02/04/09

O pazo de Tor



O último día libre que tivemos visitamos o pazo de Tor
-Non, non ten nada que ver co deus escandinavo do martelo-
Trátase dun soberbio pazo monfortino do século XVIII
A súa última dona, viúva, doárallo á Deputación de Lugo
Polo que actualmente forma parte da rede provincial de museos
Todo nel, todo detalle, está conxelado no tempo, noutro tempo
Cando fora construído, ao pé mesmo levantárase un labirinto
-Feito con laxes, para que nel xogasen os máis pequenos-
O seu autor seica viñera de traballar nos xardíns de Versalles
E hoxe, son as ovellas e mailas pitas as que buscan a saída



No interior do pazo non che deixaban sacar fotografías
Así e todo, aquí temos un "roubado" da "señora taza"
É o inodoro do impresionante cuarto principal do pazo


A cama tiña un dosel de palisandro que databa do século XVI
E había un raro confidente dividido en catro asentos
-Por non mencionar todos e cada un dos mobles, todos únicos-
Só engadir que a bañeira estaba feita dunha soa peza de mármore
O mellor será que cada quen descubra o pazo por si mesmo
Pódense facer visitas guiadas ás doce e media, de martes a domingo

2 comentarios:

camaposa dixo...

Cando fun eu, dixéronme que o laberinto era para velo desde arriba, cando facían as grandes festas, non para que xogasen os nenos. Puramente decorativo

Dr Smurf dixo...

Pois iso foi o que nos contaron a nós; deben de ter, logo, unha historia para cada visitante... Que interesante, non?

De excursión micolóxica

Aproveitando o veranciño de San Martiño, fomos de excursión micolóxica Nun día máis propio da primavera ca do outono, visitamos varias carba...