11/09/14

Cracovia



No noso seguinte destino, Cracovia, comezamos a visita polo barrio xudeu
Ou no que quedaba del, logo dos horrores cometidos na veciña Auschwitz
Este campo de concentración atópase en Oświęcim, a uns 40 quilómetros
Erguido trala invasión do país por parte da Alemaña nazi, hoxe é un museo
Así que alí fomos para coñecer mellor o que tanto nos contaran nos filmes




En realidade, é un complexo formado por varios campos de concentración
O primeiro deles fora creado para confinar prisioneiros políticos e de guerra
E alí foi onde se comezou a experimentar con insecticida na cámara de gas
No museo poden ollarse o crematorio mailos montóns de latas de Zyklon B
Tamén se expoñen os aparatos ortopédicos, as lentes ou o pelo das vítimas




O principal campo de exterminio do holocausto foi Birkenau, Auschwitz II
Estímase que aí finaron máis de un millón de xudeus e uns 20 mil xitanos
Consistía nun matadoiro industrial no que morrían miles de persoas ao día
Todo era a grande escala, con latrinas en ringleira e ata catro crematorios




Deixamos o museo dos horrores e ao día seguinte dirixímonos a Wieliczka
Neste lugar ás aforas de Cracovia agardábannos as famosas minas de sal
-Xunto con Auschwitz, teñen en común seren Patrimonio da Humanidade-
Baixamos a 300 metros de profundidade por unhas escaleiras de madeira
Unha vez nas galerías, fomos vendo as obras esculpidas polos mineiros




Entre os relevos, as figuras e os grandes salóns, producían un efecto curioso
Por momentos, daba a impresión de estarmos a explorar un reino dos ananos
Durante 800 anos, os mineiros extraeron o sal das minas e crearon todo isto




Xa en Cracovia, visitamos o palacio real, que está situado sobre un outeiro
A cidade fora capital do país durante case 300 anos, entre os ss. XIV e XVI




A elevación na que están ubicados o castelo e a catedral chámase Wawel
Á beira das murallas e con vistas ao Vístula, paramos para tomar uns cafés
Logo descendemos ao centro e encamiñámonos cara á praza do Mercado
Alí levounos un cachiño percorrer a praza medieval máis grande de Europa


No s. XIX, Cracovia pasou a ser unhas das principais cidades galicianas
Galitzia era daquela un dos reinos integrados no imperio dos Habsburgo
De aí o certo acento austrohúngaro que conserva o seu recinto histórico


É de destacar a basílica de Santa María, cuns interiores sorprendentes


As 4 hectáreas da praza maior xiran en torno ao renacentista Sukiennice
Baixo este centro comercial na súa época, demos cunha feira de artesanía
Fóra tamén había postos, coma un de pierniki, galletas de xenxibre e canela




Xa pola tardiña paseamos polo parque que antano ocupaban as murallas
Foran derrubadas precisamente durante o período de dominio de Viena
Dende alí andamos cara á praza do Mercado Pequeno, lindeira coa outra
Nela celebraban unha festa gastronómica de exaltación dos seus pierogi
-Unha especie de pasta rechea, coma os ravioli, con forma de empanadilla-




Tamén había queixos do país, ademais dos omnipresentes lody e gofry




De volta na praza maior, deunos por facer un selfie despois de beber
De cea, comemos un exquisito golonka ao espeto con patacas asadas
E así, deixamos esta preciosa cidade polaca con moi bo sabor de boca


Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...