30/08/18

Estonia, Letonia e Lituania (III): Vilnius



O último lugar que visitamos na nosa viaxe aos países bálticos foi Vilnius
A capital lituana conquistounos pola súa harmonía e polo seu espírito bohemio
Un dos monumentos máis antigos da cidade é a Torre de Gediminas, levantada no s. XV
Data de cando o país se acababa de cristianizar e ía camiño de ser o estado máis extenso de Europa




As vistas dende a torre son impresionantes, coma as do hotel en que nos aloxabamos
 Preto de onde durmiamos encontrábase a Porta da Aurora, que dá acceso ao recinto histórico
O seu interior alberga unha capela cunha imaxe da virxe moi venerada neste país de tradición católica
Ao pé do arco vendíanse ramiños de flores silvestres que logo eran portados polas crentes por toda a cidade




A rúa principal conduce dende esta porta ata a catedral, a un quilómetro e medio de distancia
Entremedias, son numerosos os monumentos de estilo barroco, sobre todo templos, que se atopan polo camiño




No barrio xudeu homenaxeámonos cuns cepelíns, un prato típico a base de pataca rechea de carne
Tampouco nos puidemos resistir aos encantos dunhas pavlovas engalanadas cunha morea de froitos do bosque




Precisamente este ano Lituania celebra o centenario da súa independencia
Tras séculos de sometemento ao Imperio Ruso, o país volvería ser libre durante uns anos
A súa bandeira, con cores máis propias dun estado subsahariano, coexiste coa histórica, tamén oficial
Unha, a tricolor, representa a república, mentres que a do cabaleiro, chamada Vytis, é o emblema gobernamental




Da outra beira do río, chamado Vilnia, atópase outra república, a de Užupis, creada por artistas
Numerosas esculturas adornan o barrio, ademais de se oíren os sons dos hangs ou das cordas de vellos pianos




De feito, hai uns cantos talleres de creadores asentados na zona
Tamén hai tendas de artesanía, con pezas de liño ou instrumentos musicais
E, por suposto, atractivas terrazas dispostas polo paseo fluvial, onde fixemos parada




Os veciños de Vilnius fan vida no cinto verde da cidade
Gústalles vir para se descalzaren e poñeren os pés en remollo no río




Outro punto de interese na capital lituana é a rúa Literatu ou dos escritores
Trátase dun museo ao aire libre onde se poden atopar pezas artísticas relativas a literatos
Con esta referencia damos por concluída unha viaxe a uns países cun enorme patrimonio histórico e cultural

Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...