01/09/14

E tres anos con Selma



Nesta data sinalada celebramos o terceiro aniversario da nosa filla
Conclúe así un trienio máxico, previo á escolarización da rapariga
Aínda que non o percibísemos no día a día, a cativa foi madurando
Ao longo dos últimos doce meses, pouco a pouco foi serenándose




Sacara estas fotos o ano pasado, cando xa fixera Selma os dous anos
As de arriba, en pixama, foron captadas no noso solleiro piso de Lugo
As de abaixo, na moto, corresponden ao patio da casa dos meus pais




Polo Nadal, visitamos a boa vila de Pontevedra, de gratas lembranzas
Tamén estivemos en Cambados e na Coruña, onde viven os seus avós




No último ano, Selma coñeceu unha morea de nenos e nenas da súa idade
Botou oito meses na gardería máis xeitosiña de Lugo, con horta e con xardín
E durante todo o curso estivo a acudir ás actividades de Preescolar na Casa




A comezos deste mesmo ano fixo, ela soíña, este debuxo de trazos enérxicos
Cun estilo que se me fai coñecido, creo que dá idea do seu vivo temperamento
Tamén lle deu polo retoque fotográfico, como se pode apreciar nesta estampa



Nesta foto do xornal local de Lugo vémola nun contacontos cunha boa amiga
E aquí está coa súa nai nunha fermosa postal con solpor no Campo Castelo
Debaixo, vémola xogando polo parque lugués de Frigsa xa en plena primavera




Os parques foron lugares moi concorridos coa agardada chegada do bo tempo
Unha vez dominada a randeeira para bebés, Selma animouse coas dos maiores



E, xa postos, mesmo se atreveu cun pequeno tractor, supervisada polos curmáns



Así foi como ao cabo chegou o verán e de novo veu o tempo do sol e de lamber xeado
Estas últimas fotografías sacámolas no campus da capital, na celebración do Festigal





Alí, Selma foi ao concerto de María Fumaça e cantou as súas cancións favoritas



E ata aquí deu de si este intenso terceiro ano da nosa filla, cargado de vivencias
A última foi a propia festa de aniversario, que este ano celebramos en Cambados
Na casa dos seus avós devoramos unha torta de chocolate con nata e framboesas


26/08/14

O castelo de Malbork



A uns 60 quilómetros ao sueste de Gdansk encóntrase o castelo de Malbork
Cunha área de 21 hectáreas, trátase da meirande fortaleza gótica de Europa
Ademais, está recoñecida como a máis grande estrutura erguida con ladrillo
Foi fundada pola Orde dos Cabaleiros Teutónicos contra finais do século XIII
A súa finalidade era servir de base para conquistar e cristianizar os prusianos
Como defensas, conta con altos muros, torres, fosos e mais pontes levadizas




A construción desta cidadela prolongaríase durante máis de dous séculos
Nese período, chegou a converterse na capital dun vasto estado monástico
As distintas salas, elegantemente abovedadas, dan testemuño daquel tempo




Hoxe en día o castelo está distinguido co título de Patrimonio da Humanidade
Recibe centos de miles de visitantes, para os cales se recrea toda unha época




Tivemos a oportunidade de ollar esta magnífica fortaleza ata en dúas ocasións
Na primeira, de paso, ficamos impresionados, e logo xa entramos ata a cociña


20/08/14

Gdansk



A cidade polaca de Gdansk é unha das urbes máis fermosas que vin na miña vida
Con ela vou iniciar o relato do percorrido que fixemos por Polonia nos últimos días
O símbolo deste antigo porto hanseático é o maior guindastre medieval de Europa
Funcionaba cun sistema no que os homes movían as roldanas coma os hámsters




A capital da Pomerania Oriental asómase colorida ao esteiro do río Motława
As fachadas altas e estreitas amosan a influencia da arquitectura holandesa
Por esta cidade portuaria do Báltico pasaron tamén alemáns ou escoceses
Hoxe en día os cruceiros traen a diario milleiros de turistas de medio mundo
Ademais do dique fluvial, a praza do Mercado é outro dos atractivos do lugar




Famosa en toda Polonia, a rúa Mariacka é unha das máis senlleiras da cidade
En cada baixo hai unha xoieiría especializada nas pezas feitas co ámbar báltico




A visita a Gdansk coincidiunos coa celebración da feira de San Domingos
Dura tres semanas e amosa multitude de postos de artesanía internacional



Outro punto de interese é a ponte do Pan, tamén chamada "dos namorados"
Cruza a canle Radunia, que move o Gran Muíño, unha marabilla no seu tempo
De feito, chegou a supoñer a maior planta industrial europea na Idade Media



Para rematar a nosa estadía nesta fascinante cidade, degustamos a bebida local
Falo da Goldwasser, "a auga dourada", un licor de herbas con laminiñas de ouro


24/07/14

As acuarelas de Lou



No gastropub coruñés Carnivale estanse a expoñer obras da artista ourensá Lourdes Rey
A mostra consiste nun feixe de acuarelas nas que soubo despregar toda a súa creatividade
Os que seguimos o seu ronsel sabemos que é unha mestra na arte de pintar coios da praia
A esa faceta do seu quefacer fai referencia unha das propostas presentadas para a ocasión
Outro dos traballos dá conta da súa paixón polos deseños innovadores no eido da xardinería




Con formación na arquitectónica, Lou quixo homenaxear o barrio que acolle a exposición
Fíxoo cunha obra na que retrata as rúas de Monte Alto dende un punto de vista urbanístico
Xustamente retratar é outra das súas especialidades, como demostra na súa propia web
En retrat-arte poden ollarse debuxos insuflados de vida da man desta polifacética autora


O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...