29/06/10

De Stonehenge a Bristol



Acabamos de viaxar unha semana enteira por Inglaterra e Gales
Como hai moito que contar, vaiamos por partes de principio a fin
Empezaremos polo primeiro día, no que pasamos por Stonehenge
Aventurámonos a visitar o monumento o propio solsticio de verán
Só deixaron achegarse ao círculo de pedras durante a festa da noite
Así que acabada a celebración, a distancia xa era a dun día calquera
Pero aínda así foi abondo para apreciar toda a súa maxia megalítica


Deseguido dirixímonos a Salisbury, coñecida pola súa alta catedral
E é que a súa torre, con máis de cen metros de altura, rabuña o ceo
Polo que é o campanario considerado máis elevado de todo o país



Por último, descubrimos a cidade de Bath, cos seus baños romanos
E con moito ambiente e animación por parte dos seus artistas da rúa


Aínda que xa era coñecida na antigüidade, floreceu no século XVIII
Como resultado, o seu estilo predominante é o neoclásico xeorxiano
-De feito, aquí residira a escritora Jane Austin, referente desa época-



Rematamos o día en Bristol, degustando as cervexas locais no porto
Paseando pola noite, quedamos coa imaxe deste outro templo gótico



17/06/10

Mondrian



Efectivamente, este é un cadro de Mondrian, un pintor que me fascina
Piet Mondrian, holandés, representou a evolución mesma da pintura
Partindo do postimpresionismo, foi cubista e fundou o neoplasticismo
A súa obra, nun principio figurativa, soubo desprenderse do superfluo
Deste xeito, simplificouse de tal xeito que acadou a abstracción total
Este cadro, un dos máis coñecidos, seica data de inicios dos anos 20
Nel xa só figuran as cores primarias, ademais do branco e mailo negro
Parece ser que este home tiña unha manía: a aversión cara á cor verde
Salvando as distancias, ultimamente ocórreme un pouco isto mesmo
Esa cor non me acaba de encaixar, como xa se puido ollar nesta ventá
-Polo menos no que se refire á miña artesanía, non no resto, claro está-
Se cadra, digo, porque considero que se debería preservar na natureza
Feita esta reflexión, deixo aquí un vídeo sobre como evoluiu Mondrian



02/06/10

Os debuxos de Beni



Estes debuxos foron realizados polo meu curmán Beni Montero
-O único máis novo ca min dos vinte e tantos curmáns que teño-
Están expostos en “O Lagar”, á beira da súa casa, en Cambados
De feito, a maioría deles representan lugares senlleiros da nosa vila
Aínda que tamén os hai con oficios tradicionais, coma as redeiras
Ou coma o caso das mariscadoras de a pé na ribeira de San Tomé



Polo seu gran formato, ao lonxe mesmo semellaban fotografías
Están feitos coa técnica do carbonciño, que acentúa os volumes
Seica as obras gustaron: todas tiñan posto o cartel de “vendido"




21/05/10

De Marcelle ao Rato



O parque da natureza de Marcelle é coma un pequeno Cabárceno
Encóntrase en Outeiro de Rei, a tan só oito quilómetros de Lugo
Os animais contan con amplos espazos verdes, como ten que ser
Figuran especies tan diversas como bisontes, wapitis ou canguros
En total, ate medio cento delas, cada unha coa súa propia parcela



Dende a súa creación, hai menos de dez anos, o parque foi a máis
As ratites, coma os emús, foron das que primeiro se introduciron
-De feito, o proxecto comezara como unha granxa de avestruces-



Logo viñeron os muflóns, cebras, burriños, elands e linces boreais
E máis tarde, os suricatas, os porcos vietnamitas ou os mapaches
Sobra dicir que non todos se aclimatan, en particular cando neva



Finalmente, chegaron especies coma o lobo ibérico ou o capibara
Ademais, hai terrario con réptiles e un estanque con grandes aves




Estes si que son os monos do parque, capuchinos para máis señas
E aquí temos a ultimísima incorporación, un dromedario algo albino



Todo isto nunha área de 200 mil metros cadrados á beira do Miño
Nunha reserva da biosfera con carballos duns 30 metros de altura
-A foto esta sen retocar: polo mes de maio a follaxe é así de verde-


Connosco veu Toxo, que nos honrou coa súa visita a fin de semana
Ao día seguinte acompañámola ao parque do río Rato, xa en Lugo
-A cidade dos seus estudos, a onde non volvía dende había anos-


14/05/10

O Apóstolo



O realizador Fernando Cortizo participara cunha peza súa en “Onda Curta”
Iso fora no 2007, segundo lembrou Afonso Pato na gala dos Mestre Mateo
Só tres anos despois Cortizo está a piques de estrear unha película pioneira
O primeiro filme de animación feito coa técnica do stop motion en Europa
Chámase “O Apóstolo” e foi rodado enteiriño nuns estudios composteláns
No tamén desaparecido “Miraxes” emitiron unha reportaxe sobre esta obra
Nel fálannos do reparto de luxo que interviu para darlles vida aos bonecos
Tanto pola parte artística como polos técnicos que traballaron no proxecto
Entre os deseñadores cóntanse creativos que colaboraran con Tim Burton
-Nas pelis “Pesadelo antes do Nadal” ou “A Noiva Cadáver”, entre outras-
Entre os actores, Carlos Blanco, Tosar, Paul Naschy ou Geraldine Chaplin
Ademais, o tema principal da banda sonora foi composto por Philip Glass



Os monicreques están articulados, recubertos de silicona e látex e vestidos
Son movidos por especialistas en base á gravación previa feita aos actores
O resultado é unha longametraxe de intriga que seguro non decepcionará
Ambientada nunha aldea onde os peregrinos desaparecen misteriosamente




06/05/10

Mestre Mateo



Seguimos coa Galega, desta volta coa gala dos últimos Mestre Mateo
“Onda Curta” recibiu o premio ao mellor programa cultural para a tele
Entre os seus dous directores figuraba un amigo meu, Carlos Meixide
Cando foron recoller ese galardón, Carlos non desaproveitou a ocasión
Bromeou sobre os tradutores automáticos ante o conselleiro de Cultura
Era o xeito de romper o xeo antes de cargar contra a desfeita televisiva
Contra a supresión de todo programa cultural que se valorase como tal
Referíase ao seu Onda Curta, a Miraxes, Banda Curta ou Libro Aberto
Todos eles realizados por grandes profesionais que hoxe están no paro
Mellor velo na gala, que foi emitida en directo, sobre o minuto 1h 05'
Admiro a valentía e a coraxe de Carlos, tan escasa nos días que corren

29/04/10

Ninguén é perfecto

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Seica me confundiron, e en directo, cunha compañeira
Déronlle paso a unha moza de longa cabeleira dourada
Pero no seu lugar apareceu alguén moreno e con barba
Ocorreu hai 15 días no magazine “Bos días” da Galega
Digo “en directo” pola parte que lle toca ao presentador
Pola miña non, posto que xa estaba gravada de antemán
De aí que non houbese pé ao lóxico diálogo aclaratorio
“Cousas do directo”, din ao final do vídeo, con rentintín
Polo menos desculpáronse, qué remedio, tras o equívoco
O episodio foi logo, como non, comentado no Facebook
Non sen, claro está, a súa comprensible guasa pertinente
Qué lle imos facer, ninguén é perfecto, só me queda dicir

Phantasialand

Hoxe estamos de festa na casa, posto que a rapaza xa nos fai quince anos Por adiantado, obsequiámola cunha visita a un dos parques temáticos...