30/04/08

Viatge a Barcelona: Sant Jordi


Os cataláns teñen o seu propio Sigfrido matador de dragóns
É San Xurxo, que pasou pola espada o monstro para salvar a doncela
Concluímos a visita á capital catalá ao final dun día grande
Marchamos coas imaxes do Sant Jordi gravadas na retina
Non as do heroe da lenda, senón as da festa nacional
E cando digo festa nacional, é unha festa nacional en toda regla
Cos símbolos cataláns omnipresentes por toda a cidade
A "Senyera" ondeaba non só nos edificios institucionais
Tamén nos hoteis, como tódolos días
Pero ademais, en cada recuncho de cada barrio
En todo lugar no que se vendese un libro ou unha rosa
-É dicir, en tódalas partes-
Disque se comercializan nese día seis millóns de flores
E que a industria editorial vende a metade da súa produción
Esa si que é unha festa civilizada
-Consumista, si, pero civilizada a fin de contas-
Gran parte dos libros que se venderon estaban en catalán
-Como non podía ser menos nunha sociedade así de avanzada-
Eu diría que máis da metade das obras que se puxeron á venda
E digo eu, esta situación sería inimaxinable no meu propio país
É dicir, millóns de persoas mercando millóns de libros
Nun só día, e por se fose pouco, no seu propio idioma
Seica é cuestión de tratarse dunha lingua de prestixio
Úsase con prioridade nas relacións económicas e sociais
Non só no mundo da política ou nos eidos familiares
É máis, deume a impresión de ser unha situación inversa á nosa
-Porque do contrario non me cadran os números-
A única autonomía na que o castelán non é maioritario é a galega
Hoxe por hoxe, aínda segue a ser así
Malia todo, pode dar a impresión contraria en Cataluña
O catalán está presente en tódolos letreiros dos negocios
-Mesmo os dos "nouvinguts" paquistanís ou chineses-
Os dependentes aténdente en catalán en tódolos comercios
Os camareiros, en tódolos bares, cafés e restaurantes
Os altofalantes, en tódolas estacións de tren ou de metro
Mesmo está na boca dos adolescentes nos institutos
E na dos nenos das garderías, monolingües
En resumo, lévannos moita vantaxe
En materia de normalización lingüística, van décadas por diante
Ademais, o seu é un sistema bilingüe compensado
No que os nenos van aprender español de tódolos xeitos
Xa sexa polas canles de TV xeralistas ou pola prensa escrita
De feito, mesmo falan mellor castelán que os de Madrid ou Sevilla
En troques, o sistema galego está desequilibrado por completo
Recluído ó ámbito das familias, de portas adentro, e pouco máis
Neste senso, teño claro o nome do noso dragón
Non é outro que a diglosia, que aínda hoxe impera nestes lares
E o San Xurxo que precisamos se cadra sexa máis apego ao propio

Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...