15/04/23

O parque de PortAventura

 


Aproveitando as vacacións da Semana Santa, visitamos o mellor parque de atraccións da Península
Refírome ao PortAventura World, situado no concello catalán de Vila-seca, á beira da turística Salou




A primeira parte que quixemos coñecer foi a de SésamoAventura
Alí esperábanos unha das poucas atraccións internas do parque, Street Mission
Deunos a benvida en varias linguas, incluída a catalá, o propio Coco en calidade de detective




E nunhas bolboretas saltonas, xunto ao Coco Piloto, voamos dando voltas a base de pedalear





No barrio atravesamos a granxa de Elmo e asistimos a varios espectáculos, coma o de Let's Dance
E na SésamoAventura Station collemos o tren de cercanías que nos levaría ata o outro lado do mundo




O ferrocarril conduciunos ao Far West, onde vimos un voitre que cantaba
Estaba ao carón dun cemiterio rodeado de cactos, xunto ao Labirinto BlackSmith





Tamén fomos nos Wild Buffalos, pasados os Grand Canyon Rapids
E aínda botamos unhas risas, embestindo cos bisontes do salvaxe Oeste






Ao cruzarmos a fronteira, chegamos ao territorio mexicano
Alí había cantinas repletas de xente e un labirinto de espellos do tempo dos maias




Aquí sentímonos coma na casa, posto que nos estabamos a hospedar en El Paso
Trátase do hotel ambientado en México que forma parte do resort do parque, onde fixemos noite durante días




De novo en ruta, viaxamos ata Oriente
Alí visitamos as ruínas de Angkor e xiramos nas tazas de té chinesas





Tamén subimos ás alturas do Himalaia, por onde pasa o Shambhala
Dende aquí admiramos unha paisaxe máis de cantas ofrece o parque




De todas elas, a recreación paisaxística que máis nos prestou foi a da Polinesia
Alí asistimos a un pintoresco espectáculo chamado Aloha Tahití, que nos fixo sentir coma nos mares do Sur





Tamén vimos un de Aves do Paraíso e outro de Magic Bubble, pero o show máis completo de todos foi o de Divas
Nese musical intepretaron e bailaron temas de artistas coma Aretha Franklin, Cher, Lady Gaga, Rihanna ou Raffaella Carrà




Precisamente en Italia está ambientada a parte do parque que pecha máis tarde
Refírome a Ferrari Land, onde conducimos bólidos co logo do cavallino rampante por un auténtico circuíto




Nun país con oito millóns de habitantes como é Cataluña, as nosas amizades pódense contar cos dedos das mans
Aínda así, e por incrible que pareza, por pura casualidade demos coa metade delas no parque, para sorpresa de ambas familias
E ata aquí chegaron as nosas peripecias, visita a Tarragona á parte, durante a viaxe arredor do mundo que supón a estadía en PortAventura

09/03/23

Xogo de espellos no Miño ao solpor

 


Nas últimas semanas, xa nos albores da primavera, realicei varias andainas pola beira do Miño
Coincidiu tempo calmo, polo que puiden facer unhas cantas fotos do arborado espido e do seu reflexo nas augas
O resultado son imaxes onde as pólas das caducifolias, aínda por agromar en Lugo, teñen a súa réplica ao solpor no espello do río




Quixera aclarar que en ningunha destas estampas se ve o ceo do dereito
É dicir, o firmamento ou está reflectido no curso fluvial ou está invertido, ou ben as dúas cousas á vez




Pero a maioría destas postais do Miño están de lado, postas en vertical
Nelas a metade máis clara é o ceo, mentres que e a máis escura corresponde ao río




O tramo do Miño fotografado comprende neste caso dende Meilán ata As Saamasas
É o que se pode ollar polo carreiro que transcorre en paralelo ao paseo de Ombreiro pola beira do río




Foi este un exercicio de edición fotográfica básica, sen filtro ningún, que deu moito xogo
Concretamente, un xogo de espellos coas pólas do revés a se adentraren nas augas coma se fosen raíces

Phantasialand

Hoxe estamos de festa na casa, posto que a rapaza xa nos fai quince anos Por adiantado, obsequiámola cunha visita a un dos parques temáticos...