Nas últimas semanas percorrín varias veces a beira dereita do Miño, partindo de Adai
Dende esta parroquia luguesa ata a ponte romana, o río discorre entre grandes masas de arborado autóctono
Carballos, castiñeiros, freixos ou ameneiros son algunhas das especies máis comúns no treito, que consta duns cinco quilómetros de longo
Realicei dúas rutas, camiñando tanto polos carreiros que van pola marxe fluvial como polas pistas
No primeiro caso, o itinerario é moito máis fermoso ca no segundo, pero non está exento de inconvenientes
Para empezar, conta cunhas pasarelas de madeira que non se encontran precisamente no mellor estado de conservación
Doutra banda, a vexetación do sendeiro estivo ultimamente inzada de carrachas, o que pode resultar aínda máis perigoso
É, por tanto, un percorrido especialmente recomendable a partir destas datas, xa coa chegada do frío e antes da caída total da folla
Río abaixo, os diversos camiños atravesan a parroquia de Orbazai, onde acaban por converxer
Aquí é onde desemboca no Miño o rego de Mera, un afluente que, coma o Rato, ten o seu propio paseo fluvial
Conforme seguen a discorrer as augas xa unidas de ámbolos cursos, achegámonos á contorna urbana
Sobre estas liñas, pódese ollar a antiga Fábrica da Luz, un edificio que non dá atopado o seu destino definitivo
Debaixo, pode verse o balneario de Lugo, que alberga unhas termas romanas que teñen preto de 2.000 anos de antigüidade
Entre ambos, cruza o río a ponte romana, tamén do século I
Ata aquí chega o paseo pola beira do Miño máis rural e menos coñecida e transitada
Ningún comentario:
Publicar un comentario