07/08/09

Bóveda


Este é, probablemente, o arco de ferradura máis antigo de Europa
Data nada menos que do século IV e encóntrase ás aforas de Lugo
Forma parte do conxunto monumental de Santa Olalla de Bóveda
-Que é practicamente coetáneo da muralla e das termas romanas-
Fomos de excursión visitalo coa excusa de que eu cumpría anos
-Iso si, tras obsequiármonos cunha boas carnes e verduras á grella-
Non vimos ningún visitante de aquí, pero si había turistas alemáns
-Vese que teñen boas guías, están ben informados e poñen ganas-
O acceso contaba a cada lado cuns relevos un tanto misteriosos
Había non se sabe se un grupo de homes ou de mulleres gravados
Tamén había unha persoa cunha especie de guirnalda por riba dela
E víase tamén o que parecía un par de tolleitos esculpidos na pedra
En fin, que polo visto ninguén sabe exactamente de que se trataba




O monumento foi descuberto nos anos 20 por pura casualidade
Sábese aproximadamente de cando data, pero pouco máis
Ignórase se nun principio era un templo, un ninfeo ou todo á vez
Tampouco se coñece o seu uso posterior, e nin sequera se o tivo
Dentro consérvanse tres columnas arredor dun estanque de auga
Podería ser, polo tanto, que se tratase dun lugar con augas curativas




Aínda que tampouco se descarta unha función funeraria do edificio
De feito, entre as numerosas aves dos frescos figura un ganso
O cal seica simboliza o tránsito cara á outra vida, pero non sei eu
A min dáme que os motivos pictóricos tiñan unha función máxica
En concreto de maxia simpática, porque eran todas aves de caza
Había ademais faisáns, galos e perdices; é dicir, aves para papar


Ningún comentario:

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...