30/03/22

Así xogabamos

 


Vimos de visitar, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, a exposición denominada "Así xogabamos"
A mostra supón un percorrido pola historia dos bonecos e dos xoguetes dende a posguerra ata a actualidade
Nela pódense contemplar auténticas pezas de coleccionista recollidas pola asociación cultural manchega Tekubi Toy
Co colectivo colabora a Área de Cultura do Concello de Lugo, organizadora desta galería de lembranzas de varias xeracións 




Partindo duns trens de latón, esta entenrecedora viaxe no tempo lévanos a coñecer as bonecas de mediados do século XX
Os seus son nomes que nos poden soar a deputadas conservadoras, como Cayetana ou Cuca, sen esquecer a Mariquita Pérez




Unha casiña das primeiras Sylvanian Families ocupa un lugar central na mostra
Xusto detrás, encóntrase o típico xogo de té pensado para enredar na compaña de bonequiñas




Aquí vemos a Marta entusiasmada ao ver unha boneca coa que xogara de rapaza
Era a Nancy Selene, que estaba acompañada do seu inseparable partenaire, Lucas
Xunto a eles alzábase unha nora das Barriguitas coa que tamén enredara de pequena




Cando menos a mesma ilusión fíxome a min toparme cun exemplar do Castelo dos Pitufos
Idéntico a aquel que me regalaron meus pais cando eu tiña seis anos, este databa tamén de 1983
Moito teño xogado con el, desfacéndoo e refacéndoo veces e máis veces, transformándoo ao meu antollo




Xunto a esa gran creación de Exín, da que tamén tivera o super cine, había unha granxa dos Playmobil
E ao outro lado lucían as figuras dos Masters of Universe, con He-Man ou Skeletor e mais as súas monturas




Entre tanques e madelmans, tristemente tan de actualidade, chegamos aos videoxogos
Cun Mazinger Z ou cun Gizmo ao seu carón, nun expositor puidemos explorar a historia das videoconsolas
Entre elas, algunhas ás que tanto xogamos tan ben acompañados, coma a Sega Dreamcast ou as Nintendo 64 e GameCube




Como non podía ser doutro xeito, na mostra tamén hai un oco para os xogos de rol e de mesa, coma o Risk




Entre os moitos bonecos vintage exhibidos, chaman a atención un dos Defensors
Máis oitenteiros non podían ser, coma noventeira era esa colorida fantasía kitsch do castelo de Barbie 





Sobre estas liñas, vemos uns Coman Boys de finais dos 70 e mais unha vila de Chabel, de mediados dos 80
En todo momento soaban sintonías de series que botaban cando eramos nenos, e sabiámolas todas de memoria
A da mostra, que se poderá visitar ata finais de maio, era sen dúbida unha banda sonora que xogaba coa nosa nostalxia



23/02/22

A Casa da Matanza

 

Neste 23 de febreiro celebramos o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro
Figura principal do Rexurdimento, residiu os últimos anos da súa vida na Casa da Matanza, en Padrón
Actualmente é un museo que alberga a sede da Fundación Rosalía de Castro e do Centro de Estudos Rosalianos




Nesta casa museo consérvase a cama en que se supón que finou  a gran poeta galega
Tamén se pode contemplar a primeira bandeira galega actual da que se ten constancia, de 1891
O emblema ondeou por vez primeira no traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres




No museo expóñense algunhas obras pictóricas e escultóricas relacionadas con Rosalía
É o caso dun retrato no seu leito de morte, realizado por Ovidio Murguía, o seu propio fillo




Tamén está presente unha fotografía do home da poeta, o historiador Manuel Murguía
En 1906, habíase constituír a Real Academia Galega, impulsada polo viúvo de Rosalía de Castro




Ademais do seu enorme interese histórico, o valor da Casa da Matanza vai máis alá
Na súa contorna encóntrase unha árbore senlleira, a figueira á que lle cantou Rosalía




O conxunto ten, por tanto, un gran valor botánico e etnográfico
Sobre estas liñas, vemos un lagar tradicional cunha prensa de viño




A casa museo pertence e á Fundación Rosalía de Castro, herdeira do padroado homónimo
Aberta ao público hai xa máis de medio século, pódese visitar todos os días excepto os luns


Phantasialand

Hoxe estamos de festa na casa, posto que a rapaza xa nos fai quince anos Por adiantado, obsequiámola cunha visita a un dos parques temáticos...