23/12/23

E Selma en 2023

 

Este último ano supuxo unha serie de grandes cambios para a nosa filla
Rematou os estudos de Primaria, con boas cualificacións, e comezou os da ESO
Fíxoo, ademais, nun instituto onde só coñecía de antemán un puñado de compañeiras




A experiencia máis destacable a comezos de 2023 foi a viaxe que fixemos a Cataluña
Botamos case toda a Semana Santa hospedados no parque de PortAventura, onde o pasamos xenial




Aproveitando a proximidade, achegámonos ata Tarragona e coñecemos o seu pasado romano




Sobre estas liñas, vemos a rapaza nunha das últimas veces que tivo que usar máscara
Si as segue a lucir no seu rostro, en sentido figurado, na escola de teatro onde se forma dende hai anos




Sobre estoutras, figura un recordo de cando foi coñecer as termas romanas de Lugo
E debaixo, outro de cando cruzamos por vez primeira a ponte de San Carlos, en Praga




Na capital checa visitamos polo verán monumentos coma o castelo ou o cemiterio xudeu
Tamén subimos ao outeiro de Petřín, onde nos divertimos no labirinto de espellos, e fomos ao teatro negro




Na principal viaxe do ano tamén estivemos en Karlovy Vary, onde probamos as delicias locais
Unha das mellores lembranzas da rapaza foi o dun bubble tea nunha das tendas de Candy Miners




Tamén polo verán, visitamos a familia de Cambados, onde celebramos os aniversarios da avoa ou da tía




Logo pasamos uns días na Coruña, pero antes coñecemos o parque de arte rupestre de Campo Lameiro




Xa coa familia do Golfo Ártabro, celebramos o aniversario máis doce de Selma
E de volta na casa, volvémolo festexar entre as amizades luguesas nosas e da nena




Durante ese período, a rapaza puido degustar uns cantos batidos de distintos sabores




Logo comezaron xa as clases, tanto na academia coma no instituto
No novo centro fixo novas amizades e comezou a asistir a actividades extraescolares
Foi o caso dun obradoiro de maquillaxe terrorífica que se impartiu xusto antes de celebrarmos o Samaín





Con toda a ilusión do mundo, emprendemos na nosa familia esta nova etapa
A mesma coa que vos desexamos que teñades un moi feliz 2024 e que pasedes unhas boas festas na mellor compaña

01/11/23

De Adai a Lugo pola beira do Miño

 

Nas últimas semanas percorrín varias veces a beira dereita do Miño, partindo de Adai
Dende esta parroquia luguesa ata a ponte romana, o río discorre entre grandes masas de arborado autóctono
Carballos, castiñeiros, freixos ou ameneiros son algunhas das especies máis comúns no treito, que consta duns cinco quilómetros de longo




Realicei dúas rutas, camiñando tanto polos carreiros que van pola marxe fluvial como polas pistas
No primeiro caso, o itinerario é moito máis fermoso ca no segundo, pero non está exento de inconvenientes
Para empezar, conta cunhas pasarelas de madeira que non se encontran precisamente no mellor estado de conservación




Doutra banda, a vexetación do sendeiro estivo ultimamente inzada de carrachas, o que pode resultar aínda máis perigoso
É, por tanto, un percorrido especialmente recomendable a partir destas datas, xa coa chegada do frío e antes da caída total da folla




Río abaixo, os diversos camiños atravesan a parroquia de Orbazai, onde acaban por converxer
Aquí é onde desemboca no Miño o rego de Mera, un afluente que, coma o Rato, ten o seu propio paseo fluvial




Conforme seguen a discorrer as augas xa unidas de ámbolos cursos, achegámonos á contorna urbana
Sobre estas liñas, pódese ollar a antiga Fábrica da Luz, un edificio que non dá atopado o seu destino definitivo
Debaixo, pode verse o balneario de Lugo, que alberga unhas termas romanas que teñen preto de 2.000 anos de antigüidade




Entre ambos, cruza o río a ponte romana, tamén do século I
Ata aquí chega o paseo pola beira do Miño máis rural e menos coñecida e transitada

01/10/23

A arte rupestre de Campo Lameiro

 


Neste verán que non quere rematar fomos ata a capital galega dos petróglifos e tamén viaxamos no tempo
Visitamos o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, onde retrocedemos varios milenios




Para situarnos entre catro e cinco mil anos atrás, antes percorremos o museo interpretativo
En distintas salas aprendemos con que ferramentas gravaban inscricións na pedra os nosos ancestros
E descubrimos a enorme semellanza con outros conxuntos de arte rupestre ao aire libre na costa occidental europea




Unha vez situados entre as idades de Pedra e de Bronce, saímos ao parque
Alí explicáronnos que os petróglifos estaban concibidos para ser apreciados a través das súas sombras
É dicir, coa luz oblicua do amencer ou do solpor poden distinguirse mellor as figuras inscritas no granito, de diferentes tipoloxías




Un dos máis espectaculares de todo o conxunto é o da Laxe dos Carballos
Cuns 60 metros cadrados de superficie, nel represéntanse animais, obxectos ou motivos xeométricos
Nunca habemos esquecer os cantos á beleza da arte rupestre por parte da rapazada que estaba a participar nun campamento de verán




Outros petróglifos destacables son os do Outeiro dos Cogoludos
Teñen inscritos varios labirintos, coma o que se creou a escala humana e que percorremos
No parque tamén se recrea un poboado do Neolítico, coas súas pallozas de adobe e con cabazos rudimentarios
En resumo, a experiencia foi moi instrutiva, pero para mellorala aínda máis recomendo realizala pola tarde, coas últimas raiolas

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...