Para poder acceder, cómpre camiñar varios quilómetros a través do monte e mais por unha sinuosa pasarela




Dende o alto do Fuciño do Porco, as vistas deste recuncho do mar Cantábrico son espectaculares
Tanto se pode ollar o illote Gaveira, na mesma ría, coma a illa Coelleira, xa na boca da ría do Barqueiro


O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...