11/09/14

Cracovia



No noso seguinte destino, Cracovia, comezamos a visita polo barrio xudeu
Ou no que quedaba del, logo dos horrores cometidos na veciña Auschwitz
Este campo de concentración atópase en Oświęcim, a uns 40 quilómetros
Erguido trala invasión do país por parte da Alemaña nazi, hoxe é un museo
Así que alí fomos para coñecer mellor o que tanto nos contaran nos filmes




En realidade, é un complexo formado por varios campos de concentración
O primeiro deles fora creado para confinar prisioneiros políticos e de guerra
E alí foi onde se comezou a experimentar con insecticida na cámara de gas
No museo poden ollarse o crematorio mailos montóns de latas de Zyklon B
Tamén se expoñen os aparatos ortopédicos, as lentes ou o pelo das vítimas




O principal campo de exterminio do holocausto foi Birkenau, Auschwitz II
Estímase que aí finaron máis de un millón de xudeus e uns 20 mil xitanos
Consistía nun matadoiro industrial no que morrían miles de persoas ao día
Todo era a grande escala, con latrinas en ringleira e ata catro crematorios




Deixamos o museo dos horrores e ao día seguinte dirixímonos a Wieliczka
Neste lugar ás aforas de Cracovia agardábannos as famosas minas de sal
-Xunto con Auschwitz, teñen en común seren Patrimonio da Humanidade-
Baixamos a 300 metros de profundidade por unhas escaleiras de madeira
Unha vez nas galerías, fomos vendo as obras esculpidas polos mineiros




Entre os relevos, as figuras e os grandes salóns, producían un efecto curioso
Por momentos, daba a impresión de estarmos a explorar un reino dos ananos
Durante 800 anos, os mineiros extraeron o sal das minas e crearon todo isto




Xa en Cracovia, visitamos o palacio real, que está situado sobre un outeiro
A cidade fora capital do país durante case 300 anos, entre os ss. XIV e XVI




A elevación na que están ubicados o castelo e a catedral chámase Wawel
Á beira das murallas e con vistas ao Vístula, paramos para tomar uns cafés
Logo descendemos ao centro e encamiñámonos cara á praza do Mercado
Alí levounos un cachiño percorrer a praza medieval máis grande de Europa


No s. XIX, Cracovia pasou a ser unhas das principais cidades galicianas
Galitzia era daquela un dos reinos integrados no imperio dos Habsburgo
De aí o certo acento austrohúngaro que conserva o seu recinto histórico


É de destacar a basílica de Santa María, cuns interiores sorprendentes


As 4 hectáreas da praza maior xiran en torno ao renacentista Sukiennice
Baixo este centro comercial na súa época, demos cunha feira de artesanía
Fóra tamén había postos, coma un de pierniki, galletas de xenxibre e canela




Xa pola tardiña paseamos polo parque que antano ocupaban as murallas
Foran derrubadas precisamente durante o período de dominio de Viena
Dende alí andamos cara á praza do Mercado Pequeno, lindeira coa outra
Nela celebraban unha festa gastronómica de exaltación dos seus pierogi
-Unha especie de pasta rechea, coma os ravioli, con forma de empanadilla-




Tamén había queixos do país, ademais dos omnipresentes lody e gofry




De volta na praza maior, deunos por facer un selfie despois de beber
De cea, comemos un exquisito golonka ao espeto con patacas asadas
E así, deixamos esta preciosa cidade polaca con moi bo sabor de boca


06/09/14

De Pomerania a Silesia



Na parte central da nosa viaxe a Polonia, fomos de Pomerania a Silesia
Trala estadía en Gdansk, durante días percorremos o país de norte a sur
De camiño, atravesamos os principais voivodatos, con diversas paradas
En Toruń, declarada Patrimonio da Humanidade, fixemos un primeiro alto




Toruń era outra cidade unida á Liga Hanseática na Baixa Idade Media
Ao contrario ca Gdansk, apenas foi bombardeada na II Guerra Mundial
É famosa por ser o berce de Copérnico, cuxa casa decidimos visitar



Deseguido, dirixímonos a Poznań, a primeira capital que tivo o país
Fundada hai máis de mil anos, loce unha leda e colorida praza maior




A cidade de Poznań atópase a medio camiño entre Berlín e Varsovia
Centro académico de primeira orde, acolle uns cen mil universitarios




En Poznań bebemos unhas boas cervexas da casa, de trigo e con mel
Tras facer noite alí, seguimos cara a Wrosław, a capital da Baixa Silesia




Wrosław conta coa segunda praza do mercado máis grande de Polonia
Xira en torno á antiga casa do concello, de estilo gótico, hoxe un museo
Alí, na propia praza, puidemos xantar nun restaurante bastante acolledor




No medio da praza hai unha estatua na honra de Aleksander Fredro
-Poeta, dramaturgo e escritor polaco do período do Romanticismo-
Trala guerra, ocupou o sitio da estatua adicada ao kaiser Guillerme
Traérana dende Lviv, no actual oeste de Ucraína, polaca ata daquela
A mesma sorte correran tantas familias que substituíran as deportadas
Non en van, esta zona fora xermana durante os anteriores sete séculos
Chegue con dicir que o mesmísimo Manfred von Richthofen nacera aquí


O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...