02/09/13

A festa do segundo aniversario de Selma



Esta fin de semana celebramos o segundo aniversario de Selma
Fixémolo na cidade natal da súa nai, na compaña dos seus avós



Sobre estas liñas, a nena saca fotos no paseo marítimo da Coruña
Abaixo, está connosco nunha das terrazas da praza de María Pita



Para a súa festa de aniversario, escollemos unha torta moi rica
Levaba varias capas de biscoito, nata e marmelada de amorodo



Comémola na casa dos meus sogros, xunto co meu cuñado, Diego
Á súa autoría corresponden as primeiras cinco fotos que vés de ver



01/09/13

Dous anos con Selma

 
 
Neste primeiro de setembro a nosa filla, Selma, fai dous anos
Como era de esperar, este segundo ano transcorreu máis rápido
Neste tempo, a meniña aprendeu a andar e a correr sen descanso
É máis, mesmo chegou a tornar nun terremoto que nos fixo suar
Malia todo, reconforta oíla ampliar sen presas o seu vocabulario
Escoitala dicir frases coas que expresa curiosidade ou sorpresa



 
Sobre estas liñas, a nena está no colo de meu pai lista para saír
Como foi un inverno difícil, houbo que aproveitar o escaso sol



 
Puido relacionarse ademais con outros pequenos e facer amigos
É o caso de Nica, Sabela, Catuxa, Anxo ou Mailoc, entre outros



 
Ademais de enredar, comer e durmir foron as súas ocupacións
 

 
Coa chegada do verán, Selma puido sacarlle partido ao bo tempo
Así, tivo ocasión de ir á praia ou de darse un baño na súa piscina

 
Pola nosa parte, debemos agradecerlles o seu apoio a tíos e sogros
Grazas a eles, puidemos saír pola noite cos nosos propios amigos

 
Foron pausas nas que, así e todo, tivemos sempre en mente a nena
 
 


28/08/13

Deli



Vimos de visitar o segundo país máis poboado do mundo, a República da India
Iniciamos a viaxe na cidade de Deli, onde se encontra a capital administrativa
Trátase dunha urbe de marcada influencia islámica dende a chegada dos árabes
No corazón do barrio musulmán atopamos o templo de Jama Masjid, do s. XVII
Con capacidade para 25 mil persoas, é unha das maiores mesquitas do mundo
Non en van, estímase que un de cada sete cidadáns indios profesa a fe sunnita




Dirixímonos tamén onda o Qutub Minar, un minarete erguido a finais do s. XII
Cos seus 72 metros de altura, está considerado un dos máis alto do mundo




Ao contrario ca o vello barrio musulmán, Nova Deli amosa amplas avenidas
É o caso do Rajpath, que une os edificios gubernamentais coa Porta da India
Datan da ocupación británica, época na que se estableceu a capital na zona



Tamén entramos a ver o templo de Birla, un referente entre os hindús da cidade
Por último, visitamos o Gurdwara Bangla Sahib, o maior templo sikh de Deli
Esta relixión de orixe punjabi fusiona elementos musulmáns e mais hinduístas



Se no interior recitaban versos do seu libro sagrado, fóra reinaba a paz da noite
Alí ollamos como un gran raposo voador baixaba a beber nas augas do estanque


26/07/13

Os cirrios de Lugo



O cirrio é un paxaro semellante á anduriña, aínda que de maior envergadura
Emigra ata estas latitudes dende finais da primavera ata xa mediado o verán
A maior colonia destas aves no noso país encóntrase nun lugar moi especial
Nada menos que onda un monumento declarado Patrimonio da Humanidade
Esa numerosa colonia de cirrios cría nas paredes da muralla romana de Lugo
Xa que teñen dificultades para emprender o voo dende o chan, non se pousan
Así que están en todo momento a voar polo ceo por riba dos muros lugueses
Son insectívoros incansables, polo que devoran todo bicho que se aproxime
Véxoos a diario a primeira hora da mañá, cando están especialmente activos
De camiño ao traballo, alédanme os amenceres cos sons que os caracterizan
Adoito ir dende a porta do Bispo Odoario ata a de Santiago, pasando pola Miñá

