01/08/21

A nosa historia contada cos playmobil

 


O MIHL alberga todo este verán a exposición "Historia da Galiza a golpe de click"
Consta de media ducia de dioramas, elaborados pola asociación estatal de coleccionistas de playmobil
A iniciativa da concellería luguesa de Cultura, os membros da Aesclick prepararon para esta mostra un milleiro de bonecos móbiles




A exposición conta tamén con paneis explicativos especialmente pensados para toda a familia
No primeiro dos escenarios cobran vida os dinosauros do xurásico,  período iniciado hai 200 millóns de anos
Tamén se permiten algunha licenza, como a coexistencia dos plistocénicos mamuts cos dolmens, propios do megalitismo




Noutro dos dioramas recréase, xa na protohistoria, a vida nun castro galaico da Idade de Ferro
Precede o da invasión romana de hai máis de 2.000 anos, que lle daría pé á romanización da Gallaecia




O último diorama da expo, e de maior envergadura, céntrase no longo, complexo e turbulento período medieval
Coma en boa parte de Europa occidental, nas costas galegas tamén houbo incursións normandas, e mesmo asentamentos
Tamén na Idade Media, os castelos serviron para defender os territorios señoriais fronte ás ameazas dos irmandiños ou doutros señores


01/07/21

O castelo de Pambre

 


Vimos de visitar unha das fortalezas de maior sona e mellor conservadas de todo o país
Estivemos no castelo de Pambre, que se encontra en Palas de Rei, no extremo occidental da Ulloa
Ata este BIC pódese chegar pola beira do río homónimo ou por unha pista en mellor estado dende a vila palense




O castelo foi construído a finais do século XIV por Gonzalo Ozores de Ulloa, sétimo señor da liñaxe
Erixiuse arredor dunha igrexa románica, 200 anos máis antiga, que aínda se conserva no patio de armas




Un pequeno patio principal conduce á torre da homenaxe, de tres plantas e uns once metros de altura




No alto da torre as vistas da contorna son espectaculares
Pódese ollar o conxunto rodeado de prados, de gando e de arborado




O panorama máis agreste é o que se albisca ao poñente, por onde baixa o Pambre cara ao Ulla




A paisaxe máis suave, pola contra, atópase no extremo oposto
A rentes do chan, pódese comprobar nunha das moitas miras e seteiras da fortaleza




O conxunto conta cunha pequena parte museística, que de seguro fará as delicias dos máis pequenos
Nela explícase a historia do castelo, que foi dos poucos que quedaron en pé no s. XV tras as Guerras Irmandiñas
Tras pasar por diversas mans, incluída unha orde relixiosa, actualmente é de titularidade autonómica e de xestión municipal




O carreiro paralelo ao río atravesa a entrada principal da fortaleza
Dende a senda mesmo hai un mirador coa mellor vista de todo o conxunto




Con días longos e con verdes pastos e mais coloridos estalotes, a visita presta máis se cabe nesta época do ano


05/06/21

Media vida en Lugo

 


Hai hoxe 21 anos e 11 meses comezaba a traballar na delegación da CRTVG en Lugo
Aquel 5 de xullo de 1999 tiña xusto 21 anos e 11 meses, polo que xa levo media vida nesta cidade
Aos tres anos de chegar foi cando coñecín a miña parella, que tampouco era luguesa, pero logo veu vivir comigo
Dende entón, percorremos xuntos boa parte destas terras, dende a Ribeira Sacra ata a Mariña, pasando pola serra do Courel




Entre visitas turísticas a recunchos que, case inevitablemente, xa coñecía do traballo, foron pasando os anos
Son moitas e moi boas lembranzas, algunhas das cales figuran plasmadas neste bloguiño que me deu por crear en 2007




Hai case unha década experimentamos o maior e o mellor dos cambios que se puido dar no noso fogar
Naceu a nosa filla, que se considera lucense de pro e que dende sempre o reinvindicou cos seus 'tapaseos'





Eses paseos con tapas e petiscos pola cidade amurallada tamén foron reflectidos neste sitio web
Que foi, e segue a ser, o lugar onde compartimos a parte máis pública dos nosos álbums familiares




Como todo o mundo sabe, a contorna de Lugo ofrece paisaxes de extraordinaria beleza e riqueza natural
É o caso da área recreativa e da praia fluvial de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, ou da insua da Aula da Natureza do Veral




Ademais de visitarmos enclaves de gran valor natural ou cultural, aquí tamén tivemos festa, moita festa
Dende o San Froilán ao Arde Lucus, pasando polo Samaín, o Nadal ou os Maios, que vimos de celebrar inda non hai moito




Como todo fillo de veciño, salvo no meu caso en horario laboral, permanecemos confinados ao comezo da pandemia
Foi ese un recordo que, para ben ou para mal, tamén ficou documentado para sempre tanto na nosa memoria coma nas fotos
Agardamos poder deixar atrás máscara e demais axiña e volver á nosa vida normal canto antes, que xa lle chega de fatiga pandémica
Respecto ao futuro, remítome ao expresado cando fixen 20 anos en Lugo e sinalei que hei procurar gozar ao máximo o que reste de estadía


A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...