15/10/09

Sidra


Andaron estes días a recoller mazás do país a toneladas
O seu principal destino, converterse en sidra asturiana
-Máis da metade da produción provén dos nosos pomares-
Hoxe só queda unha fábrica de sidra en territorio galego
-Adscrita ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica-
É a que adquriu en Chantada un coñecido grupo cervexeiro
Dela saen cada ano uns dous millóns de litros de sidra
Debo confesarme ávido seguidor da produción deste lagar
A bebida ten un gusto moi agradable e un sabor natural
O segredo é que non sabe a outra cousa que non sexa mazá
A min, dende logo, fáiseme ambrosía ao entrar pola boca
Estache ben boa, sobre todo fresquiña e con algo rico
Ideal para combinar con queixos tenros, pan e marmelo
E se o pan, ou o queixo, leva noces, pois mellor aínda
Daquela xa temos no padal unha festa rachada garantida

5 comentarios:

eledhwen dixo...

Noces, queixo, pan e viño.
Non che hai cea mellor.

Dr Smurf dixo...

Muller, se hai viño daquela tamén lle podemos engadir un chisco de pata dese ser entrañable que foza ceibo polos soutos. Aínda que só sexan unhas lisquiñas, non?

Hoxe mesmo pasei por diante desta fábrica de sidra, no parque empresarial de Chantada. Cambiáronlle o nome de 'Sidrería Galega' polo de 'Custom Drinks'. Sen comentarios.

Anónimo dixo...

Moi destes tempos, ese cambio de nome ;-)
helena

Dr Smurf dixo...

Efectivamente, Helena. Están convencidos de que teñen que poñer o nome en inglés para poderen exportar, estes Hijos de Rivera.

E verdade que non sabes que barbaridade a cantidade de sacos e sacos de mazás que podes atopar estes días ao pé da estrada entre Lugo e Ourense. Nin te podes imaxinar. Unha soa empresa, de feito, exporta cada ano 600 toneladas a Asturias e a Euskadi, e alí transforman o produto e danlle un valor engadido a unha mazá proveniente da maior zona de produción de toda a Península. O de sempre.

eledhwen dixo...

Veña, vai; adiante con esas lisquiñas.

En canto a sidra, coido que a mellor que dín en probar foi precisamente en Asturias, xa fai uns anos; sidra da casa dos nosos anfitrións, acompañada por unha empanada ben xeitosa.

E fai uns anos, mesmo nós recollimos as maceiras da casa da miña nai en Lugo para sidra. Non chegan a media ducia pero dan tanto froito que nos quedou o lombo ben f**ido. Paréceme que as achegamos a unha cooperativa da zona.

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...