27/06/13

Máis vídeos da Galinha Pintadinha



Meses despois de vermos algúns vídeos de A Galinha Pintadinha, xa coñecemos o repertorio completo
Sonche cancións que, a base de oílas todos os días durante este tempo, acabamos por saber de memoria
Non é de estrañar que este proxecto brasileiro xa superase os 300 millóns de visualizacións en Youtube
Vou repasar aquí algúns dos temas que me parecen máis interesantes, comezando por esta do cangrexo
Roda, roda, roda alude a unha caste de crustáceo de Schrödinger que en potencia é peixe e non é á vez



Non menos interesantes son os vídeos nos que aparece un grupo musical formado por uns cantos bechos
Refírome a As Naftalinas, que interpretan esta simpática cantiga de escarnio e maldizer de A Baratinha
Con versos satíricos como 'A Barata diz que ten un chinelo de veludo/É mentira da barata/Ela ten o peludo'
Tamén figuran nesta outra canción sobre a tenda do Mestre André, onde repasan diversos instrumentos




Como non podía ser doutro xeito, a música xoga un papel importante, coma no caso de Dó Ré Mi Fá
Ou como nesta canción sobre un sapo que non lava o pé, que comeza cun coro de batracios nunha lagoa
A min, particularmente, resultoume rexoubeiro este tema dos indiozinhos que conta cun coro de monos




A Selma, pola súa parte, encantoulle esta outra canción sobre os cadelos, animais que a nena adora
E observo que o gusto é común por este outro vídeo que cabe interpretar como unha oda á infancia



Ademais dos temas que xa comentei, salientaría o da bolboretiña, o dos gatos ou o de lavar as mans
Deixo aquí, tal como figuran nos DVDs, todos os vídeos feitos ata o momento da Galinha Pintadinha
Entre clip e clip, adoitan figurar dúas pitas e mais unha vaca que tamén fan as delicias dos cativos





21/05/13

Máis cervexas amargas



Cada vez son máis as pequenas cervexerías galegas creadas dun tempo a esta parte
Con maior ou menor fortuna, foron sacando ao mercado beberaxes de dispar calidade
No caso de Adegas Menduíña, do Morrazo, elaboran unha excelente Indian Pale Ale
-Chámase "Kamek", coma o que se considera que era o nome prerromano de Cangas-
Fana en colaboración coa cervexeira catalá L'Anjub, que soubo apostar pola artesanía
Co nexo en común da produción artesanal galega, véñense de celebrar unhas xornadas
Nelas participaron varios locais especializados da principal zona de copas da Coruña
Entre eles, algúns aos que son asiduo, como é o caso do Malte ou de A Cova Céltica
Supuxeron a primeira fin de semana da cervexa artesá galega que se celebra na cidade
Xunto con Menduiña, Saramagal e Dama Alaricana foron outros fabricantes presentes



Este foi o cartel das xornadas, cun vaso de cervexa no lugar do cáliz no escudo galego
Sen dúbida, un xeito hábil de reproducir o espírito deste escaparate das nosas cervexas
De carácter moi semellante á Kamek é esta outra beberaxe dun marcado sabor amargo
Co nome de "Leyenda", é a cervexa extra special bitter do fabricante cántabro DouGall's


Outra Indian Pale Ale exquisita é a Punk, que elabora a cervexeira escocesa BrewDog
En canto a esta última que vou mencionar, ten un sabor calidoscópico, rico en matices
É a Belgoo Luppoo, da cervexeira belga La Binchoise, que ten certo regusto a hidromel


25/04/13

A.




O artista catalán Luis Berroy está a expoñer as súas pinturas no auditorio da Arousa
"A." é o nome que leva esta mostra de acrílicos sobre lenzo e de cadros electrónicos



Mediante o emprego de diversas técnicas, pinta sobre láminas para seren impresas
O resultado é dunha calidade excelente, como se pode apreciar nas seguintes fotos



Aquí achego detalles das pinturas electrónicas expostas, coa súa riqueza de texturas





Llito é un vello coñecido neste blog: hai cinco anos xa falaramos dos seus progresos
Agora que está asentado na Arousa, estaremos máis atentos á súa evolución artística



O Entroido da Coruña

Vimos de pasar o Entroido nunha das cidades galegas con maior tradición carnavalesca Durante as festas, asistimos a varios desfiles multitu...