01/09/22

O parque de Efteling

 


Hoxe énos un día moi especial e estamos de festa, pois fainos anos a pequena da casa
Nas pasadas vacacións obsequiámola cunha experiencia que xamais esquecerá, e nós tampouco 
Refírome á visita que fixemos ao parque de Efteling, nos Países Baixos, que neste 2022 celebra o seu 70 aniversario




Situado en Brabante do Norte, Efteling é o terceiro parque de atraccións máis visitado de Europa
Inicialmente, tratábase dun parque temático centrado nos contos de fadas, pero acabou abranguindo moito máis




No espazo adicado precisamente ás fadas a atracción estelar é denominada Droomvlucht
Trátase dun paseo polo universo feérico, descendendo do bosque das fadas ao sotobosque dos trolls




A parte máis antiga do parque é Sprookjesbos, o bosque dos contos de fadas
Nel están representados máis dunha trintena de contos, nun percorrido que pode durar horas




O Rei Troll, Pinocho, Pescozo Longo ou o Dragón son algúns dos personaxes máis coñecidos
O nivel de detalle é tan coidado que as tortas da casa do conto de Hansel e Gretel recenden a doce




A dos Seis Cisnes é a representación máis recente deste bosque encantado
A instalación da casa da avoa da Carapuchiña Vermella, pola súa parte, data dos anos 60




A de Polgarciño ou a da Árbore dos Contos figuran entre as representacións máis recentes
Tanto dentro como fóra deste bosque, o certo é que no parque existe toda unha galería de personaxes entrañables




Montados a lombos dun caracol nun monorraíl, sobrevoamos a aldea dos Laaf
Moi preto, unha fonte cos músicos de Bremen ornamenta unha praza ben acolledora




O parque conta co seu propio museo, onde se poden ollar figuras antigas ou os deseños orixinais das atraccións




No Diorama, ao carón dun carrusel interno, pódense ver máis de 60 metros de paisaxes imaxinarias




Un dos espectáculos de maior éxito do parque é Raveleijn
A historia que conta está ambientada nunha praza medieval de tamaño natural 




O Vogel Rok, unha montaña rusa, ou o Carnaval Festival, son outras das atraccións internas ao oeste do parque
No centro deste complexo de máis de 70 hectáreas encóntrase o castelo de Symbolica, considerada a mellor atracción interna do mundo




Diante mesmo está o Cofre do Tesouro, que se abre cunha gran chave dourada e que alberga un caixeiro
Cruzando de oeste a leste, a Gondoletta está ambientada nun longo lago por onde pasean as barquiñas cubertas




Sucar as súas tranquilas augas á tardiña resulta unha experiencia bastante agradable 




Á beira do lago atópase o Pagode, un miradoiro xiratorio subido por un guindastre a unha altura de 60 metros




Outra atracción que sobe os pasaxeiros a grande altura é Baron 1898, unha montaña rusa de estilo steampunk




Na zona alpina do parque Selma atreveuse a montar na montaña rusa de Max & Moritz
Dende alí dirixímonos ao extremo oriental do complexo, onde se sitúa a atracción Fata Morgana
Ás portas, un enorme Djinn articulado dálles a benvida aos visitantes e parola con eles, como fixo con nós




Xa dentro da atracción, un mago recibe os pasaxeiros, que navegan en barcas
A partir de entón, sucédense diversas escenas con figuras móbiles de tamaño natural
O resultado é unha travesía que traslada o viaxeiro ao mundo dos contos das Mil e unha noites




Tanto nos gustou aos tres esta atracción, que de feito foi a única en que recuncamos
Se as músicas están coidadas en xeral en todo o parque, no caso da suite de Fata Morgana aínda máis
E, de novo, o nivel de detalle é levado a tal extremo que no bazar da saída mesmo venden o ambientador co aroma homónimo




Fata Morgana encóntrase á beira dun grande estanque onde se representa Aquanura
Trátase dun espectáculo de luces, cores, música e auga que despide as xornadas no parque
No medio de Efteling, aínda que á parte, ofrécense funcións de Fabula, unha obra audiovisual en 4D
Á saída, a diversión agarda os máis pequenos con xogos onde interactúan cos personaxes da curtametraxe






Volvendo á entrada próxima ao propio hotel de Efteling, onde pasamos varias noites, Selma tamén puido bañarse
En conxunto, os días que botamos neste parque foron do melloriño dun verán que de seguro a rapaza ha lembrar sempre


Ningún comentario:

Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...