29/08/16

A Toscana



O noso seguinte destino en Italia foi a rexión da Toscana
Comezamos por Pisa, de onde seguimos ata Florencia e Siena
Na capital da antiga república mariñeira visitamos o 'Campo dei Miracoli'
Ali encóntranse a catedral ou duomo, o baptisterio e maila famosa torre inclinada




Na basílica pisana destaca a súa fermosa fachada de pedra branca e mármore gris
No interior chaman a atención as esculturas do púlpito e os arcos, de certa influencia islámica
Pola súa parte, o baptisterio é o máis grande de todo o país, con máis de cen metros de circunferencia




Tivemos a ben facer a foto de rigor co campanario torto, que seica xa non corre risco de caer
Polo demais, Pisa é unha cidade que soubo conservar un aire medieval nas súas concorridas rúas
A continuación, dirixímonos cara a Florencia a través de quilómetros e quilómetros de viveiros de plantas




Dende o miradoiro do Piazzale Michelangelo ollamos as vistas da capital toscana
Sobre todo o demais destaca a magnífica cúpula erguida por Brunelleschi no Quattrocento
Unha vez no hotel descubrimos que nos chegara a equipaxe intacta, así que saímos para celebralo




A Piazza del Duomo encarna pola noite un escenario espectacular, un marco fermoso e cativador
Catedral, campanile de Giotto e baptisterio vense recubertos con mármores de Carrara, Siena e Prato
O resultado neste conxunto sen par no mundo é tal mestura de cores que recorda a propia bandeira de Italia





O Ponte Vecchio, sobre o río Arno, representa outro dos múltiples atractivos que acumula esta cidade
Pero sen dúbida o centro neurálxico da urbe atópase na Piazza della Signoria, xunto ao Palazzo Vecchio
No lugar concéntranse moitas obras de arte, algunhas réplicas e outras orixinais, coma o Perseo de Cellini








Non é de estrañar que tantos turistas experimenten nesta cidade a coñecida como síndrome de Stendhal
Moitos amosan os síntomas na Galería Uffizi, que recibe cada ano 2 millóns de visitantes de todo o mundo




Deixamos atrás Florencia, non sen ánimo de voltar, e emprendemos camiño cara a Siena
O lugar cuxa terra lles dá nome a varios tipos de marróns recibiunos cunha profusa tormenta de verán




A Piazza del Campo aínda estaba parcialmente cuberta desa terra, ben enchoupada
Dous días antes celebrárase unha das súas famosas carreiras de cabalos, o Palio dell'Assunta




Siena é unha cidade cunha difícil orografía, chea de costas cunha gran pendente
Xa con todo seco baixo o tórrido sol da Toscana seguimos a nosa viaxe, de novo ao sur
Agardábanos a capital do país e mais do que fora un dos máis vastos imperios da antigüidade


Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...