01/07/11

Humor vasco (II): os "Batasunnis"



Un anónimo poñía de manifesto no anterior post un feito indiscutible
Sinalaba que os vascos son xeniais e que saben rirse de si mesmos
A raíz dese comentario acordeime desta sección de Vaya Semanita
Os Batasunnis, protagonizada polos bonecos abertzales Ke e Jota
No primeiro vídeo vemos a súa presentación no programa da ETB
A este sketch séguelle este outro que afonda nos dous personaxes
Sabemos agora que, de nenos, estudaron xuntos na mesma ikastola



Ke e Jota teñen, con frecuencia, ideas para transformar a sociedade
Unha delas é crear unha televisión abertzale, chamada Borrokavisión
Outra iniciativa consistiu en montar unha nova empresa, o taxigudari



O patriotismo de Jota, o boneco verde, adoita ser máis susceptible
Boa proba é o pesadelo que supón para el a súa estadía en Madrid
Ou o entusiasmo co que revive a épica historia do Braveheart vasco


23/06/11

Humor vasco



O sentido do humor vasco non lle ten nada que envexar ao británico
Boa proba son programas como Vaya semanita, que emite a ETB
Neste primeiro vídeo mostran a súa versión de O Señor dos Aneis
E tamén fan hilarantes parodias de espazos como Cuarto Milenio


As tendencias sociolóxicas tampouco escapan á súa vis cómica
Outro personaxe obxecto de escarnio é o emo que nos retratan



Como ocorre con El Jonan de Baraka, un entrañable polígoneiro


A El Jonan ollabámolo neste vídeo nunha incursión á veciña Basauri
Nesta vila ao sur de Bilbao é onde se ambientaba Qué vida más triste
Trátase dunha serie de humor que se comezou a realizar para a rede
Tralo éxito das primeiras temporadas, deu o salto á pequena pantalla


A serie narraba as desventuras de Borja Pérez e o seu amigo, El Josebas
-Quen, con frecuencia, lle axuda a saír das irrisorias leas nas que se mete-
Dando así unha mostra máis da brillantez do humor feito no País Vasco

13/06/11

Aguamorta



Este faro encabeza a última entrada do novo blog Aguamorta
Trátase da Illa Pancha, cuxo fermoso interior visitara hai anos
-Encóntrase no estremo occidental da boca da ría de Ribadeo-
O resto das propostas desta nova bitácora son tamén sinxelas
-Como retallos dun patchwork confeccionado segundo cadra-
Pero gozan dun interese auténtico, concentrado en minidoses
Tanto che fala do urbanismo, como da literatura ou a natureza
Ou da antropoloxía, con especial atención ás criaturas míticas
Un destes seres é a balura, unha especie de meigas chairegas
O autor dos textos responde á enigmática identidade de Alzire
Nome á súa vez sacado dunha obra teatral do mesmo Voltaire
Por último, unha especial mención para as ilustracións, orixinais


02/06/11

Adeus ao meu vello Vectra



Esta coido que digna fotografía foi a derradeira que lle fixen
-E mira que o retratei ben poucas veces en todo este tempo-
Foi aló polo pasado mes de novembro, á beira do río Ladra
Semellaba aínda louzán, pero os anos non pasaran en balde
Non só quedara obsoleto, senón que xa requería renovarse
E iso foi o que ocorreu, corrido o tempo e mudado o marco
-Estáballe de vir, posto que xa cumprira a maioría de idade-
Pero o certo é que aí queda o remorso amargo do sacrificio
Xa digo, foron moitos anos de servizo á causa, e sempre fiel
Atravesando o país dunha estrema á outra todas as semanas
Infatigable, realizou un gran labor a prol dos nosos proxectos
Sempre estaba aí para colaborar cando o precisabas, sempre
Pero chegou o momento no que rematou o seu período vital
A ampliación prevista do noso pequeno clan ten algo que ver
Facíanos falta algo máis amplo, cómodo e, ante todo, seguro
E non quedou máis remedio que licenciar o noso vello Vectra
-Cuxo motor ruxía feroz coma un león ou o reactor dun avión-
Para ocupar o seu posto, buscamos un substituto silencioso
Non atopamos candidato mellor preparado e eficiente ca este
-E ten en común parte do nome: 9.3 Vector TX Edition 2010-
Trátase dun vehículo que aínda ten que demostrar a súa valía
Mais, a priori, ten a nosa confianza para levarnos a bo porto


23/05/11

Patrimoniogalego.net



Botou a andar a páxina web patrimoniogalego.net
Trátase dun catálogo social do noso patrimonio
Ou sexa, feito polos propios cidadáns deste país
O proxecto xurdira a iniciativa de Manuel Gago
-Xornalista, mestre e autor do blog Capítulo 0-
Vira a necesidade de facer real esta ferramenta
E unha vez propuxo colaborar nela, concretouse
Unha decena de persoas enrolámonos no barco
Entre elas, outros amigos, como Adela ou Xurxo
 Todo co fin de suplir unhas carencias inexcusables
Agora xa podemos falar dos primeiros resultados
Cunha vintena de novas fichas en cuestión de días
E cunha vontade de chegar a fichar miles de bens
Así que xa sabes: catalogar está agora na túa man
A foto, de Regueifeiro é dun petróglifo en Santiago


17/05/11

As fervenzas do Barosa



A fin de semana visitamos unha paraxe natural que non vía dende neno
Refírome ao parque das fervenzas do río Barosa, no concello de Barro
Acompañábannos, preparados para o ocasión, uns cantos bos colegas



Como Nesti e Carmen, ás que podemos ollar sobre unha ponte xaponesa
Marta, como se pode apreciar, xa está en avanzado estado de xestación



Eu tamén quixen posar con ela sobre a ponte, e esta foto foi o resultado
As pontes servían de acceso a unha insua que había no medio do Barosa


06/05/11

Novos blogs



Había tempo que tiña que ter feito o que xa case fixen:
Actualizar os blogs dalgúns dos meus caros camaradas
-Quero dicir, no eirado que hai aquí á beira, á túa dereita-
Comecei a semana pasada co novo blog de Adelasuma
E seguín esta con outras bitácoras, coma a de Eledhwen
-Todo para después, un caixón cheo de interese por todo-
Ou Moon Eclipse, a última do seu partener Laegnur/Tury
-"Contido dirixido cara á programación e o software libre"-
E tamén Cultura Mortis, do meu benquerido amigo Karlief
-Un blog literario sobre el e as súas fantasías terroríficas-
Seguro que o lector saberá valorar o seu traballo e esforzo
Posto que agora poderá clicar cando queira saíndo de aquí

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...