A chegada dos cirrios marca o inicio da mellor época do ano en Lugo
Viñeron dende o sur de África para aniñar nos buratos da muralla romana
Acoden centos de parellas, que á súa vez teñen milleiros de crías que alimentar
Cunha altura media de dez metros, a muralla ten un perímetro de máis de dous quilómetros
O monumento ofrécelles a estas aves, por tanto, unha superficie vertical inmensa onde poderen criar
Por esta razón, estamos a falar da maior colonia de cirrios de todo o país e unha das máis importantes da Península
Os primeiros exemplares arriban xa en abril, pero é neste mes cando cobren o ceo
Xunto coas andoriñas e os avións, dunha familia distinta, os cirrios integran 'as tres mosquiteiras'
Arriba e abaixo, vemos varias portas da muralla, de distintos períodos, sobrevoadas por cirrios
Un paseo polo adarve da muralla ofreceranos outra perspectiva, cunha vista máis ou menos á altura do voo destas aves
A comezos da década pasada xa publicara aquí un postiño sobre a relación entre Lugo e esta especie, que quixen agora completar
E o ano pasado colgara en varias redes un reel protagonizado por estes paxaros que nos brindan unha compaña que se nos fai breve
Abaixo e arriba, podemos contemplar varios murais xigantes cos cirrios á beira
Uns e outros son reclamos engadidos á experiencia de visitar a única muralla romana que se conserva completa
Ao igual que a muralla romana, a catedral de Lugo tamén é Patrimonio da Humanidade
Curiosamente, a sé lucense tamén é coñecida polas aves que alberga, unha parella de falcóns peregrinos
Ambas especies, por certo, figuran entre as de voo máis veloz de todo o mundo, a rapina en picado e o cirrio en horizontal
Árbores como teixos ou nogueiras e edificios racionalistas son algúns dos elementos visibles de xeito permamente en Lugo
A chegada dos cirrios supón todo un acontecemento do que todos anos se fan eco os medios, como neste vídeo editado por un servidor
Para entender mellor este fenómeno, cómpre ter en conta a particularidade de Lugo tocante á natureza que o rodea
Estamos a falar nada menos que da única cidade en toda a Península que se encontra dentro dunha Reserva da Biosfera
Trátase de Terras do Miño, só superada en extensión no ámbito peninsular pola Reserva da Biosfera Transfronteiriza Meseta Ibérica
A través das hortas do barrio do Carme, da valgada da Cheda e da Calzada Romana chégase ao Miño
Un corredor verde comunica así directamente a Muralla de Lugo co río, onde se atopan outros bens culturais
Son a ponte romana ou o Antigo Hospital Lazareto, no barrio de San Lázaro, que tamén lles ofrece acubillo aos cirrios
As aves permanecerán aquí ata agosto, alegrándonos a vista cos seus voos acrobáticos e o oído co rechouchío que lles dá nome






























Ningún comentario:
Publicar un comentario