05/04/18

Do Porto a Lisboa


A semana pasada aproveitamos para visitar o centro de Portugal
Partindo do Porto, fomos ata Lisboa, pasando por Aveiro e por Coímbra
Moito mudou a primeira das cidades, que había quince anos que non pisabamos
Vímola máis explotada para o turismo, tanto na Ribeira como para acceder á librería Lello




A Selma, que vía por vez primeira o Porto, encantoulle o funicular
Como tamén lle gustaron as casiñas a raias de cores de Costa Nova, en Aveiro
Pero ela do que di que máis gozou foi do buffet do hotel onde pasamos a primeira noite




No centro de Aveiro puidemos ver as embarcacións turísticas da zona
Semellantes ás rabelas do Porto, proa e popa engalánanse con estampas de corte humorístico




Tamén visitamos a longa praia da Barra, na costa exterior da cidade
Dende Aveiro dirixímonos a Coímbra, coa visita de rigor ao Portugal dos Pequenitos
Como este parque merece un capítulo á parte neste blog, outro día falaremos del máis polo miúdo




Unha das áreas temáticas do parque é a propia cidade de Coímbra
Sobre estas liñas, vemos en miniatura a praza da Universidade que visitamos despois




Tamén vimos a Sé Velha, onde imaxinamos o sancristán da famosa canción a facer das súas




Un dos principais atractivos de Coímbra é o ambiente do centro histórico
Coma noutras cidades lusas, a súa orografía fai que teña costas ao estilo Minas Tirith




Os doces pascuais constitúen outro dos reclamos da urbe
Dende alí fomos xa cara a Lisboa, onde visitamos o castelo de São Jorge




Baixando cara á Alfama, gozamos da música que estaba a tocar unha banda




Logo baixamos nun auténtico tranvía histórico cara ao centro da cidade
Por suposto, o mellor de todo foi ver ilusionada a Selma co paseo no bondinho
Levounos xusto ata a praza da Figueira, á beira mesmo do hotel onde nos hospedamos




Na Baixa, visitamos unha tenda especializada na venda de latas de sardiña
Tratábase de O Mundo Fantástico da Sardinha Portuguesa, con decoración steampunk
Polo demais, gozamos da monumentalidade neoclásica lisboeta, que exemplifica o arco da Vía Augusta

2 comentarios:

paideleo dixo...

Nós iamos ir na semana santa a Lisboa pero o mal tempo botounos atrás.
Queda para outra ocasión.

Dr Smurf dixo...

A nós o mal tempo foi o que nos fixo volver antes do que tiñamos previsto. De todas formas, tomade nota do hotel, que é totalmente céntrico e está bastante ben, e procurade non ir en coche.

Paisaxes de Lugo (IX)

  Cunha mañá neboenta de finais do inverno no parque de Rosalía dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses Foi captada ao carón ...