A dos lagos de Teixeiro é unha das áreas recreativas máis afamadas das aforas de Lugo
Encóntrase no extremo norte do concello e da comarca, limitando con Castro de Rei, xa na Terra Chá
Consiste nunha serie de estanques que se suceden debido ao desnivel do terreo, regados por un afluente do río Lea
O curso chámase Rego da Veiga de Feás, e nace nos mesmos montes de Teixeiro de onde parte o Fervedoira, que desemboca no Rato
Esta gran zona verde periurbana fixérase moi popular na segunda metade do século pasado
A estética dos lagos, rodeados de bosques de coníferas e con insuas arboradas, tornárase irresistible
Fora daquela cando se instalaran mesas e grellas para ir botar o día á beira dos estanques e á sombra dos abetos
Outra característica destacable deste espazo verde é a cor da auga
Posúe unha tonalidade turquesa, proporcionada por unha alga que proliferou no lugar
A cal lle outorga un carácter se cadra aínda máis singular a un conxunto que convida á melancolía
Actualmente, os lagos de Teixeiro xa non gozan daquela popularidade dos anos 70 e 80
As modas mudaron e os estanques deixaron de suscitar o interese de tantas familias e cuadrillas
Pero seguen a ser un remanso de paz, cun engadido encanto decadente, que paga a pena visitar e coñecer
Ningún comentario:
Publicar un comentario