07/08/09

Bóveda


Este é, probablemente, o arco de ferradura máis antigo de Europa
Data nada menos que do século IV e encóntrase ás aforas de Lugo
Forma parte do conxunto monumental de Santa Olalla de Bóveda
-Que é practicamente coetáneo da muralla e das termas romanas-
Fomos de excursión visitalo coa excusa de que eu cumpría anos
-Iso si, tras obsequiármonos cunha boas carnes e verduras á grella-
Non vimos ningún visitante de aquí, pero si había turistas alemáns
-Vese que teñen boas guías, están ben informados e poñen ganas-
O acceso contaba a cada lado cuns relevos un tanto misteriosos
Había non se sabe se un grupo de homes ou de mulleres gravados
Tamén había unha persoa cunha especie de guirnalda por riba dela
E víase tamén o que parecía un par de tolleitos esculpidos na pedra
En fin, que polo visto ninguén sabe exactamente de que se trataba




O monumento foi descuberto nos anos 20 por pura casualidade
Sábese aproximadamente de cando data, pero pouco máis
Ignórase se nun principio era un templo, un ninfeo ou todo á vez
Tampouco se coñece o seu uso posterior, e nin sequera se o tivo
Dentro consérvanse tres columnas arredor dun estanque de auga
Podería ser, polo tanto, que se tratase dun lugar con augas curativas




Aínda que tampouco se descarta unha función funeraria do edificio
De feito, entre as numerosas aves dos frescos figura un ganso
O cal seica simboliza o tránsito cara á outra vida, pero non sei eu
A min dáme que os motivos pictóricos tiñan unha función máxica
En concreto de maxia simpática, porque eran todas aves de caza
Había ademais faisáns, galos e perdices; é dicir, aves para papar


29/07/09

O arco da vella




Un día si e outro tamén este mes de xullo deixounos ceos grises
Si, o sol brillou pola súa perenne ausencia na canícula do verán
Pero en ocasións no horizonte cuberto abriuse unha fenda irisada
Da bóveda encapotada xurdiron sendas multicolor como a das fotos
A punto de coller as vacacións, estou a piques de rubir por ela
Pregúntome qué haberá á outra beira do arco iris, qué hei de ver
Se cadra atope o caldeiro dun leprechaun, ou sinxelamente o sol
Algo de bo tempo non viría mal, que a todos nos gustan as raiolas
E sobre todo a tranquilidade, desconectar por completo todo un mes



20/07/09

Adeus a Hugh Hopper


Recentemente faleceu Hugh Hopper, baixista de Soft Machine
Hopper levou o baixo durante os mellores anos do grupo
É dicir, entre o 1969 e o 1973, entre o 'Volume Two' e 'Six'
Foi daquela cando publicaron marabillas como 'Moon In June'





Moi probablemente a obra cumio da banda sexa o disco 'Third'
Contén o tema 'Slightly All The Time', un dos meus predilectos
Tanto polo seu lirismo como pola fondura do seu espírito
Chegue unha ollada á apertura por parte do baixo de Hopper



No 1971 publicaron 'Fourth', que comeza co potente tema 'Teeth'
Este disco marca o inicio da decadencia da banda de Kent
O xenial baterista e vocalista Robert Wyatt abandona o grupo
E Hugh Hopper fixo o propio no 1973, logo de 'Fifth' e 'Six'
Iso si, deixando tras de si unha contribución monumental
Todo un legado dun xeito de entender e de sentir a música
Sen fronteiras entre estilos na fusión do jazz e do rock

