02/09/11

Benvida ao mundo



Esta criaturiña é a filla que acabamos de ter Marta e mais eu
Naceu onte, pasadas xa as once e media dunha longa noite
A nena pesou xusto o mesmo ca min cando viñen ao mundo
Aparentemente tamén é morena, tranquila e con certo xenio
O parto foi natural, inducido con prostaglandinas e oxitocina
Unha vez posta a epidural, a dor remitiu e a nai logo deu a luz
Daquela comezamos a respirar tranquilos e a darlle a benvida
Axiña abriu os seu grandes ollos e comezou a inspeccionarnos
Nunca esquecerei o seu aroma de neonata, como a herba seca
Ficamos exhaustos, tras vivir unha experiencia única, completa
Así que arestora descansamos como podemos, no día despois
Aínda así, quixera agredecer os apoios de todos estes meses

25/08/11

Saíndo de contas



Tras corenta semanas de embarazo, hoxe Marta sae de contas
Así que a partir deste día entraremos xa no tempo de desconto
A fotografía superior vén corresponder á metade da xestación
Xa tiña unha barriguiña considerable, que foi a máis cos meses
-Tal como se pode apreciar na foto de abaixo, do último mes-


Salvo as náuseas do primeiro trimestre, non foi nada complicado
-E mesmo ese problemiña se puido solucionar, só cunhas pastillas-
 Pero agora vénnos a parte máis intrigante deste conto que vivimos
O desenlace con final incerto desta historia que realmente empeza
Preguntámonos como será a filla que está por vir, 'como respirará'
E en primeiro lugar cando nos tocará acudir ao hospital a dar a luz
Logo xa nos ocuparemos de pórlle nome e de, por suposto, criala


23/08/11

O castro de Viladonga



 O de Viladonga, en Castro de Rei, é un dos castros mellor conservados do país
Crese que xa estaba habitado un século antes da conquista romana da Gallaecia
Ocupa unhas catro hectáreas, á parte dos antecastros que rodean o asentamento
E a súa gran croa acada unha altura de catorce metros onde o foxo é máis fondo



As escavacións neste poboado prerromano e galaicorromano comezaron en 1971
-E, aínda que en distintas etapas, non cesaron ata a actualidade, de xeito frutífero-
Corenta anos despois, é un dos xacementos arqueolóxicos galegos máis coñecidos
Ademais de todo un referente, xunto con Baroña e Santa Trega, da cultura castrexa


Á popularidade deste castro chairego contribuíu en gran medida o seu museo anexo
-Que abre as súas portas todo o ano, mediodía incluído, agás cinco días polo nadal-
Nas instalacións, de recomendable visita, explícase de xeito ameno como vivían aquí
Así que alí fomos, na compaña duns amigos de Cambados, e cuns 35 graos á sombra
Pero o pracer de camiñar devagar entre os restos das pallozas fixo que pagase a pena


14/08/11

As curtas de Lucas




Antes de se converter nun mago do cine, George Lucas realizou unha serie de curtas
Foi durante a súa época estudantil, cando exploraba as vías de expresión audiovisual
É o caso desta breve Look at Life, montada a partir de fotografías e de diferentes sons
Unha das súas primeiras filmacións é Freiheit, inspirada no drama do Muro de Berlín



Lucas tamén estudou na USC, só que no seu caso na University of Southern California
Alí foi onde se formou como cineasta e onde sentou as bases para a súa posterior obra
Nesta etapa, era fervente seguidor do realismo do cinema puro, sen guións nin actores
Un claro exemplo desta paixón vémolo na curtametraxe denominada, sen máis, 6-18-67



A ausencia de concesións serviulle para partir de cero á hora de crear o seu propio estilo
Algo que xa se comezaba a albiscar con 1:42.08, curtametraxe xa cunha calidade notoria
De feito, mesmo se recoñecen planos que posteriormente había empregar nos seus filmes



Tamén no ano 67, Lucas comezou a vincularse co cinema experimental de ciencia-ficción
Foi daquela cando dirixiu o xermolo da que sería a súa primeira longametraxe, THX 1138
Refírome a Electronic Labyrinth THX 1138 4EB, que lle valeu un recoñecemento crucial
Puido asistir como becario á rodaxe dunha película de Coppola e acceder así a Hollywood
Logo virían American Graffiti e a saga Star Wars, pero esa é unha historia ben coñecida



29/07/11

Globos



Ultimamente estou a desenvolver un insólito gusto polos globos
Nunca me pasara antes, e ignoro a razón deste repentino afecto
Así que estou a tomalo como unha especie de antollo pasaxeiro



O caso é que os globos aerostáticos resultan agradables de ver
Sobre todo en grupo, nas concentracións dos seus afeccionados
A graza das súas formas e dos coloridos exercen certa atracción
-Un influxo irreal, como de ensoñación, suspendidos así nos ceos-



Folga dicir que tampouco subín nunca a un destes enxeños aéreos
-Non houbo oportunidade, nin o interese, como con tantas cousas-
En todo caso non me disgustaría facelo, dado o súbito magnetismo
E ver estas fotos espértame as ganas de vivir e gozar a experiencia


16/07/11

Unha lúa chea de verán



Estas fotos foron captadas en varias noites ao longo desta semana
Nelas, unha rotunda lúa chea de verán adquire distintas aparencias
Nesta primeira, na que acababa de saír, semella un queixo enorme
-Un gran queixo holandés errante a rodar polo firmamento azulado-


Pero tamén houbo momentos de misterio, agochada entre as nubes
-Unha dama branca fantasmagórica oculta entre as gasas no negror-


01/07/11

Humor vasco (II): os "Batasunnis"



Un anónimo poñía de manifesto no anterior post un feito indiscutible
Sinalaba que os vascos son xeniais e que saben rirse de si mesmos
A raíz dese comentario acordeime desta sección de Vaya Semanita
Os Batasunnis, protagonizada polos bonecos abertzales Ke e Jota
No primeiro vídeo vemos a súa presentación no programa da ETB
A este sketch séguelle este outro que afonda nos dous personaxes
Sabemos agora que, de nenos, estudaron xuntos na mesma ikastola



Ke e Jota teñen, con frecuencia, ideas para transformar a sociedade
Unha delas é crear unha televisión abertzale, chamada Borrokavisión
Outra iniciativa consistiu en montar unha nova empresa, o taxigudari



O patriotismo de Jota, o boneco verde, adoita ser máis susceptible
Boa proba é o pesadelo que supón para el a súa estadía en Madrid
Ou o entusiasmo co que revive a épica historia do Braveheart vasco


O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...