01/09/14

E tres anos con Selma



Nesta data sinalada celebramos o terceiro aniversario da nosa filla
Conclúe así un trienio máxico, previo á escolarización da rapariga
Aínda que non o percibísemos no día a día, a cativa foi madurando
Ao longo dos últimos doce meses, pouco a pouco foi serenándose




Sacara estas fotos o ano pasado, cando xa fixera Selma os dous anos
As de arriba, en pixama, foron captadas no noso solleiro piso de Lugo
As de abaixo, na moto, corresponden ao patio da casa dos meus pais




Polo Nadal, visitamos a boa vila de Pontevedra, de gratas lembranzas
Tamén estivemos en Cambados e na Coruña, onde viven os seus avós




No último ano, Selma coñeceu unha morea de nenos e nenas da súa idade
Botou oito meses na gardería máis xeitosiña de Lugo, con horta e con xardín
E durante todo o curso estivo a acudir ás actividades de Preescolar na Casa




A comezos deste mesmo ano fixo, ela soíña, este debuxo de trazos enérxicos
Cun estilo que se me fai coñecido, creo que dá idea do seu vivo temperamento
Tamén lle deu polo retoque fotográfico, como se pode apreciar nesta estampa



Nesta foto do xornal local de Lugo vémola nun contacontos cunha boa amiga
E aquí está coa súa nai nunha fermosa postal con solpor no Campo Castelo
Debaixo, vémola xogando polo parque lugués de Frigsa xa en plena primavera




Os parques foron lugares moi concorridos coa agardada chegada do bo tempo
Unha vez dominada a randeeira para bebés, Selma animouse coas dos maiores



E, xa postos, mesmo se atreveu cun pequeno tractor, supervisada polos curmáns



Así foi como ao cabo chegou o verán e de novo veu o tempo do sol e de lamber xeado
Estas últimas fotografías sacámolas no campus da capital, na celebración do Festigal





Alí, Selma foi ao concerto de María Fumaça e cantou as súas cancións favoritas



E ata aquí deu de si este intenso terceiro ano da nosa filla, cargado de vivencias
A última foi a propia festa de aniversario, que este ano celebramos en Cambados
Na casa dos seus avós devoramos unha torta de chocolate con nata e framboesas


Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...