15/07/09

Xogando aos castelos


Con frecuencia, fálase da invasión das tropas napoleónicas
-Que, por certo, os galegos fomos os primeiros en repeler-
Tamén da invasión romana, que supuxo unha conquista duradeira
Pero na nosa Historia figuran outras invasións, menos coñecidas
En particular na Baixa Idade Media, nun período de vinte anos
Foi no século XIV, cando había máis dun cento de castelos galegos
Entre o 1369 e o 1387 fomos invadidos ata catro veces, nada menos
Primeiro tomaron o país as tropas do rei Fernando I de Portugal
Que foron expulsadas por mercenarios bretóns e tropas castelás
A incorporación do reino galego á coroa portuguesa pouco durou
Foron un par de anos nos que a Corte se trasladou á Raia ourensá
Posteriormente, no 1386 os ingleses emprenderon unha nova invasión
Desta volta foi polo mar, no contexto da Guerra dos Cen Anos
Os reinantes Trastámara eran aliados de Francia, os seus inimigos
As tropas do Duque de Lancaster tomaron o país outros dous anos
Contaban co apoio do exército portugués, pero non foi de abondo
As pestes e mailas tropas castelás recuperaron o territorio axiña
Pódese ollar esta partida de Risk na páxina de culturagalega.org
Hai interesantes mapas animados cos intentos de mudarnos a Historia
Tamén recomendo a lectura do artigo ao que acompañan os mapas
Posto que non está de máis botar a vista atrás para sabermos de nós
Sobre todo agora polo verán cando tanto celebramos feiras medievais

07/07/09

O fotógrafo Nils Holgersson


O autor destas imaxes é un fotógrafo chamado Nils Holgersson
Efectivamente, coma o protagonista da novela de Selma Lagerlöf
Pero non, non é o seu verdadeiro nome, senón o artístico
En realidade chámase Nils Riedweg, e nin sequera é sueco
O que non quita que faga unhas fotos espléndidas, coma estas
Corresponden á serie denominada algo así como "Nu:`jo:rk"


Estoutras son da serie "Pool", a máis referenciada de todas
A pulcritude técnica das fotos é máxima, como salta á vista
Souben delas e mais do autor unha vez máis vía Capítulo 0



E aquí temos ao autor, a Nils Holgersson en persoa
O artista suízo que colleu o nome do personaxe sueco
-Tal como o mago Copperfield fixera coa novela de Dickens-
Se queres ver máis fotos súas, podes clicar na súa páxina
E aquí podes atopar diversas series de instantáneas súas

29/06/09

Arde Lucus


Vivir nunha cidade bimilenaria como é Lugo ten o seu encanto
E este multiplícase cando se celebra precisamente a súa orixe
Na festa do Arde Lucus recréanse con troula aqueles tempos
A cidade convértese por uns días nun gran decorado de 'peplum'
Onde milleiros de figurantes desfilan caracterizados de romanos
Emúlanse os ancestros daquela capital do Conventus Lucensis
Que era un dos tres departamentos nos que se dividía a Gallaecia
-E que coincide, exceptuando Ourense, coa xeografía galega actual-
Así que toda a fin de semana convivimos con lexionarios e castrexos
Como bos devotos, compartimos viños consagrados ao deus Baco


Os colegas semellaban extras da rodaxe de 'A vida de Brian'
Chegue con ver nestas fotos a Marta con Mónica e os ollazos que puxo
Ou a Emma con Iria e Karen, vestidas todas para a ocasión de patricias


23/06/09

Un circo de pulgas



Falando de circos e de seres pequenos temos aquí un circo de pulgas
Trátase do Circo de Pulgas Carruselo, que presenta un psicoentomólogo:

"As pulgas do espectáculo foron domadas durante un longo período de tempo seguindo a tradición galega dos máis prestixiosos domadores de pulgas polo propio Claudio Carruselo, na que non se emprega ningún tipo de maltrato aos animais."

O espectáculo que ofrece está dirixido a rapaces menores de 10 anos
Conta con tres artistas principais, que son as propias pulgas:

"Esmeralda, coidadosa pianista e incrible equilibrista, sabe ler!; Breogán, dono das alturas, amante do risco, pulga bala, salta á piscina nun triple mortal; e Mimi, a pulga que interactúa cos nenos, é capaz de xogar ao fútbol –cunha pelota do seu tamaño- e fai equilibrios enriba dunha pelota de tenis de mesa."

O guionista deste circo do mínimo é o escritor Sechu Sende
Quen advirte do seguinte aos adultos que desexen presencialo:

"Que aporten unha culleriña de complicidade co espectáculo que deberá de tomarse mediante tres grolos: un antes, outro durante, e o último despois, da actuación dos insectos. Que teñan a facultade de retrotraerse, durante 40-45 minutos, á infancia."

O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...