A mostra 'Artefactos' reúne unha vintena de obras do escultor Suso Gómez
Pode ollarse en Exposalnés, en Cambados, de onde é natural o propio artista
Como se dun demiúrgo se tratase, o autor crea todo un universo de novos seres
Conségueo a partir de elementos cotiáns reordenados, como billas, mallas ou cables
O resultado: composicións únicas, orixinais, consistentes en criaturas insufladas de vida
Os billafantes constitúen algunhas das súas propostas máis identificativas
Con corpo de granito puído, as cabezas parten de pezas de fontanería reutilizadas
O humor e a sátira non faltan nestas expresións artísticas
Tal é o caso deste 'Retrato robot en 3D do fulano que organizou o 23-F'
Na inauguración da mostra alguén rompeu nun descoido esta 'Botella Biónica'
O autor tomouno con filosofía e recompuxo a obra rodeándoa cunha malla metálica
Lonxe de se desconcertar, soubo aproveitar a ocasión para levar máis alá a creatividade
Neste blog seguimos os pasos do escultor Suso Gómez dende os seus comezos
Hai anos, demos conta da súa participación nunha colectiva na mesma sala de exposicións
E antes, aludimos ao éxito doutra colectiva, 'Conexións', onde tamén figuraba esta obra homónima
Como amante declarado da ciencia-ficción que é, o artista emula o doutor Victor Frankenstein
Tanto lle dá unha segunda oportunidade a un contador como a un expremedor de laranxas metálico
O anterior contador, trifásico, tiña por nome 'O primo de WALL·E'
Este outro forma parte dun 'insecto' instalado á beira mesmo dun enchufe
Bichos non menos curiosos son estas pedrarañas de longas patas e ollos vítreos
Denomínanse 'Insectos Espiñeiros', coma o topónimo relativo á punta do esteiro do Umia
Seguindo coa bichería, sobre estas liñas temos unha 'Crisálida' de granito
Debaixo, o 'Nenopedra', nacido a partir dunha rocha e mais un bioneco reutilizado
Despiden a exposición estas outras obras, non menos engaiolantes
Con elas, o autor pregúntase se lles rezan os androides aos deuses eléctricos
Esta suxestiva mostra poderá visitarse no centro cambadés ata o vindeiro 3 de xullo
1 comentario:
Mui orixinal todo.
Publicar un comentario